A casa de Don Ricardo

Da casa de Ricardo Carvalho Calero queda realmente pouca cousa. Foi hai quince anos, no mandato do alcalde Vicente Irisarri, cando esa parcela xunto coas outras dúas lindeiras pasaron o patrimonio municipal, co obxectivo de ter uso cultural e veciñal. Tras o socialista pasaron pola alcaldía: José Manuel Rey Varela, Jorge Suárez, Ángel Mato e agora temos outro goberno da dereita.

A actual maioría absoluta do PP decretou unha intervención de urxencia, pero que non vai a resolver nada, excepto que os cascallos que quedan poidan ir parar á rúa San Francisco ou á Praza Vella. O argumento é que están á espera de aprobar o Plan Especial de Ferrol Vello, tendo como cuestión de fondo unha sentenza – de fai tres anos – do Tribunal Supremo que impide a suma de volumes.

O certo é que a casa está gafada. Tras quince anos, incluso indo pola “vía lenta”, é dicir coa intervención da Dirección Xeral de Patrimonio da Xunta, isto tiña que estar resolto. Así que hai que preguntarse se resulta que para algúns é un problema o legado reintegracionista de Don Ricardo. Lembremos como, determinadas institucións do país, aproveitaron a pandemia do 2020 para ocultar a súa figura, facendo unhas Letras Galegas vergoñentas.

https://diariodeferrol.elidealgallego.com/opinion/2026-02-12/a-casa-de-don-ricardo-836280.html

O bon vivir

Son as pequenas cousas as que dan fe diso que chamamos “bon vivir”. Por exemplo, algo tan sinxelo como facer o almorzo en algunha das cafeterías de Ferrolterra. Que mellor que sentarse arredor dunha mesa e pedir un café e tostas con aceite, xamón e tomate? Evidentemente, non é algo que os simples mortais podamos facer todos os días, á marxe de que isto sería – obviamente – moi ben acollido pola hostalería. Pero, que dúbida cabe que para as e os traballadores e, incluso, unha parte da clase media, sería un gasto excesivo. Ao nivel, de quen fuma un paquete ao día e tal como están os prezos.

Así, hai moitas cafeterías onde un pode desfrutar dese bon almorzo desexado. Por citar un par deles, a carón da praza do Inferniño e, por outra banda, reivindicar aqueles tempos tranquilos de convivencia veciñal: aí temos a nova andaina exitosa do vello “Gran Vía”, que volve a ser un lugar de encontro e referencia no barrio. Cruzando a Estrada de Castela temos o “Vetav’s”. Un como sempre busca o significado ás palabras e interpelado pola curiosidade acabou preguntando e sabendo que son as iniciais dos nomes dos netos da familia que rexenta esta cafetería. Así todo resulta moi familiar, como debe ser.

https://diariodeferrol.elidealgallego.com/opinion/2026-02-04/bon-vivir-834463.html

Ferrerías

Estes días con ese mar de choivas son produto do enfado da natureza con nós ou dun tempo de inverno tradicional galego? O frío, as choivas, a neve son un aviso previo divino ou, simplemente, é que xa tíñamos esquecida como era esta estación por causa de que, nesta última década, a subida das temperaturas confundía os nosos sentidos?

Teño curiosidade polos datos oficiais e así confrontar a, recoñezo, miña mala memoria. Un sempre fala – e hai quen dime o mesmo – de aqueles vellos invernos tan crus que comezaba a chover en setembro e, a duras penas, paraba chegado xullo, deixándonos agosto como tregua. Mais, son consciente de que a memoria é enormemente selectiva. Lembra aquelo que quere e como así ela decide, ou simplemente esquece e inventa a realidade.

Aínda teño na memoria, ou iso creo, como os nenos saímos ao campo que hai a carón das vivendas das Ferrerías, en Narón, para facer xuntos un grande moneco de neve. Alí tamén xogábase ao fútbol, pero tiña unha particularidade. Só había unha portería para que, ambos os dous equipos, poideran marcar o gol da vitoria. Afortunadamente, isto último está recollido nun cadro de Leandro Lamas e así podo asegurarme, de xeito fiel, da súa certeza.

https://diariodeferrol.elidealgallego.com/opinion/2026-01-28/ferrerias-833026.html

Debuxo de Leandro Lamas https://www.instagram.com/leandrinholamas/

Adamuz

O accidente dos trens de Andalucía acaba de nos encoller ao conxunto da cidadanía. Indubidablemente, tráenos á memoria o accidente de Angrois, nas aforas de Santiago. Agora é o momento de atender ás vítimas, as familias, e seguir coa resposta coordinada das diversas administracións (e dando exemplo), porque cando non se dá opción á ultradereita, o país funciona axeitadamente.

Máis adiante será o momento de abrir debate do accidente, das críticas políticas que considere cada quen. Incluso do papel que xoga a privatización das liñas de ferrocarril. O importante agora son as vítimas e as familias.

Pero, coa traxedia, volven a facerse presentes as indecencias, cun feixe de fotos e vídeos falsos, creados coa “intelixencia” artificial e co único obxectivo de causar desinformación e facer mal.

Permítanme engadir que, satúrame que determinados programas, usen o acontecido para a mala política. Todo para cuestionar se unha vicepresidenta do goberno de España e deputada andaluza, pode acompañar a responsables públicos. Eses mesmos dirían que a súa ausencia sería unha proba de falta de humanidade por parte dela. Máis cando a presenza de Feijóo, acompañado do presidente de Andalucía, é a esperada.

https://diariodeferrol.elidealgallego.com/opinion/2026-01-22/adamuz-831814.html

É posible a felicidade?

Agora que xa quedan atrás o Nadal, os excesos e o xogo da aparencia da alegrías por decreto, igual Bertrand Russell faríanos a pregunta enunciada ao comezo desta columna de hoxe. Pero, previamente temo que, tal como están as cousas, haxa que lembrar que a persoa mencionada é un dos filósofos e Premio Nobel de Literatura máis importantes do século vinte.

Dicía el que a felicidade podía ser de dúas clases: a de corazón e a de cabeza. Que o prudente era non ser demasiado orgulloso, nin demasiado modesto nos nosos proxectos. Que o cinismo é unha mistura do confort e de pobreza. E que esta última leva ás persoas a crer que nada vale a pena e, así o confort, fai soportable a tristura que este razoamento provoca.

Pero, tamén consideraba que a fraternidade e a cooperación son esenciais para a felicidade da maior parte da poboación. Mais, a fundamental depende, sobre todo, dun interese non hostil polas outras persoas e polas cousas. É dicir, o secreto estaría en que os nosos intereses (sans) sexan os máis amplos posibles e que as nosas reaccións cara as cousas, os entretementos e ás persoas interesantes sexan positivas. Isto necesita, obviamente, do noso entusiasmo por todo iso que chamamos “vida”.

https://diariodeferrol.elidealgallego.com/opinion/2026-01-15/e-posible-a-felicidade-830416.html