A Industria

O Concello de Narón, a iniciativa dos traballadores de Megasa, vai convocar aos alcaldes de Ferrolterra, Eume e Ortegal. A defensa da industria e a ter un futuro digno na nosa terra, son as raíces da convocatoria.

Hai boas palabras e ningunha solución por parte do PP. Os seus cargos públicos locais deben tomar partido fronte a desfeita dun PP de Aznar-Rajoy, que nada ten do vello modelo interclasista de Fraga.

Tamén, hai malestar cos propietarios de Megasa. Os traballadores botan en falta un claro apoio público en defensa da fábrica naronesa; resulta moi cómodo deixar facer e xogar con cartas marcadas.

A escusa, unha reforma tarifaria do ministro Soria que lastra a competitividade da industria española, froito do dogma do austericidio e da usura recaudatoria das grandes empresas eléctricas e dos seus cómplices, os bancos. Outra política é posible.

Enlace web a @DiarioFerrol

Facer pé

Igual que vostedes, non vexo que tocáramos fondo nin os brotes verdes da dereita. O que acontece é que, aqueles que provocaron a crise económica, vense cada día máis reforzados polas políticas de Rajoy e Feijóo, á nosa costa. Por iso, a dereita segue a culparnos. Pasaron de que “vivíamos por riba das nosas posibilidades”, a dicir que nosa é a culpa da persistencia da crise porque “non somos emprendedores”.

Sabemos que imos retroceder máis, pero necesitamos facer pé. Simplemente, porque necesitamos saber onde estamos e de onde imos partir. Si, reconstruiremos a democracia e os dereitos sociais, por moito que lles pese.

Sempre hai un camiño, e se algo amosa a traxedia da curva de Angrois, é que cando somos convocados para o traballo colectivo e solidario damos o mellor de nós. O ben común é o camiño que nos sacará das turbulencias e non a calma chicha do conformismo.

Enlace Diario de Ferrol.

Soria

Esta non será a última reforma do sector eléctrico. O Ministro de Industria fixo malabares, pero nin por asomo garante tarifas máis baixas para as familias, nin para uso industrial. Máis gastos para os cidadáns e menos competitividade para as empresas.

Realmente, pretendía Soria acoutar unha herdanza de Aznar. A “liberalización” do sector de 1997; que provocou un enorme pelotazo enerxético, acompañado de privatizacións de grandes empresas públicas e que agora son un problema de país. A suposta “auto-regulación do mercado” é unha falacia; son palabras da propia patronal AEGE española.

Sectores estratéxicos como o da enerxía deben ser de titularidade pública, de todos os cidadáns. O PP é hoxe o principal problema para a nosa economía. A derrota das súas políticas unha necesidade para saír da crise. É cuestión de sentido común. Cuestión de Estado.

Enlace a Diario de Ferrol

Con Megasa

Non ten sentido pedir a solidariedade do agresor. Así, en ningún momento, os traballadores de Megasa pediron tal ao PP. Este ten maioría absoluta nos Parlamentos español e galego. Que deixen as escusas e que rectifiquen a orde ministerial que cuestiona o futuro de Megasa. O PP é goberno e non necesita a ninguén.

Non hai “herdanzas”. Son Feijóo e o Ministro Soria, quen facendo oídos sordos das alertas da Comisión Nacional da Enerxía, o fixeron para beneficiar a unha empresa en concreto, sen reparar nos danos colaterais: os traballadores e as familias de Megasa. Foi Aznar quen provocou as “liberarizacións” do chan e do sector enerxético, en favor dos especuladores, así como a suba das tarifas domésticas e para as industrias.

Por iso, o futuro do PP nesta comarca está ligado a Megasa; os traballadores reclaman xa unha solución que garanta o seu futuro.

Enlace a @DiarioFerrol

Megasa

Estes tempos vívense con moita intensidade en Narón. Ninguén esperaba que o PP agredera a boa marcha de Megasa. É esta unha empresa de longa tradición, que estaba a sortear a crise económica e que acababa de firmar o seu convenio colectivo. Unha empresa que, según o abc do “liberal” Goberno Rajoy, cumple todos os requisitos para ser catalogada como modélica.

Estes días os traballadores de Megasa pedían a implicación directa do presidente Feijóo, porque este ten moita responsabilidade. El como “autor intelectual” e o Ministro Soria como autor material. É de lei a modificación da orde ministerial IET/2804/2012, de 27 de decembro, que incentiva a unha empresa siderúrxica sobre as demais. Necesaria a igualdade na tarifa eléctrica industrial entre estas empresas.

Megasa solución. Ninguén, absolutamente ninguén, ten dereito a xogar contra os seus traballadores.

Enlace a Diario de Ferrol (Columna Letras de Cambio).