Cántico de Salomón

Hai moitas versións do “Cântico dos cânticos” en todos os textos xudeu-cristiáns, que se poidan citar: o Tanaj, a Biblia de Xerusalén, a Biblia evanxélica, a galega. Pero, a versión da poetisa Eugénia de Vasconcellos, publicado pola editorial lisboeta “Guerra e Paz”, cunha presentación de Bessa-Luís, ten como virtude precisamente ser publicada á marxe de aqueles textos relixiosos.

O Shir Hashirim – Cántico ou Cantar dos Cantares – non ten encaixe fácil por ser un poemario que amosa, sen andar ás agachadas, o amor humano e o desexo carnal. Darlle un aspecto divino, do suposto amor de Deus (cando nin o cita) polo seu pobo, son interpretacións que chocan con eses 117 versículos, que son máis para unha festividade específica de aquel ámbito cultural do Mediterráneo oriental.

O Cántico atribuído a Salomón sofre as mesmas influencias que moitos dos textos do Antigo Testamento que, no seu conxunto, parecen querer dar lexitimidade a unhas costumes elevadas a leis e a unhas liñaxes reais que necesitan dicir que son herdeiros directos de Deus.

En calquera caso, collan a versión portuguesa ou de calquera Biblia que teñan a man e aproveiten para ler un poemario que xa supera moitos séculos de vida.

https://www.e-cultura.pt/artigo/28420

Falsos profetas

Resulta imposible intentar un diálogo con que ten a mentira e o insulto como método para non avaliar a súa propia xestión, chea de mala praxe e soberbia. Todo para non contradicir o seu credo liberal. Pero, o mercado de seu non arranxa nada, necesita da intervención pública, de sentido común e de investimentos non especulativos. Só uns potentes servizos públicos garantan o benestar cidadán.

A estratexia usada é moi básica. Unha vez producido o desastre, fan ruído coa axuda do seu coro mediático, para presentarse como os únicos que poden solucionar eses mesmos problemas que non souberon atallar. Así que xa pode Pedro Sánchez propor calquera cousa, outros están ao fácil: eludir as súas incapacidades sinalando un inimigo externo ao que demonizar e sementando odio.

Pero, xa que presumen da súa suposta identidade cristiá, igual hai que lembrarlles algúns versículos da propia Biblia. Por comezar, Mateo 7.15, pasaxe que fala dos falsos profetas con aparencia de ovellas e lembra aquela máxima de “polos seus froitos coñecerédelos”. Tamén poden mirar Mc13.22, 2P2.1 ou se o prefiren Ap19.20. Como non son crente, descoñezo como será o purgatorio, pero sempre quedaranos a definición de Dante Aligheri.

https://diariodeferrol.elidealgallego.com/articulo/opinion/falsos-profetas-5413690

https://www.abibliagalega.com/

Sefarad

A terra é única pero os seus destinos son diversos. Pasa o tempo e mentres esta permanece, incluso os pobos que as habitan resulta que van cambiando, tanto de idioma como de crenzas, e convivindo dentro da diversidade. Para entendermos o que somos temos que saber de onde vimos, e ás veces un recibe retornos que non espera.

Cheguei ao andaluz Rafael Cansinos Assens a través do arxentino Jorge Luis Borges. Ambos os dous tiñan especial devoción polos textos xudeus. No primeiro caso, estamos a falar dun español bautizado como cristián, pero de fondas raíces sefarditas. Cansinos vai deixar unha obra como “Las bellezas del Talmud”, habendo unha primeira versión a principios do século vinte.

Como saben o Talmud é o libro hebraico por excelencia, transmitido de xeito oral de xeración en xeración. Perseguido como ningún outro libro, que a diferenza da Biblia nunca foi considerado que estaba concluído. Cansinos amosa como as raíces fondas volven a saír, quizais de xeito inesperado. Houbo un tempo no que a península chamábase Sefarad e sobre ela está hoxe edificada a vida de cada un de nós. Como tamén foi tradutor do Corán -e dado que son as datas- permítanme desexarlles aos musulmáns un feliz ramadán.

https://www.diariodeferrol.com/firmas/manuel-cendan

Jorge Luis Borges

Hai en min a crenza de que o escritor arxentino Jorge Luis Borges podería ser un cidadán máis de Ferrol. Seguro que polas súas ascendencias militar e literaria, crioula e anglosaxoa, moveríase moi ben dentro da vida social da cidade. De feito, non se me fai difícil imaxinarlle en algún faladoiro con Gonzalo Torrente Ballester.

Como todos, Borges ten moitos prismas e é produto das súas contradicións e do seu tempo. Foi quen de denunciar as simpatías fascistas de Perón. Defender a súa idea da cultura occidental como alter ego antidogmático do xudeu, cuestión esta que levouno ao recoñecemento de Israel, aínda que hoxe non sei cal sería a súa posición ante a diáspora palestina e a “expulsión final” decretada por Netanyahu.

Mais, o que atrae a miña atención está no seu fetichismo arredor dos libros e, sen ser crente, porque tiña unha especial devoción pola Biblia e a Kábala. Borges insiste en que a innovación vén da lectura dos vellos textos. Que os libros son obxectos sagrados, que grazas á secularización da escritura a literatura é o eixo da creación humana. De aí os varios niveis de lectura que ten cada obra, de aí a Kábala e o aleph (a primeira letra do vocabulario semita, da Torá e do nome de Deus).

https://www.diariodeferrol.com/articulo/opinion/jorge-luis-borges-4989730