Dous apagóns

Estes días atrás unha parte do barrio da Magdalena, da rúa da Igrexa e do entorno do Cantón e do Callao, quedaron por varias horas a escuras. Non unha, senón dúas veces. E todo, porque a compañía eléctrica interpelada está a dar un servizo ineficiente. Claro, para a cidadanía. Supoño que estirar a vida útil dunha vella instalación, que xa non cumpre cos cánones modernos, é un éxito de rendibilidade. Pero, nestes tempos non ten escusa o acontecido.

Sorprende a falta de empatía e máis cando levamos uns anos no que todo o que ten que ver co sector enerxético está no ollo do furacán. Deixar durante horas aos veciños, á hostalería e ao comercio ferrolá a dúas velas, acaso non merece unha compensación económica? E das perdas por ter o negocios pechados pola falta de luz, dos custes financeiros e laborais, non deben ser resarcidas? Só se hai electrodomésticos danados? En fin.

Nin sequera os comerciantes, hostaleiros e fogares afectados merecen unha desculpa por parte da compañía eléctrica? Acaso a zona da cidade de Ferrol afectada, non merece unha nova instalación adecuada ás necesidades? E xa saben o dito: non hai dúas sen tres. Así que botemos os dados da sorte e que non haxa un novo apagón.

https://www.diariodeferrol.com/articulo/opinion/dous-apagons-4064715

A Industria

O Concello de Narón, a iniciativa dos traballadores de Megasa, vai convocar aos alcaldes de Ferrolterra, Eume e Ortegal. A defensa da industria e a ter un futuro digno na nosa terra, son as raíces da convocatoria.

Hai boas palabras e ningunha solución por parte do PP. Os seus cargos públicos locais deben tomar partido fronte a desfeita dun PP de Aznar-Rajoy, que nada ten do vello modelo interclasista de Fraga.

Tamén, hai malestar cos propietarios de Megasa. Os traballadores botan en falta un claro apoio público en defensa da fábrica naronesa; resulta moi cómodo deixar facer e xogar con cartas marcadas.

A escusa, unha reforma tarifaria do ministro Soria que lastra a competitividade da industria española, froito do dogma do austericidio e da usura recaudatoria das grandes empresas eléctricas e dos seus cómplices, os bancos. Outra política é posible.

Enlace web a @DiarioFerrol