Descoñecido's avatar

Acerca de Manuel Cendán

"Un murmurio de palabras". https://manuelcendan.com

Arte

Permítanme hoxe tamén “escapar” da pandemia. Se hai algo que define ao ser humano, nesa vontade de ir alén de nós mesmos e do tempo que cada un ten neste andar pola vida, é precisamente a capacidade que, cando menos, algunhas persoas teñen de crear iso que chamamos arte e que tanto achéganos ao concepto máximo da beleza.

Na comarca de Ferrol hai unha boa xeira de artistas, pero sirva este breve apunte semanal para citar a xente como Suso Basterrechea, que en cada unha das súas obras expresa o seu compromiso social, a Leandro Lamas que irradia música e alegría saída da nosa terra e da nosa fala ou ao noso artista máis “pop”, o vital Edu Hermida, o gran mecenas de Canido.

E cando poidan, recomendo achegarse á galería de Montse Pernas, na praza de Rosalía de Castro, alí poderán ver como a arte é vida a cores, como a arte exprésase en rostros de mulleres ou como a vida bota raíces por fóra de cada lenzo.

https://www.diariodeferrol.com/opinion/manuel-cendan/arte/20201103204007290860.html

Volta atrás

Permítanme dicirlles que con isto da pandemia estou saturado, procuro non ler máis que os titulares que a prensa vai sacando cada día e cústame moito pararme nese tipo de noticias. Pero, non deixo de ver a preocupación da xente, tanto no traballo como na rúa. E cada día que pasa moito máis irascible que o anterior. Agora estamos pagando as mensaxes confusas pola irresponsable oposición dos ultras e da dereita, a diferenza do que pasa en toda Europa occidental.

O novo estado de alarma con toque de queda nocturno non deixa de ser unha cesión á dereita por parte do goberno de España. Ata aquí temos chegado por querer consensuar con quen usa a pandemia para facer “política”. Incluso Feijóo usa os medios públicos galegos e afíns para atacar a Pedro Sánchez e agochar a súa inacción. Dentro de quince días terá a potestade de facer o que considere, pero algo dirá para non facer fronte ás súas responsabilidades.

https://www.diariodeferrol.com/opinion/manuel-cendan/volta-atras/20201027203632290476.html

A Carioca ferrolá

Hai dezaoito meses houbo unha macro redada en diversos barrios da cidade. A policía buscaba acabar cunha rede de trata de mulleres venezolanas obrigadas a prostituirse en diversos pisos e locais de “alterne”. Agora, é tras o proceso aberto polo Xulgado número 2 de Ferrol, a Audiencia Provincial da Coruña vai abrir – a partir do día 20 deste mes – o proceso contra os proxenetas. E xunto á trata de mulleres vai o de tráfico de drogas e a petición de máis de vinte anos para algún dos procesados.

Son feitos que parecen alleos ás nosas vidas, pero que pasan en pisos que temos nas nosas rúas. Veremos como se desenvolve esta peza separada nos xulgados, pero é evidente que a tan ansiada lei estatal para abolir a prostitución e protexer ás mulleres e menores é máis necesaria que nunca. Quizais o primeiro sexa que a loita contra esta lacra pase, da unidade de estranxeiría, a unha especial de violencia de xénero.

https://www.diariodeferrol.com/opinion/manuel-cendan/a-carioca-ferrola/20201021023406290131.html

Concepción Arenal no Ateneo

Estes días Ferrol, xunto con outras moitas cidades, tivo mobilizacións a prol da cultura, que está sendo unha das principais vítimas colaterais do Covid-19. De feito as festas deste verán ían nesa liña, a pesar de críticas feroces nas redes sociais por parte de quen avogaba por non facer nada, desde a comodidade da súa casa. Pero, a vida segue.

Quizais, por iso é importante a resposta da sociedade civil neste pulso por recuperar a “nova normalidade”. Aí está o papel que a primeira entidade cultural da cidade, o Ateneo Ferrolán, está a desenvolver neste “arranque de temporada” con múltiples e variados eventos.

Permítanme sinalar un deles, para este próximo venres, que fai nas súas instalacións o Consello da Cultura Galega e o seu Centro de Documentación en Igualdade, coordinado pola xornalista e escritora María Xosé Porteiro, sobre o bicentenario da ferrolá Concepción Arenal. Alí estaremos.

https://www.diariodeferrol.com/opinion/manuel-cendan/concepcion-arenal-ateneo/20201013232926289720.html

Caixa de Aforros de Ferrol

Houbo un tempo que esta comarca tivo unha banca pública para a súa cidadanía e as súas empresas. Desde 1902 ata a súa fusión coas caixas de Coruña e Lugo en 1978: “Caja de Ahorros y Monte de Piedad de Ferrol”. Aquela caixa pública ferrolá foi un dos motores de desenvolvemento que tivemos nunca. Unha vez nacida Caixa Galicia o seu centro de decisión e a súa mirada principal foi sempre a cidade herculina e nós, subsidiarios.

A Audiencia Nacional acaba de ditar unha sentenza que deixa en evidencia á Xunta de Galicia e ao presidente Feijóo. A fusión con Caixanova foi produto dunha operación para salvar á Caixa Galicia no 2011, cando – en todo caso – esta debera ser absorbida pola entidade viguesa. O certo é que, desde o ano 2005, o modelo de expansión e de xestión privada de Caixa Galicia quebrou un dos principais instrumentos financeiros. Agora é un banco que toma as súas decisións fóra de Galicia.

https://www.diariodeferrol.com/opinion/manuel-cendan/caixa-aforros-ferrol/20201007015337289351.html