Spoiler

Hai un libro titulado: “Cómo se cuenta un cuento” de García Márquez. Unha das grandes figuras da Escola Internacional de Cine e Televisión e organizador de obradoiros de guións. A idea é que calquera suceso pode ter unha historia detrás, que o importante é a capacidade de inventarmos historias.

Atrévome a propoñerlles unha: a ficción arranca tras o triunfo electoral dun alcalde. Chegado ao cargo, vai facéndose fotos aproveitando os asuntos pechados polo anterior. Asegura que o Concello ten un furado de vinte millóns de euros, para de seguido facer as festas máis caras da cidade. Di que vai recuperar espazos para aparcar os coches e así hai quen decide deixar o seu ás portas do centro de saúde. A poucos, as árbores rebélanse por estrés e, a maiores, o alcalde desaparece. Cuestión esta última desmentida pola súa oficina de prensa. Pero, o certo é quen non está.

Para solucionar isto, a oficina pon un dobre. O problema xurde cando sae pola televisión na capital e, ao mesmo tempo, preside un evento local. Como é posible? A cidadanía divídese. Uns pensan que o verdadeiro é o de aquí, e outros o de alá. O asunto é resolver esta cuestión. Mais, a partir de aquí hai que esperar a ver o relato completo, para non facer “spoiler”.

https://www.diariodeferrol.com/articulo/opinion/spoiler-4415706

Fra Molinero, narrador

Estes días, que ando ordenando libros, dinme conta de que Fra Molinero e Saramago si, comparten vocación literaria, pero tamén título novelesco. As dúas obras, aínda que diferentes, xiran arredor do mito da caverna. Na miña memoria, de ex alumno do Concepción Arenal, están aqueles comentarios – máis próximos á filosofía que a súa materia de Historia – que Fra facíamos del. Así que para nada “La caverna de Platón”, esta editada por Edicións Esquío e cunha portada de Manuel Patinha, fórame un título estraño para o meu profesor.

A capacidade de contar historias vén de algo tan subxectivo como a apreciación que temos do que vemos ou pensamos. Por iso, se partimos dun mesmo feito ou dunha mesma lenda, unido isto a posibilidade de fabular a realidade – que diría Vargas Llosa – levaranos por múltiples camiños e algúns impensables.

Todo comezou arredor das sombras dunha fogueira hai miles de anos, e á necesidade de manter a súa memoria. De que transcendera alén na nosa propia existencia persoal. Así, hai tempo que o asunto é a disciplina de sentarse a escribir. Coñecer aquelo sobre o que vas ficcionar e ter as palabras axeitadas para cambiar esa realidade. Si, as palabras que cambian o mundo.

https://www.diariodeferrol.com/articulo/opinion/fra-molinero-narrador-4409042

Ferrol quere tren

Vanme perdoar estas palabras. Pero, non lles fan caso. Hai queixas porque non avanzamos nos corredores transeuropeos e de mercadorías ferroviarias, e están reivindicativos ante o semestre español da Unión Europea e ante o goberno español, en funcións, de Pedro Sánchez. O certo é que seguen sen existir un verdadeiro plan director e un Atlantic Corridor que falen galego.

A verdade é que á cidadanía do norte de Galicia – de seguir a súa lóxica – debera darnos igual. Non estamos incluídos por unha decisión da Xunta de Galicia e defendida por Miguel Tellado, na anterior lexislatura no Senado español. O norte galego con Ferrol e Lugo estamos excluídos do chamado “Corredor Atlántico Norte”.

Se alguén quere ter cohesionado territorialmente Galicia, debera facelo sumando as áreas de Ferrol e Lugo. Mais, seguro que hai intereses en que o noso porto exterior siga indo de xeito lento e non poida conectarse, vía corredor transeuropeo de mercadorías ferroviarias, con Portugal e co corazón da Unión Europea. Alguén debería contarnos a verdade, explicar porque queren que sigamos coas mans atadas e xogando á pita cega. Construír país non é algo abstracto. Faise coa suma dos seus territorios e das súas potencialidades.

https://www.diariodeferrol.com/articulo/opinion/ferrol-quere-tren-4403553

Miguel Delibes

Se a memoria acerta foi nunha exposición patrocinada pola Xunta de Galicia, na sede ferrolá de Afundación, sobre as orixes e historia da cidade, cando aquel libro chamoume a atención: “377A, madera de héroe” de Miguel Delibes. Estaba, entre outros, por ter en común Ferrol como territorio literario. Tras un tempo logrei facerme cun exemplar de aquela primeira edición de outubro de 1987.

É unha novela onde usa a súa propia experiencia como mariñeiro da Armada e como participante na Guerra Civil española, escrita cincuenta anos despois da súa finalización e con claros vínculos a Ferrol. De feito, na fundación que leva o seu nome, podemos atopar as certificacións expedidas na nosa cidade, polas autoridades militares, cos seus servizos no buque Canarias en outubro de 1939.

Estas referencias a Ferrol, dun autor tan único e excepcional, rara vez son reflectidas nas críticas literarias. Mais, a un interésalle todo aquelo que ten que ver coa cidade naval. Non sei se produto dun persistente localismo ou porque a literatura, nos seus diversos eidos, ten que ter tamén un lar no que desenvolverse. Recrear a cidade é un xeito de facer que transcenda moito máis alá dun tempo determinado, faina eterna.

https://www.diariodeferrol.com/articulo/opinion/letras-cambio-4398023

https://fundacionmigueldelibes.es/

O Ferrol máxico

As cidades teñen múltiples facianas, é Ferrol non ía ser menos. Por iso a enorme importancia da profesión periodística que, de algún xeito, ofrece unha síntese que nos permite achegarnos á realidade local. Aínda que só sexa para que a cidadanía poidamos ter unha visión unitaria da cidade.

Pero, a pregunta e se esas realidades múltiples que conforman Ferrol, anúlanse ou van superpostas? Ás veces parecen tramas dunha novela fantástica de Álvaro Cunqueiro ou do realismo máxico de García Márquez. Así á aparente tranquilidade da cidade da Ilustración da Magdalena, o aparcar imposible de Ultramar, a rehabilitación do Recimil con okupas e a multiculturalidade dos Ensanches, acaban anegadas por políticos locais.

Entón, como son posibles estas rupturas no relato municipal a pesar da maioría absoluta? Precisamente por iso. Porque se está nunha narrativa (ou mellor na propaganda) e non na xestión das cousas. A prioridade é vender que, fronte á lentitude da administración local, a noria xira aínda que vaia a ningures, de aí os erros populistas da dereita co salario do alcalde-senador ou a confusión, asalto e caos na mobilidade arredor da praza de Armas. E iso que a oposición política está na espera cortés dos cen días.

https://www.diariodeferrol.com/articulo/opinion/ferrol-maxico-4390276