¿Cara a onde vai Rajoy?

O PP non atopa o seu sitioDesde o 14 de marzo de 2004 o PP non quere aceptalo resultado electoral, que lle dá o goberno a Zapatero. Utilizando a fondo todos os seus apoios territoriais, mediáticos, económicos, xudiciais, pretenden gobernar desde a oposición.

Coa manifestación do sábado 10 de Marzo queren darlle a volta ás manifestacións que colectaron polas mentiras e manipulacións que pretendían endosarlle os atentados integristas a ETA. Cren no PP que chegou o seu momento de encabezar unha rebelión contra o Goberno e as Institucións democráticas, que obrigue a unhas eleccións condicionadas pola crispación.

Indubidablemente, o PP logrou en Madrid mobilizar a unha parte moi importante dos seus militantes e votantes. Trescentas cincuenta mil persoas así o testemuñan, pero só iso. Fóra do seu entorno político máis radical a dereita española non logra convencer a ninguén.

Pero, o PP volve a cometer erros de vulto. Aínda que si é certo que lograron obviar nesta ocasión os símbolos franquistas – non así as consignas – a utilización partidaria e en exceso dos símbolos oficiais de España, que historicamente foron manipulados pola extrema dereita franquista lembra, outra vez, aos anos escuros que tanta preocupación e rechazo provocan na poboación española.

Seguir lendo

Novos tempos para Narón

Acadada a elección na Agrupación Socialista de Narón da súa candidata á Alcaldía, Catalina García Blanco, merece este feito ser salientado polos cambios que se aveciñan na vida municipal deste Concello.

Katy cos veciñosCoñezo á nova candidata dende hai anos. Pero, adianto que este é un artigo obxectivo, fronte ao que poderíase pensar. Recentemente, xusto antes da celebración dun acto sobre Palestina, organizado por Fuco Buxán na Galería Sargadelos, presentábaa eu ao deputado socialista por Barcelona, Jordi Pedret, dicíndolle que sendo o PSOE, unha formación política moi complicada, sempre tivo a sorte de que en tempos difíciles se achegaban a el persoas de valía, que viñan a aportar e non buscaban o seu medre persoal, senón que tiñan unha forte vocación por transformar a sociedade, de traballar polos demais. É este, tamén o caso de Katy.

Seguir lendo

Entesa i Progrés

Cataluña, a pesar de diversos grupos de presión política, económica e mediática, terá un Goberno progresista de esquerdas. Queda fóra a posibilidade dun xiro á dereita na política catalana, pero a crispación que esta decisión, plenamente democrática e lícita, ca maioría numérica dos deputados electos do Parlament van tomar, debera facernos unha reflexión sobre a saúde do noso sistema parlamentario. ¿É lícito, e democraticamente sostible que CiU con tan só o 31,52% dos votos, pretenda dicir que lle roubaron o goberno, cando para que iso fora así necesitaría a metade máis un dos votos?

Quizais, algúns, non queiran saber que nun sistema democrático e parlamentario como o noso, non só hai que ser a lista máis votada, senón que ten que ter capacidade de sumar ao acordo a unha maioría parlamentaria que reflicta unha maioría social.

Isto non acontece porque somos vicarios dun sistema bipartidista imperfecto que se impuxo tras a vitoria de Felipe González en 1982. Hoxe, tamén, vemos outra das súas eivas; ese bipartidismo imperfecto trouxo en España o aglutinar arredor do PP á maioría do voto de centrodereita, moi radicalizado tras o paso de Aznar. Para os intereses españois, incluídos os do PSOE, houbera sido moito mellor a permanencia do CDS de Suárez e do PCE eurocomunista de Santiago Carrillo. Non teríamos a crispación incitada pola dereita radical e o diálogo e os acordos formarían parte da nosa cultura política.

Volvendo a Cataluña, entendo perfectamente ao PSC. A pesar dos erros do pasado, a pesar do bloqueo e o barullo de algúns que lle piden que renuncie a facer política a prol de CiU, ¿é que tiñan outra opción? ¿Hai alguén no PSOE que diga que un goberno de esquerdas encabezado por un socialista, ademais “inmigrante”, non é bo para Cataluña? ¿Hai alguén, no campo progresista, que diga que un goberno catalán de esquerdas non é bo para España?

Pero, o máis salientable das autonómicas catalanas, é a marxinación e inutilidade do PP como opción política e que lle saíu un duro competidor pola dereita: “Ciutadans de Catalunya”, unha formación populista – liberal, cuxo maior éxito foi reelaboralo nacionalismo español dun xeito “postmoderno”, sen reivindicalo franquismo, e que lle permite recoller votos de incautos da esquerda. Este fenómeno, apoiado polos “radiopredicadores”, tamén debera facer reflexionar a aqueles “baróns socialistas” que alegremente se sumaron como coristas da dereita, facendo aparecer ao PSC máis como un grupo nacionalista, que como un partido da esquerda socialista e catalanista.

Algúns, aínda lembramos que cando se tiña que ter apostado polo tripartito galego do socialista González Laxe, este non tivo os apoios necesarios porque viña ben para o bipartidismo imperfecto que Fraga fora Presidente da Xunta de Galicia. E abofé ca esquerda e o conxunto dos cidadáns, en Galicia pagamos unha onerosa factura.

Non quero deixar de mencionar ao verdadeiro triunfador das eleccións catalanas. Porque, se por algo se caracteriza Cataluña desde o inicio do camiño do novo Estatut hasta estas eleccións autonómicas, é que foi unha viaxe de Pascual a Maragall. Sendo o artífice do primeiro goberno de esquerdas catalán, é o President do novo Estatut que alumbra ao novo goberno catalán.

As eleccións catalás tamén teñen lectura en Galicia: A autonomía do PSC reforza a autonomía do propio PSOE galego, así como que nas dúas comunidades históricas haxa gobernos progresistas de coalición; mais, no BNG teñen difícil manter o seu apoio a CiU, sumado a que cando menos é esta unha “curiosa” forma de ser de esquerdas. E Feijoó sabe que ten que desmarcarse das directrices da dirección nacional do PP, senón quere acabar sendo un líder de curto prazo.

Son optimista, e confío nunha influencia positiva na política española, que é certo que non necesita mirar á súa dereita. Fronte a erros como o finanzamento da Igrexa católica, a asignatura de relixión ou a descafeinada Lei da Memoria Histórica democrática, Zapatero e os españois, necesitamos profundar nas políticas reformistas e de esquerdas.

En español

GALICIA: TERRA DE ACOLLIDA

Nas vésperas do Día Internacional polos Dereitos dos Inmigrantes chegaron a Galicia o primeiro grupo de menores subsaharianos procedentes das Canarias, baixo a tutela da Xunta de Galicia. Fronte ao sensacionalismo, que fomenta o racismo e a xenofobia, debéramos deternos a pensar por qué uns menores deciden arriscala vida cruzando nun caiuco o Atlántico. Por qué, moitos deles, veñen despois dunha decisión colectiva tomada no seno das súas propias familias.

Aínda que sexa moi televisiva a entrada destes inmigrantes nas Canarias, hai que salientar co maior grupo de inmigración clandestina vén de Francia, ou vía aérea. En calquera caso, estamos a asistir a un desprazamento poboacional no mundo, que a diferenza das migracións anteriores, estes veñen si a traballar e, tamén a quedarse.

Pero, ¿por que é o “efecto chamada”? Deciden vir ante a caótica situación política e socio – económica dos seus países de orixe, producidas polas políticas exportadas por Europa e os EEUU, que baixo a doutrina do Banco Mundial, da OMC e o FMI expulsa ás xentes aos niveis de máxima pobreza. A globalización e os intereses das grandes empresas supón unha forma nova de neocolonialismo que destrúe as súas sociedades.

MigrantesAdemais, coñecen o noso nivel de vida, e os comparan. Saben do crecemento económico español das últimas décadas. Hai, tamén un 22% economía somerxida, que demanda traballadores clandestinos, sen dereitos e mal pagados. Por iso, resulta perversas as intencións dunha parte da dereita e os seus “intelectuais orgánicos”, de pretender enfrontar aos inmigrantes cos traballadores do país. A presenza dos primeiros nos empregos peores e mal remunerados non baixan os salarios, nin sequera compiten, agás cos sectores sen formación básica e cos salarios máis baixos. O certo é ca inmigración e o crecemento económico, en España evolucionan ao mesmo tempo. E nunha situación de desaceleración da economía son precisamente os inmigrantes os máis vulnerables á perda do emprego, sen prestacións sociais, sen redes de protección social ou familiares consolidadas.

Fronte a estes intentos, que fomentan o racismo e a xenofobia é necesario fortalecer o modelo social europeo e o estado de benestar. Facilitar ao conxunto da poboación o acceso á educación, a sanidade, o emprego estable, e a vivenda. Recoñecer a todas as persoas que vivan no mesmo territorio iguais dereitos e deberes, incluído o dereito ao voto.

Os inmigrantes son persoas que teñen e deben ter recoñecidos os seus dereitos. O problema non son as persoas indocumentadas, senón a súa situación de marxinación. É a desigualdade a que xenera o conflito social. A inmigración é unha oportunidade que mellora a nosa sociedade, a rexuvenece, fainos máis competitivos no mundo global e suma os seus valores culturais aos nosos. A sociedade mestiza é máis rica.

Pero, tamén é certo que hai necesidade de unificar as políticas migratorias na UE, pero esta debe respectalos dereitos das persoas á súa dignidade e a elixir o seu proxecto de vida.

Fronte aos intentos de menosprezar ás persoas, é necesario visualizala inmigración en positivo. Por iso é tan importante o papel que están a desenvolver as súas propias asociacións. As administracións, en primeiro lugar as máis próximas aos cidadáns, como son os concellos, deberan apostar claramente por desenvolver políticas que faciliten a integración e o coñecemento mutuo. Non podemos vivir en camiños que aínda que paralelos, non se mesturan.

Desde os propios concellos deberan fomentala implicación do conxunto do movemento veciñal, cultural, sindical e dos propios inmigrantes, que permitiran implementar políticas sociais que garanta a todos os seus veciños, sen ningún tipo de discriminación, uns mínimos de vida. Trátase en definitiva de implicar á xente na vida dos seus barrios, e no coñecemento e respecto polo outro/a.

En calquera caso, acabo co obxectivo inicial deste artigo. Darlle os parabéns á Xunta de Galicia por esta acollida, e a benvida a estes mozos que obviamente viven a que, sen dúbida, será a experiencia máis dura da súa vida.
(Publicado o 18 de outubro de 2006 no Diario de Ferrol)

(Publicado no nº 21 de Razón Socialista e presentado en decembro de 2006)

En español

Israel

Supoño que a estas alturas todos consideramos ca retención dos soldados israelís por parte das milicias palestinas ou libanesas son unha mera desculpa para os gobernantes de Israel. Estamos, por se alguén ten algunha dúbida nunha guerra, que camuflada na “guerra total contra os terroristas” busca simplemente a supremacía do estado sionista sobre os seus veciños árabes.

Sigue a ser unha guerra de conquista, colonial. Un Gran Israel que intenta obrigar a unha nova traza territorial e política para todo o próximo e medio oriente, na liña do Gran Oriente ideado pola ultradereita americana, para mante-lo colonialismo e o control das grandes reservas de petróleo e gas.

O asunto é saber até cando aguantaremos os europeos que Israel e os EE.UU. sigan a incendia-lo noso “patio traseiro”. ¿Esperaremos a que esta mecha prendida chegue ao noso interior, ás nosas cidades? ¿Estamos dispostos a que a nova fase da loita pola descolonización do mundo árabe, á marxe da súa actual roupaxe fundamentalista, se libre na vella Europa?

Porque se os nosos concidadáns de orixe musulmán seguen marxinados da vida social, do emprego, da igualdade, e para máis inri aumentamos, aínda que sexa por pasividade ou complicidade, a humillación aos países dos seus avós. Se os nosos estados europeos non senten respecto polos seus pobos, se en vez de impulsa-la Alianza de Civilizacións seguimos con políticas coloniais, ¿cando tempo tardarán, moitos deses nosos compatriotas, en participar desde o noso corazón, desde os nosos barrios contra a impunidade israelí e os seus aliados e gobernantes nosos?

A Unión Europea debe poñer orden na súa casa e nas súas beiras, aínda que sexa por egoísmo propio. Hai que mandar tropas, pero non para facerlle o traballo sucio a Israel no Líbano, senón para protexer ás poboacións árabes dos ataques das tropas xudías; para recuperar as Institucións de Palestina e do Líbano; para levantar simplemente un futuro (con dignidade).

Non chega con neutralizar a Hizbolá e ás diversas milicias libanesas ou palestinas. Hai que ir á orixe do conflito: Obrigar a Israel a cumprir coas leis, as resolucións internacionais e os dereitos humanos, a que volva ás fronteiras legalizadas pola ONU, de 1947. Obrigarlle a liberar aos presos políticos, ás mulleres e menores palestinos retidos extraxudicialmente. A respectar, de verdade, a existencia dun Estado Palestino independente. Sen isto, todo o demais é perde-lo tempo.

Quen ninguén pretenda equiparar os dous bandos en conflito. Os argumentos de Israel e os seus amigos son de mal pagador. Cando mencionan o que acontece nas súas cidades, rexeitando claramente estes métodos, hai que ter claro que isto é consecuencia da política de Israel. Non se poden igualar aos verdugos coas vítimas, aínda que unha parte delas utilicen a violencia, nunca equiparable á do todopoderoso exército de Israel.

Recoñezo que “sufro de palestinidade”. Que non son neutral. ¿Como ser neutral ante la barbarie e o xenocidio? ¿Como ser neutral nun mundo globalizado onde todos participamos ou padecemos as políticas inhumanas? ¿Como ser neutral ante sesenta anos de terra prometida e persoas humilladas, queimadas, aniquiladas, expulsadas? ¿Como ser neutral á reedición no Muro de Israel dos campos de concentración? ¿Como ser neutral…?

Unha pregunta final aos cidadáns de Israel: ¿Morreron os xudeus nos campos nazis para que os seus netos reeditaran a barbarie nos pobos árabes? Vergonza.

En calquera caso, Europa xa non está en débeda con eles… e si cos pobos árabes.

En español
Na Rede de Blogs Socialistas
En Palestine Coffee Shope
En el Diario de Carol (Chile)
Máis artigos
Campaña contra a guerra dos socialistas de Ferrolterra
Campaña de Amnistía Internacional