Mercado medieval ou da Ilustración?

Dentro dun par de horas pecharase o Mercado Medieval que desde o xoves 7 de agosto, estase a desenvolver en Ferrol Vello, no Peirao de Curuxeiras. Non teño dúbida de que os xornais locais falarán do Mercado Medieval como un gran éxito de visitantes. Ademais, coincide co desenvolvemento da feira marítima do Spinnaker, esta última organizada pola familia de Paloma Lago.

A anterior corporación municipal, dirixida pola Dereita, intentara a organización do Mercado da Ilustración. A verdade que resultou unha auténtica chapuza. Acabou misturado co Medievo. Practicamente, so algúns pola súa conta fixeron os traxes adecuados para o século dezaoito, así como as xentes vinculadas ao teatro aficionado (p.e. Bartoleta Teatro); o resto, incluídas todas as casetas e o resto dos participantes tiraron do que xa tiñan feito para a Idade Media e para o conxunto de eventos en Galicia.

Pero, o certo é que Ferrol non ten zona medieval. De feito as estreitas rúas onde se desenvolve tradicionalmente a feira medieval necesitan dunha urxente intervención urbanística, esixe xa a súa restauración, pero é imposible confundilas coa estrutura medieval. Non estou dicindo que non se faga, senón que esta cidade está estreitamente ligada á Ilustración e ao Racionalismo (o barrio da Magdalena aí está desde Carlos III), que xunto ao desenvolvemento da industria naval, sentarán as bases da historia ferrolá de finais do século dezanove e todo o século vinte. Serían os substratos do potente movemento obreiro desta cidade, e da loita contra o franquismo e, despois contra a reconversión salvaxe de mediados de 1980.

Neste senso segue as pautas do nacemento do movemento obreiro. A Ilustración sentará as bases para derrocar ao feudalismo e os artesáns democráticos darán lugar á Revolución Francesa. A esquerda xacobina democrática pasará a súa herdanza aos fundadores do socialismo científico. Do mesmo xeito, que Marx e Engels, en termos filosóficos son herdeiros de Hegel, Feuerbach ou Ricardo, no político o son de Aristóteles, Rousseau e Robespierre. Foi na Revolución de 1848 – A Comuna de París – onde atoparían o axente transformador da sociedade, os asalariados herdeiros directos dos vellos artesáns parisinos. Lembrade que a Nova Gazeta Renana, dirixida por Marx, definíase como o “Órgano da Democracia”.

Pero, volvendo ao asunto creo que desde o Concello de Ferrol deberían recuperar a idea da feira da Ilustración. Deben contar co numeroso movemento asociativo da cidade, pero tamén necesitan dun plan específico, tanto no deseño dos traxes, dos postos do mercado decimonónico, así como do financiamento específica deste evento. É dicir, hai traballo para as Institucións, as asociacións, os historiadores e para os creativos

Pensemos nisto.

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s

This site uses Akismet to reduce spam. Learn how your comment data is processed.