Ediciós do Castro, da Fundación Sargadelos, acaba de publicar un ensaio de Safa Mohamed, titulado “Palestina. Grito por la Libertad”. Como o seu subtítulo di son uns apuntes para a comprensión da historia dunha terra que é referente fundamental do comezo da nosa civilización, e polo tanto, a súa historia é parte de todos nós.
O libro é un recorrido pola Palestina antiga, as diversas invasións, a chegada do Islam, a loita contra a ocupación turca e británica, as novas inmigracións xudías, o nacemento de Israel e os seus afáns expansionistas, as diferentes guerras árabes – israelís, as traizóns dos gobernos árabes, as políticas neocolonialistas de occidente cara a Palestina. Ademais, é unha historia do acontecer da OLP, e polo tanto, do propio pobo palestino. Sen deixar de analizar as dúas Intifadas, a Guerra do Golfo e os efectos do 11 de setembro no mundo árabe.
O ensaio vén acompañado dunha serie de mapas das conquistas que Israel fixo a costa de masacra-la poboación orixinaria palestina.
A verdade que este libro destila unha especie de destino tráxico. A certeza de que si non paramos ao fascismo xudeu, este acabará convertendo ao pobo palestino nun pobo sen terra, nun pobo na diáspora sen dereito á existencia.
Sempre resulta rechamante a facilidade como deste lado do mundo se nos presenta a Israel como unha “democracia” que necesita “defenderse” dos “fundamentalistas islámicos”. Mais, unha comunidade que entre eles organízanse “democraticamente” para asasinar e expulsar a outro pobo non pode ser considerado un estado democrático.
Israel é a aposta do mundo occidental por introducir unha cuña de sangue en medio dos pobos árabes, co obxecto de impedi-lo xurdimento dunha única nación que recupere o gran esplendor da súa cultura, e ademais, do roubo das súas riquezas, especialmente o petróleo para beneficio das grandes multinacionais. Israel é a aposta dos fundamentalistas xudeus polo seu “espacio vital” como pobo “elixido por Deus”. É a versión asiática da Sudáfrica do apartheid ou da Gran Serbia de Milosevic. A versión sionista do ultra nacionalismo alemán, da que fala Saramago.
Non podemos quedar indiferentes. Neste mundo global o que está a pasar co pobo palestino é unha afronta á dignidade de todos nós como seres humanos. Somos un pobo solidario e debemos amosar unha vez máis a nosa cercanía co sufrimento deste pobo, e a nosa aposta por unha Palestina libre e en paz.
En febreiro, no acto de Fuco Buxán contra a guerra, e solidaria cos pobos iraquí e palestino, tiven ocasión de falar con Safa. A vez anterior fóra hai doce anos, onde tiveramos unha longa conversa sobre a Intifada e a Primeira Guerra do Golfo, nun tren cara a Madrid. De aquela e hoxe, sigo vendo nel un profundo compromiso coa causa da liberdade do seu pobo e na esperanza e do convencimento nunha Palestina que algún día será a Terra Prometida, tamén para toda a súa xente. Que así sexa.
Arquivo por autores: Manuel Cendán
UN PRIMEIRO DE MAIO UNITARIO (29-4-2003)
Estes días confírmase a boa nova xa adiantada por este xornal. No Primeiro de Maio irán xuntos UGT, CIG e CCOO. Nestes tempos onde todo derrúbase ante o avance das pistolas e ese novo fascismo disfrazado de “economía de libre mercado”, resulta cando menos esperanzador que os sindicatos lancen a súa mensaxe unitaria.
Necesitamos os traballadores de referentes que nos falen doutro mundo que é posible, a aí a unidade de acción dos sindicatos de clase é onde vese con máis claridade que esta é unha necesidade estratéxica. O tempo, ademais, amosa claramente que esta unidade é a mellor arma de avance das posicións dos traballadores, e que redunda nuns mellores resultados para cada organización nas eleccións sindicais.
Neste novo século debería producirse un impulso máis alá da unidade de acción. Si, tempos atrás a diferente orixe ideolóxica e a Transición política en España, xustificou a existencia de organizacións sindicais diversas, esta orixe queda xa moi lonxe e, realmente aparece diluída ante a inmensa maioría dos traballadores. De feito, fóra dunha referencia histórica ou de identidade nacional redimensionadas pola globalización, os traballadores non saberían dicir que xustifica o non haber unha soa unión de traballadores.
Aínda que é certo que xurdiu diferencias sobre aspectos importantes, desde hai uns anos, para os traballadores non son motivos de abondo que xustifiquen os atrancos que moitas veces sufre a unidade de acción. É evidente que xuntos son un enorme foco de atracción para todos os traballadores e todas as organizacións.
Estamos asistindo á precarización inxustificada do mercado laboral, converténdose esto nunha ferramenta tamén de dominio político sobre a poboación e de degradación da nosa democracia. Os dereitos máis elementais quedan ás portas das empresas. Prodúcese unha dicotomía: somos cidadáns unha vez estamos na nosa vida privada… e si non se nota.
Nos anos noventa houbo importantes avances na definición teórica do que se chamou a democracia industrial cun ensaio cativo nas empresa públicas, que canalizaba a participación dos traballadores na xestión das empresas. Os traballadores somos maduros como clase social e deberíamos esixir a nosa cota de participación na xestión empresarial.
Ademais, debemos prestar atención á pretensión das grandes corporacións multinacionais a través da OMC de privatiza-lo todo: servicios públicos, auga, terra, sanidade, ensino, ADN, petróleo, Amazonía… O mundo é un gran bazar onde todo ten prezo, incluso a vida das persoas. E as persoas valen o que di a súa conta bancaria.
O capitalismo global que considera que a democracia e os dereitos fundamentais son un estorbo para os seus negocios debe ter tamén un contrapeso sindical, que en España pasa pola existencia dun gran movemento sindical unido.
Só así será posible, desde o sindicalismo, dar resposta a esa estratexia do capitalismo global de por unha banda esnaquiza-lo Estado de Benestar e arrincona-la democracia; e pola outra banda, instaurar esa era da guerra perpetua da que fala Ignacio Ramonet.
Neste 1 de Maio todos os sindicatos buscan na unidade a defensa dos traballadores, da paz e do recordo a todas as víctimas do Iraq ocupado e de Julio A. Parrado e José Couso.
Noraboa aos sindicatos e a súa unidade.
Unha nova orde internacional (22-3-2003)
Escribo este artigo cando hai unhas horas a Coalición Anglo-Norteamericana acaba de atacar a cidade de Bagdad, nun presunto ataque “selectivo”. Á coalición da guerra sumarase 900 militares españois por orde do Presidente Aznar, en misión “humanitaria” de apoio sanitario ás tropas agresoras. Perdón pobo árabe.
Aznar cunha grande irresponsabilidade métenos nunha guerra onde coa extrema dereita americana e o tránsfuga Blair decidiron enfrontarse ás Nacións Unidas, ao Dereito Internacional, e a Europa. Alumean unha nova orde internacional onde quen ten a forza pode facer o que considere oportuno. Un mundo que sen dúbida será moito máis perigoso, onde a radicalización da violencia convertese no eixo da política.
O pobo iraquí non merece ser masacrado, nin por Sadam Husein nin polas segundas reservas do petróleo do mundo. Ademais, coa política do ataque “preventivo” calquera pode ser considerado parte do “eixo do mal”. Mañá pode ser Irán, Arabia Saudita… Venezuela, Cuba, ou nós mesmos.
Aznar nunha declaración de fe pro USA, rompe España. A partir de agora producirase unha profunda disociación entre a política oficial e os cidadáns. Ten razón o actor galego Luis Tosar cando di que o 25 de maio hai un casting e que nós debemos elixir aos mellores. E resulta rechamante que salvo o catedrático Herrero de Miñón e o ex ministro Pimentel, as voces contra a guerra sexan moi poucas no PP. O apoio da maioría dos dirixentes populares a Aznar poden acabar por converter a este partido nunha Herri Batasuna Española que apoia unha guerra ilexítima -contra a Constitución Española e o Dereito Internacional- que necesita dun refrendo expreso do Consello de Seguridade da ONU que non lograron.
Os cidadáns temos dereito a saber si os candidatos de todas as formacións políticas que se presentan ás eleccións do 25 de maio están con Aznar ou coa paz e os dereitos humanos.
Aznar rompe tamén a política tradicional española en América Latina aparecendo como subalterno dos EE.UU. Causa profundas feridas nas nosas relacións con México, Venezuela, Chile, Cuba… e para remate enfróntase á idea dunha Europa unida propoñendo sen reparo abraza-lo modelo social americano renunciando ao Estado de Benestar e á paz como opción estratéxica. Non quere unha Unión Europea autónoma, senón supeditada aos EE.UU.
A extrema dereita quere deseñar un novo mundo onde o Dereito e a Democracia sexan unha entelequia. Teñen un tremendo medo aos cidadáns, a que creamos que esto da democracia vai en serio. Estamos ante unha grave crise do capitalismo global e as multinacionais necesitan utiliza-la guerra para sofocar as súas contradiccións. Cada vez queda máis en evidencia que capitalismo e democracia son termos contrarios. Este mundo global necesita un cambio de civilización na profundación da democracia participativa, do reparto da riqueza e da cultura da paz.
E nós, os cidadáns de España temos que resolver pronto un problema grave, chámase Aznar.
Sargadelos, novo espacio para novos tempos (28-2-2003)
A inauguración das novas instalacións de Sargadelos na nosa cidade merece recibir todos os parabéns do mundo cultural ferrolán.
Sargadelos non é unha empresa típica, unha simple tenda de cerámica e libros. A súa, xunto coa Editorial Galaxia fundada por Ramón Piñeiro, tamén a mediados do século pasado, e neste caso auspiciada polo derradeiro dos grandes galeguistas: Isaac Díaz Pardo forma parte do patrimonio cultural fundamental de Galicia. Sargadelos é un compromiso constante coa cultura entendida en galego, na liña que dicía Castelao: mentres exista o galego seremos galegos. Un compromiso tolerante e aberto a todos, e a todos os feitos socioculturais e da arte.
A miña relación con Sargadelos ven dada desde o traballo desde a Asociación Cultural Fuco Buxán. E podo dicir, que desde un primeiro momento esta Institución promotora da cultura máis que empresa, sempre facilitaron e apoiaron as nosas iniciativas culturais.
Para nós, Sargadelos forma parte da nosa propia historia. Como exemplo lembrar que tras a nosa legalización como entidade sociocultural, foi na súa sala onde celebramos o noso primeiro acto público, o 30 de novembro de 1999. E ao longo destes anos, Sargadelos forma parte moi importante na promoción das nosas actividades: temos presentado neste espacio as nosas revistas faladas de prensa, a nosa revista semestral, libros, debates sobre a planta de gas, o racismo e a xenofobia, etc.
Está claro que o compromiso de Sargadelos coas asociacións culturais e a cultura ferroláns dáse desde sempre. Lembrar que a súa primeira actividade cultural, en xuño de 1990, foi unha exposición bibliográfica sobre Ferrol, e ao longo do tempo todos os asuntos que atinxe aos ferroláns pasaron pola Galería Sargadelos onte na rúa Dolores e estou seguro ca partir de xa na rúa Rubalcava.
Nestes tempos onde todo está despersonalizado por mor das grandes áreas comerciais e a globalización, atopar un lugar onde parar, ollar e sentir as formas e os sentimentos que traspasan as figuras das cerámicas, ou poder ulir e acariñar os libros das máis que dinámicas editoriais galegas, fan de Sargadelos un fogar de fadas onde cada un reencóntrase no só co mellor de si mesmo, senón como diría Mercedes Peón un lugar onde marabillámonos da terra, do mar e as cores do noso propio son, sabendo que veñen de atrás.
Hoxe podemos disfrutar todos os ferroláns da reafirmación do compromiso de Sargadelos coa nosa cidade, con cada un de nós. Un novo espacio que sen dúbida van a poñer a disposición da cultura e o arte de Ferrol. Un novo espacio onde os ferroláns poidamos reafirmar o noso entender da vida e seguir a contribuír ao desenrolo de iso que chamamos cultura, parte esencial do ser humano.
Parabéns Sargadelos e feliz século XXI.
A Guerra de Aznar (12-2-2003)
O pasado día 5 puiden seguir o debate parlamentario sobre a guerra USA – Iraq, a través do segundo canal de TVE. O resultado foi moi claro: Aznar non ten argumentos para ir á guerra, si é que algunha vez hai argumentos para semellante desatino.
Aznar cun discurso monocorde, coa manipulación televisiva e baixo a protección do regulamento da Cámara foi incapaz de gañalo debate. Proclamar que é necesario masacrar á poboación civil para salvalos dun dictador, ou “por si acaso” teñen armas de destrucción masiva, non é precisamente un discurso a aplaudir.
Destaco catro intervencións: Zapatero, radicalmente en contra da guerra e que centra o que debe ser unha política de Estado e de seguridade, as relacións europeas e con América Latina; a intervención de Llamazares que rompe a manipulación de TVE que apostillaba a intervención do líder socialista coas palabras de Powell; Anasagasti (PNV), que dá conta das posicións da dereita democrática europea contra a guerra e por último; a intervención de Labordeta (Chunta Aragonesista), que cunha intervención dun par de minutos e un poema, é unha das mellores intervencións parlamentarias en defensa dos dereitos humanos, e loxicamente recolle os aplausos de toda a oposición parlamentaria.
Punto aparte merece a protesta do mundo da cultura, representada por xente como Pilar Bardem ou Juan Echanove. A súa é a demostración máis palpable de que non se pode ir contra o dereito de expresión e o sentido común dos cidadáns. Por moitas cancelas que Aznar poña, a liberdade sempre atopa o camiño, e senón o crea.
Este novo conflicto con Iraq, dáse despois do fracaso da guerra de Afganistán. Lembrar que o principal da mesma era conseguir para a multinacionais americanas un territorio estable, onde poñer as conduccións para levar o petróleo das antigas repúblicas soviéticas até a costa da dictadura “amiga” de Pakistán.
Como a realidade do réxime talibán amosou aos norteamericanos que os seus socios sauditas non son de fiar, decidiron ir directamente a polas segundas reservas petroleiras do mundo (Iraq). Maná serán a reservas de gas de Irán, e pasado mañá dividirán Arabia Saudita, proclamando un protectorado ianqui nas súas provincias petrolíferas. En fin, o Estado Social e Democrático morreu o 11 de setembro, ¡Viva o Consello de Administración de Bush Petroleum!
O Foro Social Mundial convoca a todos os cidadáns a manifestarse ao longo do mundo contra a rapiña americana e os seus satélites. A esta convocatoria as principais organizacións sociais (sindicatos, partidos democráticos, asociacións cidadás) sumáronse, e o vindeiro día 15 de febreiro a paz e a palabra ten que tomar as rúas tamén en España. Aínda que Aznar tapone e peche os ollos, esta non é a nosa guerra.
Finalizo parafraseando unha das frases máis célebres da biografía do noso Presidente: ¡Váiase Sr. Aznar, váiase!