Descoñecido's avatar

Acerca de Manuel Cendán

"Un murmurio de palabras". https://manuelcendan.com

Autodidacta

Diario de Ferrol, 23 de maio 2026

Di o Portal das Palabras que é aquela persoa que se instruíu a si mesmo sen axuda de ningún mestre. Saramago, na súa novela “Historia do Cerco de Lisboa”, salienta que se alcanza esta disposición produto do propio e digno esforzo e que as sociedades antigamente tiñan orgullo dos seus autodidactas, mais agora son vistos con malos ollos.

É o que ten vivir nunha sociedade clasista. O atreverse a superar os teitos de cristal que as democracias formais, liberais, teñen para aqueles que desafían a orde establecida e pretenden buscar o seu propio camiño, a pesar das trabas impostas aos que están máis abaixo na escala social, polo que sexa.

Tamén é certo que moitas destas persoas, que se atreven a buscar saídas as súas paixóns e romper muros, acaban – polo xeral – desenvolvendo o chamado síndrome do impostor. De crer que de, algún xeito, están a cometer un sacrilexio por saírse da norma establecida. Mais, Saramago da unha bula a aquelas persoas que escriben versos e historias para distraer e, así, son autorizados a continuar a ser autodidactas.

Por certo, na novela enriba mencionada, son as tropas do rei Afonso Henriques, que falan na lingua propia de Galicia, os que conquistan Lisboa na idade media.

Mulleres literarias

É de agradecer que, no Faladoiro Literario promovido polo Concello de Ferrol e o Campus Universitario, trouxeran a Manuel Rivas. Do mesmo xeito, que sempre é un acerto poñer a un periodista como Pepe Fandiño que, seguramente, sexa unha das persoas que máis sabe de literatura e como transmitilo.

Nese faladoiro que, ambos os dous, mantiveron o pasado martes, fixeron balance sobre a eclosión que, nas últimas décadas, hai de mulleres facendo literatura e recibindo multitude de recoñecementos no conxunto do Estado. E permítanme usar estas “Letras de cambio” para volver a mencionar (por iso da veciñanza) a Ana Varela e a súa novela “Runrún”, agora tamén traducida ao castelán e a Eva Veiga, a cal recentemente puiden escoitar no Ateneo Ferrolán.

Hai semanas, faláballes de Vargas Llosa e do clásico “La guerra del fin del mundo”. Quedei coa sensación de estar inconclusa a trama literaria, a pesar da súa enorme complexidade. E como os libros son como a árbore da vida, alguén debera desenvolver a historia de Jurema, que elixiu ao periodista miope seguramente por ser o anti heroe e a de María Cuadrado, Madre dos Homes e do Coro Sagrado. E isto tamén vale para Alejandrinha Correa, Estela e Sebastiana…

https://diariodeferrol.elidealgallego.com/opinion/2026-05-14/mulleres-literarias-855340.html

Ferrol industrial

O anuncio, da Xunta de Galicia, de poñer en marcha o Plan Estruturante de Ordenación de Solo Empresarial para Mandiá, de algo máis de millón e medio de metros cadrados debe ser saudado con interese. Indubidablemente, pero que máis?

O simple feito do anuncio, sen unha axeitada planificación, fomento económico e industrial, que segundo o artigo 30 do Estatuto galego é competencia exclusiva da Xunta, non é máis que iso. Vén con algún proxecto empresarial? Esta pregunta é axeitada porque, en toda a comarca, hai catorce parques industriais. E por proximidade, aí temos o caso do concello de Narón, cunha vocación industrial evidente e que, desde a crise do ano 2008, foi perdendo músculo empresarial.

Practicamente, leva corenta anos a mesma forza política gobernando Galicia. Mais, o certo é que é o goberno de Pedro Sánchez quen, apostando pola industrial naval militar, está a traer os grandes investimentos económicos a Ferrol.

A grande virtude desta actuación da Xunta en Mandiá vai ser o poder reducir, iso din, de dez anos a dezaoito meses a implantación de calquera proxecto empresarial. Ben, botando contas, algo máis – que este anuncio – debera haber na fronteira das vindeiras eleccións municipais.

https://diariodeferrol.elidealgallego.com/opinion/2026-05-08/ferrol-industrial-854216.html

O sol namorado

No principio do Tempo, o Sol fachendoso sabía que grazas á súa luz non había escuridade no seu universo. Así, foi quen de descubrir un ser que el identificaba como unha muller, que cada día tomaba o seu baño nas augas salgadas do mar infinito. A alegría que isto lle producía facía que pretendera roubarlle tempo á Lúa. Mais, o Sol quería mudar a forma humana para poder achegarse a aquela criatura.

O Sol non foi quen de ocultar a súa frustración. Aí comezou a soltar unha bágoa tras outra, que a diferenza das dos humanos non eran gotas de auga, senón de gas e fogo. Isto provocaba cambios bruscos de temperatura que afectaban a todos os seres vivos. Grazas á Lúa, acompasaron os seus movementos e esta cada vez que o tapaba, permitía ao Sol liberar o seu mal de amores.

A Lúa díxolle que aquela criatura era unha serea e unha vez se apagase o seu derradeiro raio, as formas ían desaparecer e se ela fora quen de responderlle co mesmo amor, outra vez a Primeira Luz volvería para comezar todo de novo. Pero, para iso os humanos deberían lembrar ás sereas até o fin do tempo. Desde aquela o vento lembra, as olas do mar lembran… e ao atardecer, os humanos cantan cantigas de amor entre o Sol e a serea.

https://diariodeferrol.elidealgallego.com/opinion/2026-04-30/o-sol-namorado-852471.html

Dolores Vázquez

Bendita hemeroteca. Estiven revisando o escrito hai vinte e tres anos sobre Dolores Vázquez e o chamado “Caso Vannikhof”. Por lembrar, ela foi acusada dun asasinato cando non tivo nada que ver. A presión ambiental e os libelos a levaron á cadea, pola súa condición de muller de carácter forte, lesbiana e segundo aquela fiscalía por ser “moi galega”. A maiores a Xustiza, unha vez acreditado o “erro xudicial” e detido o verdadeiro asasino, negouse a darlle compensación ningunha.

Estes días atrás a alcaldesa e a corporación municipal de Betanzos intentaron reparar, en parte, o acontecido con Dolores Vázquez cunha homenaxe pública á súa veciña. Tamén o vindeiro luns o goberno de España vaille outorgar a Medalla á Promoción dos Valores de Igualdade, nun intento de recoñecemento oficial, que se ben é reparador, tiña que ter sido hai moitos anos.

Hai dúas décadas, todos criamos que aquela falla xudicial era algo excepcional. Pero, foi o primeiro de moitas outras causas que virían despois, en especial no ámbito político. En datas próximas, todo indica que veremos nos xulgados a outra muller por ser a “esposa de”. En calquera caso, benvidos estes recoñecementos a Dolores Vázquez, a galega. E a moita honra.

https://diariodeferrol.elidealgallego.com/opinion/2026-04-23/dolores-vazquez-850975.html