Ferrerías

Estes días con ese mar de choivas son produto do enfado da natureza con nós ou dun tempo de inverno tradicional galego? O frío, as choivas, a neve son un aviso previo divino ou, simplemente, é que xa tíñamos esquecida como era esta estación por causa de que, nesta última década, a subida das temperaturas confundía os nosos sentidos?

Teño curiosidade polos datos oficiais e así confrontar a, recoñezo, miña mala memoria. Un sempre fala – e hai quen dime o mesmo – de aqueles vellos invernos tan crus que comezaba a chover en setembro e, a duras penas, paraba chegado xullo, deixándonos agosto como tregua. Mais, son consciente de que a memoria é enormemente selectiva. Lembra aquelo que quere e como así ela decide, ou simplemente esquece e inventa a realidade.

Aínda teño na memoria, ou iso creo, como os nenos saímos ao campo que hai a carón das vivendas das Ferrerías, en Narón, para facer xuntos un grande moneco de neve. Alí tamén xogábase ao fútbol, pero tiña unha particularidade. Só había unha portería para que, ambos os dous equipos, poideran marcar o gol da vitoria. Afortunadamente, isto último está recollido nun cadro de Leandro Lamas e así podo asegurarme, de xeito fiel, da súa certeza.

https://diariodeferrol.elidealgallego.com/opinion/2026-01-28/ferrerias-833026.html

Debuxo de Leandro Lamas https://www.instagram.com/leandrinholamas/

Adamuz

O accidente dos trens de Andalucía acaba de nos encoller ao conxunto da cidadanía. Indubidablemente, tráenos á memoria o accidente de Angrois, nas aforas de Santiago. Agora é o momento de atender ás vítimas, as familias, e seguir coa resposta coordinada das diversas administracións (e dando exemplo), porque cando non se dá opción á ultradereita, o país funciona axeitadamente.

Máis adiante será o momento de abrir debate do accidente, das críticas políticas que considere cada quen. Incluso do papel que xoga a privatización das liñas de ferrocarril. O importante agora son as vítimas e as familias.

Pero, coa traxedia, volven a facerse presentes as indecencias, cun feixe de fotos e vídeos falsos, creados coa “intelixencia” artificial e co único obxectivo de causar desinformación e facer mal.

Permítanme engadir que, satúrame que determinados programas, usen o acontecido para a mala política. Todo para cuestionar se unha vicepresidenta do goberno de España e deputada andaluza, pode acompañar a responsables públicos. Eses mesmos dirían que a súa ausencia sería unha proba de falta de humanidade por parte dela. Máis cando a presenza de Feijóo, acompañado do presidente de Andalucía, é a esperada.

https://diariodeferrol.elidealgallego.com/opinion/2026-01-22/adamuz-831814.html

É posible a felicidade?

Agora que xa quedan atrás o Nadal, os excesos e o xogo da aparencia da alegrías por decreto, igual Bertrand Russell faríanos a pregunta enunciada ao comezo desta columna de hoxe. Pero, previamente temo que, tal como están as cousas, haxa que lembrar que a persoa mencionada é un dos filósofos e Premio Nobel de Literatura máis importantes do século vinte.

Dicía el que a felicidade podía ser de dúas clases: a de corazón e a de cabeza. Que o prudente era non ser demasiado orgulloso, nin demasiado modesto nos nosos proxectos. Que o cinismo é unha mistura do confort e de pobreza. E que esta última leva ás persoas a crer que nada vale a pena e, así o confort, fai soportable a tristura que este razoamento provoca.

Pero, tamén consideraba que a fraternidade e a cooperación son esenciais para a felicidade da maior parte da poboación. Mais, a fundamental depende, sobre todo, dun interese non hostil polas outras persoas e polas cousas. É dicir, o secreto estaría en que os nosos intereses (sans) sexan os máis amplos posibles e que as nosas reaccións cara as cousas, os entretementos e ás persoas interesantes sexan positivas. Isto necesita, obviamente, do noso entusiasmo por todo iso que chamamos “vida”.

https://diariodeferrol.elidealgallego.com/opinion/2026-01-15/e-posible-a-felicidade-830416.html

Trasalba

Grazas á aprobación unánime do Parlamento galego, este novo ano será adicado a Ramón Otero Pedrayo, do mesmo xeito que o anterior foi o de Castelao. A principios do pasado novembro no Ateneo Ferrolán tivemos a ocasión, da man de Patricia Arias Chachero (secretaria da Fundación depositaria do legado de Don Ramón), de coñecer a estreita relación entre ambos os dous. Mantida incluso a pesar da guerra civil, que no século pasado, deu fin á democracia republicana española.

Numerosas entidades vanse sumar á homenaxe a Ramón Otero Pedrayo. O autor da Guía de Galicia, da tradución dos fragmentos de Ulises, o Don Ramón das Irmandades da Fala, da revista “Nós”,o defensor do federalismo no parlamento español, o promotor do Padroado Rosalía de Castro e da Editorial Galaxia… Aquel que encabezou a resistencia cultural galega contra a ditadura.

Estes días a Fundación Otero Pedrayo está buscando esas edicións que hai nas nosas casas, para celebrar os cen anos da súa “Guía de Galicia” de 1926. Fáganse un favor, miren nas súas bibliotecas, tiren un par de fotos de ese libro e achéguenas á Fundación. E xa saben, todo comezou en Trasalba. Así que esta é unha visita obrigada para a cidadanía da actual Galicia.

https://diariodeferrol.elidealgallego.com/opinion/2026-01-08/trasalba-828891.html

Adeus ás clases medias

A mediados de decembro foi presentado o IX Informe de FOESSA, de Cáritas España sobre a exclusión e desenvolvemento social no conxunto do Estado. Evidentemente, nesta columna é imposible facer unha valoración de esa completa radiografía ao país que temos.

Pero, si afirmar que o que fallan non son as persoas, senón as trabas estruturais. En España hai máis de catro millóns de persoas en exclusión severa. Os catro factores contra a pobreza e a exclusión social son: educación, orixe familiar, saúde e relacións sociais.

A vivenda é un factor fundamental por estar esta inaccesible e o emprego, cada vez, é máis precario, a pesar de toda a regulamentación estatal. Dentro das persoas excluídas o 70% son poboación autóctona e o resto de orixe migrante. Dous millóns e medio de xente moza viven con precariedade estrutural.

A primeira consecuencia é a fragmentación social e as clases medias desprázanse cara abaixo. Aumentando as desigualdades, o individualismo e un sistema insostible.

O certo é que a xestión do que afecta maiormente á vida das persoas, como son vivenda, educación, saúde, industria ou dependencia son competencias das Comunidades Autónomas, á marxe dos regulamentos estatais ou da UE.

https://diariodeferrol.elidealgallego.com/opinion/2025-12-31/adeus-as-clases-medias-827659.html