Paciencia

megasa140908

Si, empeza a escasear. Os acontecementos recentes no Concello de Ferrol non gusta, nin aos propios protagonistas. O que pasa é que toda a xente está a perder a paciencia.

Realmente, está en cuestión o papel das nosas Institucións. Para que valen uns políticos que non se poñen á fronte das necesidades dos cidadáns? Onde está a súa valía como xestores?

O PP local erra o tiro. Teñen que esixirlles solucións urxentes e razoables a eses “gobernos amigos” que miran para outro lado no naval e no caso da siderurxia, fomentan a competencia desleal por orde dos bancos que quebraron o país.

Desmantelar o Estado de Benestar e esperar sentados a que cambio o ciclo económico, conduce a ningures porque, polo camiño, caemos todos. A xente existe, necesita solucións e esperanzas dunha vida plena. Ofertar miseria e apostar por unha sociedade submisa é pegarse un tiro.

Enlace á columna “Letras de Cambio” (@DiarioFerrol).

Un aviso

Esta é unha cidade que hai tempo que esqueceu a súa orixe, o por qué da súa existencia. Agora vivimos de costas ao mar e non nos decatamos que a nosa maltratada ría é a nosa vida. Dicían os almirantes británicos que o noso era o mellor porto da costa atlántica.

Éramos un porto estratéxico porque a nosa posición estaba na metade do mundo marítimo e porque aquí, na ría, soamente entraba quén nós queríamos. Esta é unha ría que ten unha figura serpenteante e practicamente só é navegable para os grandes buques na pleamar.

O accidente do gibraltareño “Anna” é un serio aviso. O alcalde de Ferrol respira tranquilo, un cargueiro que viña baleiro. Máis, se fose un buque cheo de gas para Reganosa tería que ordenar a evacuación inmediata da nosa cidade. Un caos produto das complicidades e irresponsabilidades de Punta Promontorio, cun imposible plan de emerxencia.

Enlace a “Letras de Cambio” (@DiarioFerrol)

Violencia

lapicesAs escolas reflicten nitidamente o que pasa na sociedade. Se en tempo de bonanza os escolares dividíanse entre os dun nivel de consumo enfermizo e os demais, hoxe este é un dos sitios onde vese mellor a tolemia austericida, porque directamente a están a sufrir os nosos nenos.

A dereita, en vez de reforzar aqueles servizos básicos que serven de primeira barreira contra das situacións de exclusión, aposta pola redución da cobertura dos comedores, dos profesores de apoio e da asistencia social. Rexeitan a igualdade e a mobilidade social.

Hai o caso dun neno trasladado de escola, porque supostamente é conflitivo. Si, pero todo o mundo sabe que na súa familia sofren a violencia paterna. Onde están os servizos sociais preventivos? Onde a inspección educativa? Nós mesmos? Mirando para outro lado. O rapaz é violento, porque el é a primeira vítima. Tamén nosa.

Enlace a Diario de Ferrol.

Ana Pastor

Foi moi interesante o encontro, deste sábado pasado, de Ana Pastor cos cidadáns que participaban na protesta á entrada de Renfe. Como é posible que a Ministra de Fomento non soubera da oposición á traza sur para o acceso do tren ao Porto Exterior?

Que non soubera que esta opción supón unha grave agresión, que parte a cidade de Ferrol en dúas, que deixa fóra os polígonos, que machaca en definitiva a Malata? Entón, que falou co alcalde? É certo, un alcalde non pode ser un “voceras”, pero tampouco ser un “confrade dos caladiños”.

Dando por boa a disposición de Ana Pastor á escoitar as demandas ferrolás, esta deixa o camiño aberto para unha traza norte definitiva. A non ser, que moita da culpa sexa dun alcalde, metido a delegado mudiño dun poder alleo e que esquece defender a súa cidade. Debe José Manuel Rey aprender da súa Ministra e tomarlle a palabra.

Enlace web á columna “Letras de Cambio” (@DiarioFerrol)

Ana

@ Susete70 para Praza.com

Vivimos tempos convulsos onde o poder despreza ás persoas; unha mostra máis, o acontecido este xoves pasado ás portas do noso Concello. Se ben parece que -finalmente pola súa situación de emerxencia social- o goberno municipal vai cumprir coas súas obrigas legais de arroupar a Ana e os seus fillos, tamén é ben certo que este estivo facendo un baile mísero con eles.

 

Está visto cá dereita non lle recoñece dereitos ás persoas, senón é pola presión social e aquí xunto coa posibilidade dunha denuncia contra o propio Concello, ante a fiscalía por desatención dos menores. Con feitos así, a xente decente desta cidade debe estar vixiante. Debemos darlle forma constante á solidariedade.

 

Días atrás, falaba o alcalde da mala imaxe de Ferrol. Si. Pero, por políticos -de curtas miras- que obvian que as persoas teñen nome propio e merecen ser tratadas con dignidade.

Enlace web Diario de Ferrol (Columna quincenal “Letras de Cambio”).