NARÓN NECESITA CAMBIOS

Acaba de cumprirse o 168 aniversario de Narón, un concello que é dos que máis creceron, especialmente, desde a década dos noventa.
Pero, quizais ese desenvolvemento mereza unha análise crítica moitas veces ocultada pola autosatisfacción do Poder municipal. Basicamente, este tivo lugar en base a unha política de atracción de pequenas e medias empresas con baixos salarios e precariedade laboral; así coma unha inxente cantidade de cemento, “deixando facer”, faltando unha planificación axeitada que xenere servizos municipais e zonas de lecer axeitados. O que sen dúbida vai hipotecar o futuro do concello a medio e longo prazo.
En calquera caso, a suba do prezo das vivendas en Narón (hoxe é tan caro mercar no Bertón como no Ponto), así como a progresiva deslocalización de algunha empresa emblemática do Río do Pozo amosa que estamos xa nun modelo que presenta signos de esgotamento.
O asunto é saber se hoxe hai un proxecto político para Narón. Se ben UN acadou a maioría absoluta nas últimas eleccións municipais, este é froito sobre todo do baixo perfil que teñen as outras forzas municipais. A comparación coas eleccións xerais, ou as últimas autonómicas nos din que Xoán Gato está a usufrutuar un voto itinerante. Basicamente dos socialistas (máis do 45%), aínda que é ben certo que recibe apoios do conxunto do electorado (un 30% de dereitas e un 16% nacionalista).
Hoxe Unidade por Narón ten o seu perfil ideolóxico desdebuxado, de feito están integrados na coalición Terra Galega, un partido “centrista”. É evidente que o principal sustento ideolóxico do grupo de Xoán Gato é o exercicio do poder municipal, de aí que se poida apoiar a UN tanto pola esquerda como desde a dereita. É a versión naronesa do peronismo.
Fronte a un Xoán Gato que só aspira a hipotecar á Presidencia socialista da Deputación nas eleccións locais do 2007, ¿quen pode abrir un proceso de renovación en Narón?
A dereita, que nunca é alternativa para o conxunto dos cidadáns, coa súa visión clasista da sociedade impide o avance nos servizos públicos e nos dereitos dos cidadáns; así como o enfrontamento radical do BNG con Gato, deixan só en mans dos socialistas o provocar os cambios que Narón necesita.
O proceso de cambio, iniciado na agrupación do PSOE naronés coa súa actual secretaria xeral debera profundar na renovación e consolidarse nas vindeiras listas municipais. Obrigatorio para acadar un crecemento máis preto do seu resultado autonómico. Necesario para provocar a perda da maioría absoluta de Xoán Gato, xunto cun xiro á esquerda na política naronesa.
Os socialistas, que contan hoxe cos Gobernos central e autonómico, así como da Deputación coruñesa, deberan traer novos aires a Narón, traballando por un deseño urbanístico alleo á especulación con zonas verdes e de lecer para todas as idades, a creación dunha empresa municipal de vivenda, unha nova política industrial con emprego estable e de calidade, unha política municipal máis equitativa entre o rural e o urbano, a recuperación e mellora do entorno natural, así como dos servizos municipais hoxe privatizados, e pola suma de todas as entidades locais nun proxecto común…
Todo elo englobado no traballo a favor dun gran área metropolitana que conte cos concellos da comarca, chegando ao Ortegal e ao Eume, sabendo aproveitar as sinerxias beneficiosas que a suma dos esforzos do conxunto dos municipios traería a este Concello, fronte á inútil competencia Ferrol / Narón.

Galicia, Ferrol: Futuro Aberto

Touriño xa é Presidente. Por primeira vez as forzas progresistas logran arrebatarlle o Goberno autonómico á dereita nunhas eleccións. O que sen dúbida obrígaos a ter un plus de responsabilidade e receptividade social.
Iníciase a posibilidade dun predominio progresista, e que se consoliden os resultados autonómicos nas municipais do 2007, que debería visualizarse en gobernos similares á Deputación coruñesa, nas de Lugo e Pontevedra.
Así como unha etapa de incertezas para o PP. ¿Estarán dispostos os Cuíña, Baltar e Cacharro, a ceder fronte a Rajoy, Feijóo ou Juncal? ¿Vai Juan Fernández ir da man dun PP sen poder provincial, nin autonómico, tras a próxima convocatoria local?
Mais, ¿como debe reflectir o novo Goberno na nosa comarca? Indubidablemente, en desenvolver políticas a prol dunha reindustrialización que diversifique a economía e recupere capacidade e calidade dos empregos, que xa levamos esperando desde os anos oitenta.
Nun decidido apoio ao Porto Exterior de Ferrol, que para consolida-la súa competitividade necesita o retorno ao seu carón da Planta de Gas. O futuro traslado de Ence en Pontevedra abre, tamén aquí, esta posibilidade.
O apoio á rexeneración integral das dúas bandas da ría, ou a implementación das infraestructuras viarias, ou de vivendas para xóvenes…
É evidente que para Ferrolterra non ter un Conselleiro/a causa desilusión. Pero, ¿este feito significa que Touriño e Quintana non apostan por Ferrol, como din na cidade? Sería mellor esperar a ver as propostas do novo Goberno para esta zona.
Creo que débese, en primeiro lugar, á falta de peso específico nas estructuras partidarias. Resalta, unha vez máis, a crise de liderazgo e de proxecto político das forzas políticas de Ferrol, o que lle impide á cidade liderar todo o noroeste galego.
Nas eleccións do 19 de xuño o BNG acadou unha baixa en Ferrol do 8,3 %, a máis importante das sete grandes cidades, o dobre da media. O seu cambio de opinión, provocando a dimisión de Lastra e Sabio, cando estes pedian solicitar a paralización das obras da Planta de Gas, incrementou a factura electoral.
No PSOE local, que acadou a cuarta posición nas municipais do 2003, hai falta dun proxecto para Ferrol, e unha crise de liderazgo que xa se remonta ás locais de 1987; incapaces de xestionar adecuadamente o legado de Xaime Quintanilla, que obtivo o mellor resultado electoral dos socialistas ferroláns.
A situación na que se atopan os partidos ferroláns que agora gobernará Galicia, permite que intereses alleos a Ferrolterra usufructúen o poder territorial que corresponde a esta comarca.
Unha tarefa pendente é afondar na renovación do socialismo ferrolán, que comezou con cambios nas candidaturas ao Congreso, na Executiva Comarcal e agora co Parlamento galego.
Debe haber no PSOE ferrolán unha xenerosidade que permita un proceso de cambio, incluido orgánico, que elabore un novo proxecto de cidade con persoas novidosas, vinculadas aos movementos sociais, aos traballadores e as novas capas urbanas, como da necesaria integración dos inmigrantes.
Unha renovación que reforce ao PSOE na comarca, que co seu novo secretario xeral Iván Puentes trae tan bos resultados.
Todo esto debería axudar a consolidar, no 2007, o que se deduce da extrapolación dos resultados autonómicos en Ferrol, que hai unha maioría de progreso e de esquerdas.

A Galicia Postfraguista (6-5-2005)

Estaba claro que a campaña de publicidade extremadamente agresiva do Plan Galicia da Xunta tiña truco. Era a precampaña do PP, pagado con fondos públicos.
Varias son as razóns que obrigan a D. Manuel a adianta-las eleccións autonómicas, a faltar a súa palabra. As enquisas probablemente falábanlles dunha perda constante de votos producidas por unha falta de xestión eficaz no desenvolvemento de Galicia tras quince anos de Goberno en Galicia e de que a maioría dos cidadáns non queren de novo candidato a Fraga; un PP escorado á extrema dereita que arrincona á dereita democrática como Gallardón, Pimentel ou Herrero de Miñón.
Un PP que rompe o pacto antiterrorista empeñado en darlle a maioría absoluta ao PNV con tal de atacar ao PSOE; ca perda de máis do trinta por cento de seu electorado en Euskadi, cando, tamén, o seu competidor en Álava (Unidade Alavesa) desaparece do Parlamento vasco.
A todo elo hai que engadir a incapacidade de poñerse de acordo no PP nun candidato novo, o que lle permite a Fraga volver a presentarse nunhas evidentes condicións que son negativas para el mesmo, para o seu partido e para a propia Comunidade Autónoma.
A xestión de Fraga pódese resumir en dous feitos: seguimos a ser Obxectivo 1 dentro da Unión Europea, é dicir, tras tantos fondos europeos e do mito do “Estadista Fraga”, seguimos sen converxer con Europa, e nin sequera con España; e a grande proposta en materia económica de D. Manuel, para combate-la deslocalización é maior precariedade, e rebaixar aínda máis os minguados salarios dos traballadores galegos. Con esta xestión a emigración volve a sela senda que recorren de novo moitos galegos.
Hai evidentemente outros dous motivos. Un intento de coller desprevenido ao BNG na liorta entre Beiras e Francisco Rodríguez, cun Quintana sen consolidar; e ademais, evitar como sexa que entren en vigor uns novos Presupostos Xerais do Estado que deixen en evidencia ao PP e os seus “Gobernos Amigos” do Prestige.
Mais, nesta ocasión cométese un fraude electoral. Manuel Fraga non é o verdadeiro candidato do PP galego á Xunta. Fraga, á marxe da súa propia vontade, só o presentan para intentar asegurarlle o sillón presidencial a un tapado, aínda non designado pola falta de acordo interno. En calquera caso, imos asistir a unha suba da temperatura na crise do PP, sexa cal sexa o resultado do 19 de xuño: A pelexa polo sucesor, dun D. Manuel xa maniatado, entre as distintas familias do PP galego e Mariano Rajoy.
Agora, si que a alternativa que xuntos representan PSdeG-PSOE e o BNG, teñen que gañarse a credibilidade dos cidadáns para visualizar ese goberno conxunto que necesita Galicia.
Pero, é evidente que Touriño atópase cunha dificultade engadida. Non saber realmente quen é o seu contrincante no PP. Un pode competir incluso cun Fraga emotivo que vaia, na súa derradeira campaña, despedíndose do seu electorado ao longo de Galicia, mais non se pode competir con aquel ou aquela que non ten nin nome.
En calquera caso, o 20 de xuño empeza unha nova Galicia: a Galicia postfraguista.

Fra Molinero (26-11-2004)

Sempre sorprendeume que os nosos políticos en vez de sentirse presionados polos veciños, muden de opinións cando son os grandes grupos financeiros os que defenden os seus intereses, aínda que sexan ilexítimos ou ilegais. E ameazar aos ferroláns co emprazamento mugardés de Reganosa o é.
Ademais, resulta chocante que as disciplinas de partido o sexan sempre para ir en contra dos intereses da nosa cidade, dos nosos intereses como cidadáns. Sobre todo, porque ata hai pouco, tanto no PSOE como no BNG, as súas bases, as súas resolucións políticas, e os seus compromisos sempre foron: Planta de Gas, si, pero fóra da ría.
Deste último Pleno municipal resulta chocante ver ao noso alcalde pedir que se incumpra a sentencia 536/2004 do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, ademais, sendo auxiliado por quen mira para outro lado, como si defender Ferrol non fora con eles. Participar na comisión dunha ilegalidade, ben aplaudindo ou sendo testemuña muda, failles corresponsables no futuro do que puidera acontecer en materia de seguridade, e de agresión ao medio natural á nosa ría, se finalmente a vulneración das Leis se consolidaran. A partir de agora, é de esperar que o señor alcalde cumpra coa súa obriga de sustancia-las resolucións do Pleno municipal.
Fronte aos cantos de sirena dos poderosos, que se consideran por riba do interese xeral, por riba das persoas e das leis, as actitudes de persoas como Fra Molinero toman unha relevancia excepcional.
Fronte a quen desde os seus libelos impresos, practicamente, pedía o linchamento deste concelleiro, hai que dicirlles que Fra acaba de prestarlle un gran servicio a esta cidade. Fra Molinero foi coherente co mandato dos cidadáns, e ademais, defendeu a legalidade en materia de seguridade e medio ambiente.
Son outros os que traizoan as “disciplinas” que só valen en democracia. A obediencia debida aos cidadáns, o respecto no desempeño do seu cargo á vontade popular e á legalidade vixente. Son outros, que mudaron de opinión – e de fidelidade -, os que en todo caso deberían poñer a disposición dos cidadáns as súas actas de concelleiros.
Hai unha crise de lexitimidade na nosa cidade, especialmente na maioría das forzas progresistas. Traballar por ensanchar a brecha cos separa dos cidadáns, pódese acabar transformando, co tempo, nun novo voto de castigo que traiga outra configuración ao mapa político ferrolán.
É unha mágoa a renuncia de Fra Molinero. A súa o é dunha democracia, que se por algúns fora, estaría sometida a que ten o poder económico. Mais, Eduardo Fra debería reconsiderala. A coherencia e a defensa dos cidadáns non pode ter máis que parabéns.
Fra acaba de amosar ca decencia en política aínda é posible. Esta cidade a pesar dos seus febles partidos aínda ten amaño.
Gracias, Fra.

Fundamentalismo Católico (4-8-2004)

Desde o triunfo electoral do Partido Socialista estamos asistindo a un aumento da agresividade da xerarquía católica en contra do goberno de Zapatero, e da propia convivencia democrática.
O fondo da cuestión, está en que a derrota do Partido popular é asumida como propia pola xerarquía católica. A pretensión de restaurar o nacional – catolicismo na sociedade española, que tanto apoio tivo de Aznar, sufre agora un atranco cos novos aires laicistas do 14M.
A involución que estamos a ver no cume da Igrexa católica, sen embargo, é algo que xa vén de moito atrás.
Tras un papel positivo nos inicios da Transición democrática, os seus sectores máis comprometidos coa xustiza social foron e seguen a ser perseguidos pola Comisión Episcopal para a Doutrina da Fe. Apoiándose nas diversas sectas católicas, nas súas relacións cos estamentos inmobilistas do Poder, a súa abafante influencia no ensino e en determinados medios de comunicación; os “afganos” desprazaron aos católicos de cultura democrática e popular.
Neste panorama o atrevemento desmedido do Arcebispo de Santiago o 25 de xullo diante das autoridades democráticas é un paso máis no camiño.
Quizais vai sendo hora de que definitivamente alguén lles diga que a unión entre dúas persoas, os fillos, a adopción, a orientación sexual, decidir ser crente ou non, etc.; son actos de vontade persoal que deben respeitarse, e polo tanto, darse desde a máxima autonomía e liberdade.
Os actuais machismo, homofobia e misoxinia da xerarquía católica nada teñen que ver coa Fe, e si, coas propias eivas dos seus membros. En calquera caso, a Igrexa Católica está na obriga dunha profunda democratización da súa estructura e pensamento, sobre todo en catro aspectos: a sexualidade, a igualdade das mulleres, a liberdade das persoas e a súa implicación nun cambio progresista de civilización.
Deben entender que as crenzas relixiosas son un feito estrictamente privado, aínda que teñan unha dimensión pública. O contrario é puro totalitarismo. Por iso o laicismo e o aconfesionalismo non é unha opción, senón o espacio de convivencia entre católicos e non católicos.
Asemade, os políticos deben dunha vez por todas separar ás Institucións públicas da relixión. Non é entendible a presencia do Xefe do Estado, do Presidente, da Xunta de Galicia ou dun Concello nun acto relixioso. Á marxe do que poda ser recibir oficialmente, polas Institucións, ás diversas confesións presentes en España.
Evidentemente, non creo que os actuais mandatarios eclesiásticos renuncien á súa parcela de poder en favor dos pobres e a mensaxe igualitaria do cristianismo orixinal.
Tamén, esto último explica parte do por qué algúns abandonamos o catolicismo. En calquera caso, espero que este artigo lle sirva ao señor Bispo de Ferrol Mondoñedo para testemuñar a miña apostasía.