Este xoves pasei a ollar libros na Galería Sargadelos, que sabedes está situada pola parte de atrás da Casa do Concello. A primeira sorpresa foi atoparme con Javier Guitierrez, que agora podedes seguir na serie televisiva “Águila Roja” e que acaba de gañar o premio Max como mellor actor teatral. Como non nos coñecemos, so atrevinme a intercambiar un breve saúdo con el.
Tras revisar as novidades e outros libros, cando marchaba atopeime cun pequeno conto do amigo Ramón Loureiro, titulado “”A saga de San Ferreol”, baseada nunha canción do tamén ferrolán Couce Fraguela, e con ilustracións de Francisco Pérez Porto. Unha das cales acompaña este comentario.
Ramón, amigo, vai desenvolvendo un fermoso conto a partir da suposta chegada de San Ferreol, acompañado polo bispo Maeloc a estas Terras do Nordés, tamén, bautizada por el como Escandoi. Aparecen desde Sete Sereas de varia cor, que probablemente estean emparentadas coas Setes Mulleres do Miño, até a Virxe do Nordés – que todo hai que dicilo está asentado nun antigo lugar sagrado do celtas, Chamorro, que ademais tiña a súa propia pedra de abalar – xunto con lobos e dragóns; todo para que a súa profecía sentara as orixes de Ferrol. Unha terra onde as persoas construirían barcos e compoñerían cancións; co tempo xurdiría o sector naval e a Noite das Pepitas.
Unha terra onde todos e todas as nenas terían o don de que con cada conto que lles contaran antes de durmir, eles e elas nos seus soños farían outro novo, inmensamente mellor. Isto, resulta curioso, faime partícipe, xa que teño un xogo coa miña filla de catro anos; eu cóntolle dous contos e ela, despois, bótase a durmir. Son xa moitos contos, todos inventados e que un día terei que empezar a escribir.
Permitídeme unha confesión inoportuna: realmente este libro non o merquei polas miñas dúas fillas. Este conto o considero un regalo persoal, como outros que o propio amigo Ramón tenme feito.
Apertas Ramón, e grazas por este fermoso conto. Parabéns, a ti, ao autor da canción e ao magnífico debuxante.