A PELOTA VASCA DE JULIO MEDEM (9-9-2003)

Durante dúas semanas estivo a película documental de Julio Medem nas salas dos Multicines Galicia, o cal é de agradecer, xa que non é unha película comercial, e se non abondara coa falta de promoción, neste caso ten tamén o veto da Ministra Pilar del Castillo.
Este documental a través de setenta entrevistas achéganos dunha forma seria e sen maniqueísmo á violencia política que se vive en Euskadi e Navarra. Comprender a situación do que está a acontecer nestes territorios é hoxe case imposible ante o control político que o Goberno e os seus amigos exercen sobre os medios de comunicación de ámbito estatal.
Empeza o director dedicando a película a todos os vascos, os presentes e aos ausentes. Botando en falta a aqueles que non quixeron participar.
Esta é unha radiografía do País Vasco actual desde a diversidade. Medem dálle a palabra a todos os que participan da vida social e política de Euskadi. Queda fóra ETA e por decisión propia o PP; aínda que de xeito indirecto si están representados a través do secretario xeral do PP Navarro (UPN), e por familiares de concelleiros asasinados pola súa militancia no mesmo.
Pero, é ben certo que o PP e a súa política impregnan todo o tempo a cinta. Non en vano, unha parte da solución tamén está en que as súas posturas involucionistas sexan aparcadas. A derrota policial de ETA mitigará a dor das víctimas e evitará novos atentados, pero non vai soluciona-lo conflicto. Probablemente, a súa desaparición traerá consigo o reforzamento do PNV como casa común do nacionalismo vasco.
A situación de Euskadi afunde as súas raíces na violación que o pobo vasco tivo por parte do franquismo, e aínda que unha parte do nacionalismo vasco vexa a ETA con certa ambivalencia, o certo é que é fiel fillo do seu pai “biolóxico” o Xeneral Franco.
Este é un documental que invita á reflexión e ao diálogo entre as forzas sociais e políticas de Euskadi. Da necesidade que xuntos teñen de elaborar un novo concepto de cidadanía, onde a ninguén se lle pida un certificado de orixe. De respecto e tolerancia, para unha convivencia pacífica. Polo reencontro entre nacionalistas e non nacionalistas. Evidentemente, a base é un acordo dos socialistas co PNV. Mais cada un necesita mudar actuais comportamentos.
Pero, pasa iso é necesario, como di o subtítulo que a pel loite contra a pedra. Esa pel é o pobo vasco, que necesita arranca-la enorme pedra que bloquea o diálogo e degrada a convivencia.
Así mesmo, Medem dá unha lección de cómo hai que facer documentais. As entrevistas están mesturadas coas paisaxes da terra vasca, con referencias a documentais de Orson Welles, aos pelotaris, a imaxes recentes da historia vasca, e sobre todo a música tradicional de Euskadi. Cancións que debullan a necesidade dunha Euskadi en paz e para todos. Cancións que enchen a alma de esperanza.

FERROL Á VENDA (17-10-2003)

Nos últimos anos Ferrol foi perdendo poboación, en cantidades tais que podemos afirmar que o encarecemento da vivenda na cidade supón unha sangría tan importante como, no seu día, supuxo a reconversión naval.
Se pola mínima estamos dentro da Lei de Grandes Cidades, cando menos resulta necesario debater se o desenvolvemento especulativo, que xa sufrimos desde hai varios mandatos municipais, é o apropiado. Sobretodo, agora que dedícanse páxinas enteiras ás propostas da actual equipa de goberno ferrolá, que pretende que chan público pase a mans privadas, sen saber ben cales serán os beneficios para os cidadáns.
Non se trata de entregar, sen máis, terreos que son propiedade da colectividade, para facer urbanizacións de alto custe que obrigan ás rendas baixas e aos xóvenes a marchar fóra do municipio, na procura de prezos máis baixos.
Sería de interese xeral que no desenvolvemento do Ferrol do futuro participásemos todos os cidadáns. ¿Cal é a previsión de vivenda protexida que, basicamente, están dirixidas a traballadores con rendas medias? ¿E a previsión de vivenda social para os que non poden acceder ao mercado que, por exemplo, poderíamos ubicar en solo urbán propiedade do Estado (Renfe, Ministerio de Defensa, etc.), e que está en desuso? ¿Cal é a previsión de vivenda de alugamento para parellas xóvenes, inmigrantes e de vivendas con servicios compartidos para maiores? ¿ Cal é a previsión para equipamento público e de ocio para os cidadáns? ¿Respectan as actuais propostas municipais o Plano Xeral de Ordenación Municipal, ou vaise modificar para mellora-los beneficios económicos das constructoras?
Aquí non vale o deixar facer. Quizais algúns necesitan lembrar o artigo 47 da nosa Constitución: “Todos os españois teñen dereito a unha vivenda digna e adecuada. Os poderes públicos promoverán as condicións necesarias e establecerán as normas pertinentes para facer efectivo este dereito, regulando a utilización do solo de acordo co interese xeral para impedi-la especulación. A comunidade participará nas plusvalías que xere a acción urbanística dos entes públicos”.
A Institución Municipal é un poder público, e polo tanto, ten que garantir este dereito constitucional. Hai tamén outras formas de xestiona-lo urbanismo, como sería que o propio Concello se converta en promotor público de vivendas, ou de cooperativas, sen descartar fórmulas mixtas con participación privada ou de outras Administracións.
A política de vivenda xunto coa de emprego son das que marcan de xeito fundamental a orientación social dun goberno. Pero, que o concelleiro de urbanismo da nosa cidade minusvalore o chamado pelotazo urbanístico ou que o de facenda, nun recente debate na televisión local coa anterior responsable, aposte por precarizar o emprego público dan fe de que estamos ante un goberno de costas aos cidadáns.
Un goberno que aposta porque uns poucos especulen coa vida de todos nós, mais outro Ferrol é posible.

O CASO VANNIKHOF E O XURADO POPULAR (1-10-2003)

Aínda gardo na miña memoria as palabras de aquel fiscal que dicía que Dolores Vázquez era “moi galega”. Aquela foi unha frase que se sumaba a un feixe de despropósitos, que impediron un xuízo xusto e coas garantías propias dun Estado de Dereito.
Ao mesmo tempo, unha prensa amarela, morbosa, con informacións non contrastadas propiciaron o linchamento social que acabou por situar a unha muller inocente sen defensa posible. ¿Onde estaría Dolores Vázquez sen o seu carácter forte e sen unha certa capadidade de resposta? ¿Onde estaría se en España houbera pena de morte?
De aquela o que fallou non foi o xurado popular, senón os investigadores policiais, un xuíz instructor que só con indicios duvidosos presentou o caso para xuízo oral, o fiscal e un maxistrado – presidente que tras un veredicto sen motivar dicta sentencia. Máis dun funcionario e dun estamento da Administración teñen moito que explicar e os Poderes Públicos teñen que tomar medidas con determinadas formas, actitudes e persoas. Non é de recibo dicir agora desde o Consello do Poder Xudicial que o sistema é válido, porque funcionou o sistema de reclamación!
Tamén o calvario de Dolores Vázquez ten que servir para poñer en cuarentena o periodismo cutre, sensacionalista e fascistoide que día a día entra nas casas a través da televisión. Fronte a esta basura “rosa”, que embrutece á xente o periodismo serio ten que recuperar o terreo perdido. Está en xogo os dereitos á liberdade de información, de expresión e incluso de prensa, que nunca poden ser confundidos con estes libelos de papel cuché.
En 1999 este xornal publicoume un artigo acerca da necesidade do xurado popular. De aquela a carón dun asasinato acontecido na nosa cidade houbo quen desde a fiscalía atacabao, pero a nosa participación na xustiza forma parte da esencia da Democracia. Pero, hai sectores corporativos que fuxen do xurado. Non só porque vai en contra dunha concepción elitista da sociedade, senón que tratan que ninguén teña ningún tipo de control democrático sobre as súas accións.
Non debemos deixar que aqueles que permitiron este desaguisado aproveiten a ocasión para lastrar unha das pezas fundamentais das nosas liberdades, nin tampouco debemos aceptar que non entendemos de leis, quedar ao marxe por comodidade ou que non estamos preparados. Facilitar as cuestións técnicas, xurídicas e as probas concluíntes son obrigas dos diversos estamentos policiais e xudiciais, pero discernir sobre se unha persoa é inocente ou culpable basta co sentido común dos mortais.
As pretensións da dereita xudicial e política van encamiñadas a considerar aos cidadáns menores de idade. Non cren na igualdade entre todos e pretenden que nos conformemos cunha democracia de baixa intesidade, que lles garanta o seu estatus.
A condición de cidadán obriga a asumir a nosa maioría de idade, coas vantaxas e cos inconvintes. E impartir Xustiza e cousa de todos nós. Que así sexa.

OBSERVATORIO CONTRA A PRECARIEDADE (9-9-2003)

A contratación eventual de España é superior ao trinta por cento. Utilízase o contrato por obra, servizo, por circunstancias da producción e por interinidade de xeito abusivo, co obxectivo de rebaixar custes empresariais e obrigar a aceptar condicións de traballo que non son tolerables nunha sociedade democrática. Muitas veces supoñen un grave risco físico ou psicolóxico para as persoas. Puerto Llano é unha das súas consecuencias.
Estes días, en relación co aumento das urxencias hospitalarias no Arquitecto Marcide, os seus responsábeis falaban de que unha parte do seu aumento viña dado por traballadores con contrato laboral en precario, que ante a imposibilidade de obter días das súas empresas para realizar uns análises médicos, utilizan o servizo de urxencias para facelos.
É evidente que o abuso da precariedade supón un cancro para o desenrolo da nosa sociedade, e cando menos débese poñer ao descuberto prácticas aparentemente legais, transformando na maioría dos casos postos de traballo permanentes en eventuais, pero que socialmente son impresentables. Abusos que hipotecan o dereito da persoa ao desenrolo pleno da súa vida. E o traballo estable e de calidade é unha parte esencial para este desenrolo.
Quizais, vai sendo necesario que as organizacións sindicais, nos seus ámbitos de actuación, promovan observatorios cuxos datos sexan de acceso público – na maioría dos casos están nos diversos organismos oficiais-, e que analicen a situación laboral de aquelas empresas que utilizan a precariedade laboral ou a subcontratación de forma abusiva, máis alá do estrictamente necesario para os verdadeiros traballos eventuais ou de aumento circunstancial na productividade.
Non se trata de facer ningunha campaña contra esta ou aquela empresa. Pero, si de que a realidade oficial dea paso á verdadeira. De que saibamos que tal empresa utiliza a persoal subcontratado para cubrir as vacacións dos seus empregados ou cando entramos nun coñecido establecemento saibamos que ten traballadores desde hai máis dunha ducia de anos que van pasando desde a empresa matriz a outra instrumental, para que estas persoas non teñan ningún tipo de dereito. Así mesmo, facilitaría a visualización de empresas que “comparten” domicilio social e traballadores, así como dos moitos aqueles “sen papeis” que non aparecen por ningures, pero que todos vemos nas rúas.
Este observatorio serviría, ademais, para que os sindicatos puideran axustar o seu traballo cara a defensa dos traballadores, especialmente, os eventuais e dos “sen papeis”. Xa que, evidentemente, poderíamos clasificar ás empresas non só polo nivel de beneficios económicos, senón pola súa utilidade social. A capacidade dun especulador para se enriquecer non interesa á sociedade. Unha persoa terá o recoñecemento social como empresario en función da riqueza que xere en investimentos non especulativos e nun ben social como é o emprego estable e de calidade.
Os sindicatos e a súa unidade de acción, con todas as dificultades obvias, teñen moito que dicir. Pero, a realidade obriga a buscar respostas e emprazados quedamos todos.

CHAPAPOTE NAS PRAIAS (3-7-2003)

Hai uns días tivemos a visita dos Reis para coñecer in situ como vai a recuperación das nosas costas tras a rotura do “Prestige”. Ao carón D. Manuel, Rajoy e representantes do Goberno Aznar. Unha forma de ter un baño de multitudes escudados nos monarcas.
Por moito que diga Fraga que todo vai ben na recuperación das costas galegas e na tempada turística, a convivencia nas praias de bañistas coas cuadrillas de limpeza do chapapote non é precisamente algo que poida tranquilizar.
A verdade é que hai moitas dúbidas sobre as informacións que saen tanto da Xunta como do Goberno central. Ademais, que o Comisionado para o “Prestige” forme parte do núcleo duro do PP tampouco serve para garanti-la credibilidade das Institucións.
Para máis inri, agora aparecen informes agachados no Ministerio de Fomento que falan de fuel enterrado a sesenta centímetros nas praias, desde Barrañán a Arousa, formando unha masa compacta coa area, que nos vindeiros meses acabaría por aflorar e que sería moito máis difícil de limpar. Falta avaliar os custes para a saúde das persoas e para a nosa economía a medio e longo prazo. Non hai que esquecer que uns cento vinte mil empregos están directamente relacionados co mar en Galicia.
Resulta curioso que a estas alturas non se teñan asumido as responsabilidades políticas pola xestión do accidente. Das responsabilidades penais xa o tempo e a Xustiza dirán o que a cada quen lle corresponda.
Non é tolerable que o Goberno, ante a posible responsabilidade subsidiaria do Estado, oferte o adianto das indemnizacións aos afectados, condicionado a que renuncien ás futuras se estas son maiores e, por suposto, a que desistan das correspondentes denuncias xudiciais contra os tres altos cargos da Administración, ante unha eventual condena por ter transformado o accidente do petroleiro no maior desastre da Historia de Galicia.
Hai outros dous asuntos aínda non pechados. O petroleiro non pode ficar sen solución por máis tempo, esperando a ver se é certo que non sae máis combustible. A Administración está na obriga de apurar unha solución definitiva e viable coa colaboración dos especialistas e das asociacións ecoloxistas. Hai que lembrar que desde o Campus ferrolá recoñecidos profesores universitarios como Primitivo González facían unha proposta para encofra-lo buque, até ter a tecnoloxía necesaria para extrae-lo fuel.
O segundo asunto radica sobre a propia xestión do Goberno Aznar. Unha das causas fundamentais da magnitude que alcanzou o accidente está no adelgazamento que fixeron do Estado. Neste país necesitamos un forte investimento en seguridade marítima (máis remolcadores e máis potentes, buques anticontaminación, barreiras, etc.), lonxe do fundamentalismo ideolóxico de reducir e privatiza-los servicios públicos, que só beneficia a uns poucos, prexudicando á inmensa maioría.
E como diría unha de esas pancartas que nada lle gustan a D. Manuel: Nunca Xamais.