Acadada a elección na Agrupación Socialista de Narón da súa candidata á Alcaldía, Catalina García Blanco, merece este feito ser salientado polos cambios que se aveciñan na vida municipal deste Concello.
Coñezo á nova candidata dende hai anos. Pero, adianto que este é un artigo obxectivo, fronte ao que poderíase pensar. Recentemente, xusto antes da celebración dun acto sobre Palestina, organizado por Fuco Buxán na Galería Sargadelos, presentábaa eu ao deputado socialista por Barcelona, Jordi Pedret, dicíndolle que sendo o PSOE, unha formación política moi complicada, sempre tivo a sorte de que en tempos difíciles se achegaban a el persoas de valía, que viñan a aportar e non buscaban o seu medre persoal, senón que tiñan unha forte vocación por transformar a sociedade, de traballar polos demais. É este, tamén o caso de Katy.
Acertadamente, a primeira proposta desta persoa, tras gañala elección foi facer un chamamento á integración e ao traballo de todos os socialistas de Narón. Esta capacidade para liderar e sumar é a mellor arma para encarar as vindeiras eleccións municipais do 27 de maio no Concello. Estou seguro que será apreciado por todos os seus militantes e simpatizantes a necesidade de traballar xuntos coa súa candidata, algo que forma parte desta cultura política. Sendo, ademais, a mellor forma de deixar ben claro coa unidade, quen é o verdadeiro perdedor da asemblea socialista: Xoán Gato.
Pasou xa o tempo de presentar candidaturas de perfil baixo que só beneficiaban ao actual alcalde, que leva xa moito tempo cunha xestión esgotada, porque esgotado está o tempo do ladrillo e dunha política municipal ao servizo soamente dos intereses das empresas e non dos traballadores/as e dos veciños/as.
Son tempos de cambio que permitan enfiar o futuro do que ten que ser un Narón para vivir e disfrutar; que participe dun proxecto comarcal conxunto neste século XXI dun mundo globalizado, que busque a unidade das súas parroquias e dos seus barrios, e a integración de todos os seus habitantes sexan de onde sexan. Un Narón respirable, que deixe de ser un barrio dormitorio, adosado á Estrada de Castela. Os cidadáns queren políticas de calidade que humanicen os seus entornos inmediatos.
Despois de máis dunha década, acertadamente o PSOE de Narón presenta unha candidata e unha lista – polo que coñezo –que ten capacidade para xerar outra forma de facer política no Concello. Integrada e apoiada por persoas vinculadas co movemento veciñal e cultural, co dinámico movemento das mulleres naronesas, con xente xoven, co respaldo de traballadores, entre eles sindicalistas de UGT en coñecidas empresas.
Non digo co PSOE naronés, vaia a ser a lista máis votada. Xoán Gato ten a vantaxe de saber vender unha xestión, que en moitos casos é cuestionable, e desde hai moito tempo tivo a axuda externa por parte dos erros dos propios socialistas, que hoxe toman un novo rumbo, que debera posibilitarlle á Agrupación Socialista un papel central na política naronesa, e contribuír á perda da maioría absoluta de Unidade por Narón. Para así posibilitar outras políticas que permitan un Concello que vire á esquerda e que rompa coa mediocridade actual.
En calquera caso, Narón xa ten alternativa e a posibilidade de escribir o seu futuro en clave de progreso e de participación cidadá. Catalina García ten equipo, proxectos e ambición por cambiar Narón verdadeiramente para os naroneses.
Levo anos dicindo co futuro deste ampla comarca, que desde Ferrol pasa por Narón ata chegar ao Ortegal e baixa ao Eume, está vinculado ao reforzamento dunha forza progresista con vocación clara de esquerdas, de defensa desta comarca de xeito prioritario, mais participando nun proxecto nacional galego e federalista para España. O PSOE galego está chamado a ser esa forza central. A elección de Catalina García vai nesa liña. Os tempos son chegados.
http://www.naron.psdeg-psoe.org/noticia.php?idnoticia=51