O espello roto

A taberna Ábaco é un dos locais máis senlleiros de Ferrol. A súa decoración lembra á que temos interiorizada dos pubs irlandeses. Como todos saben, a súa barra está presidida por dúas sereas que nos invitan a mergullarnos nos pensamentos, cara a ningures. Máis, sabendo que nas súas paredes atopamos os retratos do impresionista Vicent Van Gogh e da matriarca de Galicia, a nosa Rosalía. Así como ese reloxo, que di, importado do país da arpa dourada.

Talvez, esta decoración á irlandesa sería completa se a carón da gramola tiveran un exemplar do Ulises de James Joyce, xunto cun espello roto dunha criada. Isto último como símbolo da arte deste país irmán.

Esta pasaxe do espello roto é unha imaxe poderosa do Joyce referente das vangardas do modernismo, que resúltame moi atraente. Ao igual que Dante, el axustou contas cos seus contemporáneos, de aí esa íntima relación entre a Divina Comedia e o Ulises. O espello roto é unha provocación contra os reducionismos locais, onde o autor de Dublineses relativiza as influencias na cultura e na lingua. Así, atrévese a contradicir a Aristóteles e afirma que a vida é quen imita á arte, seguindo a estela deixada por Oscar Wilde e a súa decadencia da mentira.

https://www.diariodeferrol.com/articulo/opinion/espello-roto-4932076

Mulleres de Ferrol

Elas sempre silenciadas, sempre ocultas. A historia acernada porque esquece á metade da súa poboación. Incluso se falamos de oficios ou de construcións singulares e únicas, elas quedan sen voz. Cando se puxo en valor o traballo das mulleres, por exemplo, na construción do dique da campá? Alí duascentas estibadoras retiraron miles de metros cúbicos de terra e pedras sobre as súas cabezas e cobraron menos ca os homes. Agora, afortunadamente, o Centro Dramático Galego reivindica o seu papel cunha obra de danza chamada “Dique”.

Un vinte de xullo de 1936, vinte mulleres vestidas de enfermeiras, asaltan o buque militar Almirante Cervera. O seu obxectivo axudar á resistencia, defender a democracia contra o franquismo. Non serán as únicas, moitas máis serán fusiladas polos sublevados. Serán a semente da resistencia durante a longa noite de pedra. Precursoras das mulleres de marzo de 1972, estas últimas farían a primeira manifestación de solidariedade cos traballadores de Bazán convertendo a mesma nunha loita do conxunto da sociedade ferrolá.

Elas organizaron a resistencia, os cuidados, os saberes, a vida. Elas uniron pasado, presente e futuro. A historia de Ferrol resulta incomprensible sen elas.

https://www.diariodeferrol.com/articulo/opinion/mulleres-ferrol-4925863

Dostoievski en Ferrol

Pasar por Pessoa é o que ten. A case obriga de saír cun libro, por moi pequeno (en tamaño) que este poida parecer. Así chegou ás miñas mans outro de Fiodor Dostoievski con dous relatos: “Novela en nove cartas” e “O grande inquisidor”.

Teño, non sei até que punto lenda urbana, a idea da existencia dunha biblioteca itinerante, que a principios do século pasado, existía nos estaleiros de Ferrol. Dicíanme que grazas a iso, os traballadores do naval de entón coñecían aos escritores clásicos, tanto franceses como rusos. O certo que ben preto, chegando case a Amboage, tiña sede o Círculo Obreiro de Cultura con máis de nove mil volumes na súa biblioteca. Esta destruída inmediatamente polos integristas católicos e falanxistas en 1936.

Tamén, hai quen contoume que, nos tempos da ditadura, de xeito clandestino seguía a circular outra biblioteca no estaleiro da antiga Bazán. Si, as letras entraban con sangue, mais ao mesmo tempo sementaban ventos de liberdade e subversión.

Con estes vimbios son normais as achegas da cidade do mar á historia grande do país. A existencia dunha clase traballadora ilustrada e cunha forte aprendizaxe nos máis variados oficios, explican unha parte esencial do ser ferrolán.

https://www.diariodeferrol.com/articulo/opinion/dostoievski-ferrol-4900965

Ser letra viva

Hai vinte días Jorge Guzmán, xornalista desta casa, publicaba un interesante traballo sobre a poboación estranxeira en Ferrol. Nós cun 4,5% temos a porcentaxe máis baixas das grandes cidades galegas e o quinto da comarca. Engadir que – no conxunto de España – aportan o 10% das cotizacións á Seguridade Social e só supoñen o 1% do gasto.

Por outra banda, o escritor e apátrida, Sergio Ramírez publicaba un fermoso artigo lembrando o seu exilio e a chave gardada da súa casa en Managua. Os sefardís na Idade Media e os mouriscos españois facían o mesmo. Igual que moitos galegos emigrados. Poucos volveron, a maioría nunca.

Ramírez conta como unha maleta aberta representa a incerteza ante a vida nova, o tránsito burocrático para conseguir os permisos de residencia e traballo. Así que cando pechas esa maleta, sabes que nunca máis volverás aos lugares da túa memoria.

Quizais o asunto é como ben di, ser letra viva. Non perder a túa singularidade e que sexa unha verdadeira terra de acollida. A implementación de políticas para a integración e a convivencia, desde o Concello, son prioritarias, xunto co tecido socio-cultural e relixioso. Máis fronte os abusos dos elementos tóxicos e os prexuízos primarios.

Pactar o Sánchez Aguilera

Estaría ben deixar os titulares da prensa aos periodistas e que os partidos locais fixeran, precisamente, iso: política. É dicir, diálogo e acordo. Si, Ferrol merece un pacto de cidade. E a estas alturas o futuro do antigo Sánchez Aguilera non pode seguir sendo, pouco máis, que un faladoiro de café.

Quizais non veña mal lembrar que o “Convenio de Rey Varela” segue a ser o feito en tempos do alcalde Vicente Irisarri cun par de engadidos. Que seguirá a ser a administración estatal o principal inversor na reurbanización do Sánchez Aguilera e que se non fora porque é unha “herdanza” negociada polo anterior goberno local socialista, seguramente o Partido Popular nada tería. Máis tendo ao alcalde como senador nun grupo que está radicalmente enfrontado ao goberno de coalición progresista de España.

E todos sabemos dos cambios de cor política cada catro anos no goberno local. De feito, de ter sido o 9 de xuño municipais, habería maioría de socialistas e nacionalistas… A cidadanía sabe que a reurbanización completa, e toda a influencia que vai ter para Ferrol, é para varios mandatos. Sería bo que a actual maioría absoluta de goberno e a oposición pactaran o seu futuro. Ferrol únenos a todos.

https://www.diariodeferrol.com/articulo/opinion/pactar-sanchez-aguilera-4878242