A inauguración das novas instalacións de Sargadelos na nosa cidade merece recibir todos os parabéns do mundo cultural ferrolán.
Sargadelos non é unha empresa típica, unha simple tenda de cerámica e libros. A súa, xunto coa Editorial Galaxia fundada por Ramón Piñeiro, tamén a mediados do século pasado, e neste caso auspiciada polo derradeiro dos grandes galeguistas: Isaac Díaz Pardo forma parte do patrimonio cultural fundamental de Galicia. Sargadelos é un compromiso constante coa cultura entendida en galego, na liña que dicía Castelao: mentres exista o galego seremos galegos. Un compromiso tolerante e aberto a todos, e a todos os feitos socioculturais e da arte.
A miña relación con Sargadelos ven dada desde o traballo desde a Asociación Cultural Fuco Buxán. E podo dicir, que desde un primeiro momento esta Institución promotora da cultura máis que empresa, sempre facilitaron e apoiaron as nosas iniciativas culturais.
Para nós, Sargadelos forma parte da nosa propia historia. Como exemplo lembrar que tras a nosa legalización como entidade sociocultural, foi na súa sala onde celebramos o noso primeiro acto público, o 30 de novembro de 1999. E ao longo destes anos, Sargadelos forma parte moi importante na promoción das nosas actividades: temos presentado neste espacio as nosas revistas faladas de prensa, a nosa revista semestral, libros, debates sobre a planta de gas, o racismo e a xenofobia, etc.
Está claro que o compromiso de Sargadelos coas asociacións culturais e a cultura ferroláns dáse desde sempre. Lembrar que a súa primeira actividade cultural, en xuño de 1990, foi unha exposición bibliográfica sobre Ferrol, e ao longo do tempo todos os asuntos que atinxe aos ferroláns pasaron pola Galería Sargadelos onte na rúa Dolores e estou seguro ca partir de xa na rúa Rubalcava.
Nestes tempos onde todo está despersonalizado por mor das grandes áreas comerciais e a globalización, atopar un lugar onde parar, ollar e sentir as formas e os sentimentos que traspasan as figuras das cerámicas, ou poder ulir e acariñar os libros das máis que dinámicas editoriais galegas, fan de Sargadelos un fogar de fadas onde cada un reencóntrase no só co mellor de si mesmo, senón como diría Mercedes Peón un lugar onde marabillámonos da terra, do mar e as cores do noso propio son, sabendo que veñen de atrás.
Hoxe podemos disfrutar todos os ferroláns da reafirmación do compromiso de Sargadelos coa nosa cidade, con cada un de nós. Un novo espacio que sen dúbida van a poñer a disposición da cultura e o arte de Ferrol. Un novo espacio onde os ferroláns poidamos reafirmar o noso entender da vida e seguir a contribuír ao desenrolo de iso que chamamos cultura, parte esencial do ser humano.
Parabéns Sargadelos e feliz século XXI.