Indubidablemente quero comezar manifestando o meu pesar e a miña solidariedade co pobo dos Estados Unidos, e tamén cos españois que tiñan familiares alí. A utilización do terrorismo é a expresión da bestialidade dos seus autores, e debe ser perseguido sen ningún tipo de dúbida.
Tamén é de salientar que o Goberno Bush queira contar cos seus aliados e haxa renunciado, polo tanto, a unha resposta inicial présa da fortísima emotividade do momento.
Mais este paso é insuficiente. É necesario que os países democráticos baseen a súa acción nas Leis e o respecto ao Dereito Internacional. Non hai que facilitarlles aos terroristas unha xustificación ideolóxica. De aí que sexa necesario que os EE.UU. e os países da OTAN avancen nunha Resolución das propias Nacións Unidas, tendo como base o pór a disposición da Xustiza Internacional aos culpables.
Hoxe máis que nunca é necesario a creación dun Tribunal Penal Internacional. Da aquela todos, absolutamente todos, estaríamos baixo o Imperio da Lei. Quizais por eso os poderosos non o querían, pero agora xa non teñen desculpas.
É necesario medir vén o tipo de resposta a esta salvaxada, e como ben di o Goberno francés, que o mundo de despois non sexa máis perigoso que o actual. Non hai que esquecer que nos sistemas democráticos o dereito de vinganza non existe, e ademais, este é a antítese da xustiza. De algún xeito os atentados nos Estados Unidos son o espello das guerras de Iraq e Iugoslavia.
Unha vez superado o estupor inicial todos debemos reflexionar en que tipo de mundo estamos a construír. Este atentado ten moitas implicación que obríganos a buscar novas respostas aos problemas internacionais. Na era da Globalización calquera acción política inflúe en todos nós, e imos sufrir os efectos colaterais deste novo-vello orde internacional.
Hai uns días acabou a Conferencia de Durban sobre o Racismo, onde as potencias occidentais só estiveron dispostas a expresar as desculpas pola política colonialista que esnaquizou a vida e a identidade dos pobos colonizados e o futuro dun continente enteiro, como é o caso de África. Occidente négase a cambiar débeda externa por débeda colonial. É evidente que de aquela non se quería unha relación nova en plano de igualdade cos países subdesenvolvidos. Todo para manter este novo colonialismo que é xa a Globalización.
Mais o atentado contra os Estados Unidos abre unha nova era difícil, que pode levalo mundo polo camiño de gravísimos conflictos xeneralizados. A desesperación dos desarraigados sirve de caldo de cultivo para o fanatismo. Asemade, as superpotencias, neste caso EE.UU. deberán reformular toda a súa política internacional. Veremos como se desenrola o conflicto dentro dos cidadáns norteamericanos, pero algunha vez terán que preguntarse como é posible que o principal sospeitoso sexa un mercenario que estivo ás ordes dos seus Servicios Secretos.
Nos vindeiros tempos o sucedido influirá en toda a nosa vida. Afortunadamente as declaracións posteriores do Goberno español matizaron ao belicoso Aznar, quizais haxa que recordarlle que estamos no centro do furacán, entre a África violada e a opulenta Europa. Tamén traerá cambios na arquitectura e en aquelas instalacións susceptible de producir accidentes e milleiros de mortes. Estas deberán poñerse fóra das áreas habitadas ou militares. A tecnoloxía da especulación deberá dar paso á tecnoloxía de prevención de desastres e axuda humanitaria.
É necesario desenrolar unha nova cultura da paz, de cooperación cultural e comercial xusta. Quen se prepara e fai a guerra acaba sufríndoa. Hai que dar paso á política. A verdadeira política: a dos cidadáns.
Arquivo por autores: Manuel Cendán
APUNTES SOBRE A NOSA IDENTIDADE (Nº 11, 2001)
A realidade de Galicia fai que hoxe gocemos de dous idiomas, que como tais compiten, eso si, con desigualdade de medios pola súa preponderancia. É de saudar o desenrolo que tiveron os medios de expresión, nos derradeiros vinte anos, en lingua galega.
Mais, a presión ambiental do castelán sobre o galego multiplicase por mil. Curiosamente, hai sectores da poboación, tamén na nosa comarca, que ao carón desta Nueva España, Una y Grande do maduro Aznar, están alporizados polo uso desmedido que nos derradeiros tempos acadou o galego. Sobre todo na publicación de libros e na escola.
Asemade, as agresións que algúns radicais están a facer a profesores universitarios polo uso do castelán nas súas clases, como é o caso do bo amigo desta revista, Blanco Valdés, só serven para alimentar aínda máis o nacionalismo español.
Que as editoras que se criaron nestas dúas décadas publiquen fundamentalmente en galego, amosa tamén a incapacidade que ten a cultura galega en castelán para xerar iniciativas propias que facilite o seu desenrolo. Asistindo na práctica a que esta última sexa un subproducto da cultura española oficial, o que non está ao nivel dos seus representantes máis senlleiros (Valle Inclán, Concepción Arenal, Torrente Ballester, Cela, etc). En Catalunya hai fortes empresas que editan en catalán e tamén en castelán.
Por outra banda, os informes oficiais din que hai un enorme retroceso de galegos falantes, e polo tanto, nin a escola, nin os medios públicos galegos, nin as subvencións, serven para normalizalo uso do idioma.
Mentres o castelán é o idioma oficial que todos os españois temos o dereito e deber de coñecer, os outros tres idiomas españois só teñen o dereito máis non a obrigación. Ante o cal, toda normativa en defensa das outras linguas nacionais é sempre unha decisión política, que está sometida ao vaivén político.
Lembro que de cativo, eu que vivía nas Ferrerías, sufría unha dobre presión ambiental. Por unha banda, vivía nunha parroquia rural de Xuvia, galego falante. Mais cando ía ao pueblo, Ferrol, parecía cambiar de país xa que nuns poucos quilómetros mudaba o idioma. A miña familia é galego falante, mais os nenos respondíamos en castelán. Tíñamos un sentir en idioma galego pero na escola memorizábamos os verbos casteláns. Concluíndo, co paso do tempo non falamos nin escribimos correctamente en ningún dos dous idiomas, e a duras penas usámo-lo galego.
Pasaron vinte anos de autonomía galega. Avanzou o galego? As televisións, os xornais, as radios, os organismos estatais, incluso autonómicos utilizan de forma esaxerada o idioma castelán.
O idioma é fundamental para as persoas. Cando un non sabe expresarse correctamente, tanto na fala como na escrita, fáltalle o altofalante do seu sentir. E mentres exista o idioma galego seremos galegos.
Neste senso é fundamental que a esquerda galega recupere a súa memoria histórica na defensa do galeguismo, é dicir, do federalismo, e dun dos seus eixes centrais: o idioma galego. Hai quen quere agachar que o avance de Galicia como país tamén vén da man de xentes como Quintanilla Martínez ou Ramón Piñeiro, por citar dous exemplos. A este último hai quen non lle perdoa ter sido deputado socialista autonómico no ano 1981, xunto con Carlos Casares. E o que son as cousas, a lista a encabezaba un tal Paco Vázquez, de aquela defensor do galego, cando menos nos mitins.
Asistimos a unha grande ofensiva da dereita que usa o españolismo para unha involución nas liberdades e tamén de aquelas sinais de identidade da España plural que desde sempre existiu. As Hespañas con H de Castelao. Ler aos clásicos non cura os nacionalismos, nin español nin galego.
O día en que nas escolas, en vez de pór nas súas paredes o mapa político de España coas súas divisións provinciais e autonómicas, poñan un mapa da España multicultural e plurilingüe teremos andado unha boa parte do camiño.
GLOBALIZAR OS DEREITOS (29-7-2001)
Acaba de celebrarse o cumio dos países do G8. Si sempre as súas reunións eran vistas como o insulto dunha ínfima minoría de ricos cara ao resto da humanidade, nesta ocasión eles nos deixaron ben claro de que se consideran por riba do Estado de Dereito, do respecto ás opinións, das persoas e da propia democracia.
Unha vez máis unha minoría violenta convertese no protagonista das xornadas anti-globalización. E unha vez máis estes aparecen vinculados aos corpos de seguridade do estado, neste caso en Génova.
Anteriormente, en Barcelona a xuíz desmentiu á Delegada do Goberno Aznar e as forzas policiais. Exculpou aos 21 detidos e nin sequera tomoulle declaración aos policías que podían servir de testemuñas. As declaracións dos manifestantes antiglobalización e o atestado policial foron suficientes para rexeita-las teses policiais.
Por si había algunha dúbida agora a policía italiana, sen orde xudicial, entrou salvaxemente nas hospedaxes e no centro de prensa do Foro Social de Génova. Golpeando, esnaquizando ordenadores, material gráfico, obrigando a cantar himnos fascistas. A menxase é ben clara: os dirixentes do G8 están por riba da lei. Eles son a lei.
As declaracións do noso secretario de Estado de Asuntos Europeos na Universidade Complutense do Escorial van nesa liña.
Desde a caída do Muro de Berlín os dirixentes da dereita mundial eran felices. Non había alternativa ao capitalismo. Era a fin da historia. Ademais contaban co acople do sector máis centrista da socialdemocracia. Chegaron ao extremo de potenciar, no seu día a xentes como Milosevic, e cando non lles foi útil provocaron o xenocidio de Iugoslavia.
Hai poucos anos os teóricos do socialismo de clase media consideraban que a revolución tecnolóxica, como antesala da globalización, traía unha sociedade sen conflictos de clase, onde do que se trataba era de xestionar mellor o Estado, que había que competir en liberalismo para gañar o centro político. Era a chamada terceira vía.
Esa política, electoralmente, trouxo en España a derrota do PSOE, dous millóns de votos socialistas, cansos de políticas que no substancial non se diferenciaba da dereita, quedaron nas súas casas. Agora, a globalización trae maior desigualdade, maior concentración da riqueza nunhas mans, a guerra das galaxias, menos democracia, menos estado de benestar, menos dereitos sociais. É dicir, unha profundización das desigualdades. A terceira vía fai auga por todas as bandas.
Na derradeira década no PSOE houbo un debate sobre o socialismo do futuro, de cal eran as súas sinais de identidade e as súas formas de organización. O movemento anti-globalización está a marcar algunhas pautas, a pesar dos seus erros: solidariedade, igualdade, liberdade, postcapitalismo, pluralidade, autonomía. Unha esquerda que recupere a súa vinculación cos sectores máis desfavorecidos, cos traballadores e as novas clases urbanas para facer fronte a ese novo fascismo, que na nosa cidade expresábase estes días en algo tan simbólico como as pintadas no escaparate dunha librería. A miña solidariedade cos libreiros de Limiar.
En definitiva: outro mundo é posible.
25 ANOS DE CONVIVENCIA DEMOCRÁTICA (3-12-2000)
Estamos en época de lembrar onde estábamos cada un de nós cando morreu o dictador. As páxinas dos xornais énchense de artígos dos que estaban na loita antifranquista, e tamén dos que queren agora poñerse medallas, e presuntamente estaban nela, ou dos que tiñan responsabilidades no franquismo.
Tendemos a esquecer o que aparece nos libros, ou lle damos crédito a aqueles que se empeñan en reescribir a Historia. Uns o fan para agachar o seu vencellamento coa dictadura e outros para que non se evidencie que, mentres os verdadeiros loitadores pola Democracia, a Constitución e o Estatuto, ían ó cárcere,eles estaban de espectadores.
De ahí, que os que carecen de historia democrática sigan na teima de igualar ós demócratas cos antidemócratas. A guerra civil non foi un acto de loucura colectiva, senón un acto de traición, de alzamento fascista en contra da Democracia. E tamén, a actual Constitución, a actual España das Autonomías son unha conquista de aqueles que sufriron a represión, o cárcere , as torturas e a marxinación social e económica.
Hai persoas empeñadas en igualar ás victimas cos terroristas. En igualar ós demócratas cos instigadores da represión. Aproveitan o vandalismo que nos derradeiros días sofreu a nosa cidade, para limpar a súa falta de sentir democrático, e chaman “rencorosos” ós defensores dos valores democráticos. A memoria histórica é a base dos dereitos fundamentais e da convivencia democrática.
Mais, ¿onde estaba eu cando a longa noite de pedra chegaba o seu fin? Era un cativo de poucos anos e vivía en Freixeiro (Narón). Miña nai sempre me conta que un día, a principios dos anos 70, a Garda Civil chegara a miña casa de madrugada. Levantáronnos a todos da cama. Revolveron toda a casa. Buscaban a tres persoas: o meu tío Leonardo Dopico, a Rafael Pillado e a Fernando Miramontes.
Mais, ¿que delito cometera o meu tío e os seus compañeiros? Un. Ter a dignidade que se lle supón a todo ser humano, defender os seus dereitos como traballadores e a súa paixón pola liberdade. Miña nai lembra sempre cando ía ó cárcere da Coruña; alí estaban o irmán e moitos outros. Aínda non podo afogar a carraxe que me produce o relato das torturas que sofrían nas mans da polícia franquista.
Eu son dos afortunados. Non necesito libros para coñecer unha parte moi importante da nosa Historia, xa que está na memoria viva da miña familia. Coñezo persoalmente a moitos dos que si fixeron a Historia e teñen motivos de abondo para reclamar a parte que lles corresponde na loita democrática. Mais, eles non piden, nin pideron nada para si.
Gracias ós tres; gracias a todos os que en verdade estivechedes no antifranquismo. Gracias a vos, teño vintecinco anos de Democracia e só oito de dictadura. Sodes os responsables de que hoxe vivamos en Democracia a pesar de quen está a reescribir a Historia da Transición, dicindo que foi unha evolución natural do antigo réxime ou unha concesión de non se sabe quen.
En definitiva, gracias Leonardo, Rafael e Fernando.
Nós como reflexión (Nº 9, 2000)
Nos últimos tempos asistimos a un debate sobre a lingua que vai máis alá de cuestións filolóxicas, que ten unha ampla significación para o futuro do galego e, polo tanto, da identidade nacional de Galicia.
Unha parte da explicación do por qué non está pechado o debate sobre a lingua, radica de cómo se fixo aquí a transición democrática.
– A dereita goberna dende un primeiro momento Galicia, e do mesmo xeito que non cre na Autonomía, tampouco cre no idioma.
– A esquerda, que apoia o Estatuto, sae moi debilitada. O PSdeG PSOE xurde como partido de aluvión, sen pasado e sen perspectiva propia. Os eurocomunistas, a pesares do seu compromiso antifranquista, son testemuñais.
– O nacionalismo tampouco aposta polo autogoberno. As súas posicións van desde o independentismo ao lusismo. Axudando, con elo, ás pretensións da dereita de desdebuxar a Autonomía herdeira do Estatuto de Castelao.
A falla de autoridade social permite a existencia de Institucións e asociacións con diversas normativas lingüística, baixo presupostos máis ideolóxicos que filolóxicos, que buscan diversos graos de diferenciación política territorial co resto de España.
Esta diferenciación vai dende unha normativa oficial que busca o espacio do galego sen converter ao castelán en inimigo visceral; á normativa lusista que considera que Galicia é unha expresión da cultura portuguesa, anulando a identidade nacional propia. Entre as dúas, a de mínimos reintegracionistas, que sigue acomplexada pola lusista.
Os tempos son chegados para pecha-la problemática das normativas, tendo en conta que nestes vinte anos houbo cambios que obrigan a reformularse aspectos superados, minimizados ou que son novidosos:
A globalización trae consigo a necesidade de conseguir un amplo acordo na sociedade galega que permita que a nosa cultura poda ter o seu propio espacio diferenciado que nos permita seguir sendo galegos. Porque é ben certo que se aínda somos galegos é por mor do idioma. A normativa galego portuguesa non ten sentido, non só porque non se usa en ningunha parte de Galicia, senón porque deixamos de ser galegos para nos converter en portugueses.
Aínda así é indubidable a existencia dunha orixe común, que agora maniféstase en dúas personalidades nacionais diferenciadas. O portugués é unha referencia a ter en conta, que sufre unha diferenciación cada vez maior entre as súas falas.
As Institucións autonómicas, os partidos e as entidades culturais galegas deben chegar a un acordo que peche definitivamente o conflicto das normativas. Rexeitada a normativa galego portuguesa, e dende a oficial con modificacións de consenso, debería haber un espacio de entendemento que permita un achegamento en beneficio do idioma galego, sen renunciar a nosa identidade e a reforza-la autoridade da Real Academia Galega.
Hoxe a dicotomía non é galego versus castelán, senón culturas anglófilas ou culturas latinas. A Historia é como é. En Galicia, pese a quen pese, existe unha cultura galega en castelán, coa que debemos convivir e reivindicar como nosa e expresión de riqueza.
A regaleguización de Galicia virá dada da man dos galegos das cidades ou non haberá tal. Para elo, hai que converter ao galego nunha lingua máis atraente socialmente. Amplia-la súa presencia non medios, ter unha soa normativa e desenvolver unha cultura galega de interese, baseada máis na calidade. O fenómeno literario de Manuel Rivas ou a música folc galega perfilan algunhas das liñas a seguir.
O idioma tamén necesita da recuperación da esquerda na nosa terra e o seu reencontro coa Cultura. Unha esquerda que reedite a Alianza das forzas do traballo e da cultura, cun proxecto federalista para España e de país para Galicia.