Descoñecido's avatar

Acerca de Manuel Cendán

"Un murmurio de palabras". https://manuelcendan.com

FERROL Á VENDA (17-10-2003)

Nos últimos anos Ferrol foi perdendo poboación, en cantidades tais que podemos afirmar que o encarecemento da vivenda na cidade supón unha sangría tan importante como, no seu día, supuxo a reconversión naval.
Se pola mínima estamos dentro da Lei de Grandes Cidades, cando menos resulta necesario debater se o desenvolvemento especulativo, que xa sufrimos desde hai varios mandatos municipais, é o apropiado. Sobretodo, agora que dedícanse páxinas enteiras ás propostas da actual equipa de goberno ferrolá, que pretende que chan público pase a mans privadas, sen saber ben cales serán os beneficios para os cidadáns.
Non se trata de entregar, sen máis, terreos que son propiedade da colectividade, para facer urbanizacións de alto custe que obrigan ás rendas baixas e aos xóvenes a marchar fóra do municipio, na procura de prezos máis baixos.
Sería de interese xeral que no desenvolvemento do Ferrol do futuro participásemos todos os cidadáns. ¿Cal é a previsión de vivenda protexida que, basicamente, están dirixidas a traballadores con rendas medias? ¿E a previsión de vivenda social para os que non poden acceder ao mercado que, por exemplo, poderíamos ubicar en solo urbán propiedade do Estado (Renfe, Ministerio de Defensa, etc.), e que está en desuso? ¿Cal é a previsión de vivenda de alugamento para parellas xóvenes, inmigrantes e de vivendas con servicios compartidos para maiores? ¿ Cal é a previsión para equipamento público e de ocio para os cidadáns? ¿Respectan as actuais propostas municipais o Plano Xeral de Ordenación Municipal, ou vaise modificar para mellora-los beneficios económicos das constructoras?
Aquí non vale o deixar facer. Quizais algúns necesitan lembrar o artigo 47 da nosa Constitución: “Todos os españois teñen dereito a unha vivenda digna e adecuada. Os poderes públicos promoverán as condicións necesarias e establecerán as normas pertinentes para facer efectivo este dereito, regulando a utilización do solo de acordo co interese xeral para impedi-la especulación. A comunidade participará nas plusvalías que xere a acción urbanística dos entes públicos”.
A Institución Municipal é un poder público, e polo tanto, ten que garantir este dereito constitucional. Hai tamén outras formas de xestiona-lo urbanismo, como sería que o propio Concello se converta en promotor público de vivendas, ou de cooperativas, sen descartar fórmulas mixtas con participación privada ou de outras Administracións.
A política de vivenda xunto coa de emprego son das que marcan de xeito fundamental a orientación social dun goberno. Pero, que o concelleiro de urbanismo da nosa cidade minusvalore o chamado pelotazo urbanístico ou que o de facenda, nun recente debate na televisión local coa anterior responsable, aposte por precarizar o emprego público dan fe de que estamos ante un goberno de costas aos cidadáns.
Un goberno que aposta porque uns poucos especulen coa vida de todos nós, mais outro Ferrol é posible.

O CASO VANNIKHOF E O XURADO POPULAR (1-10-2003)

Aínda gardo na miña memoria as palabras de aquel fiscal que dicía que Dolores Vázquez era “moi galega”. Aquela foi unha frase que se sumaba a un feixe de despropósitos, que impediron un xuízo xusto e coas garantías propias dun Estado de Dereito.
Ao mesmo tempo, unha prensa amarela, morbosa, con informacións non contrastadas propiciaron o linchamento social que acabou por situar a unha muller inocente sen defensa posible. ¿Onde estaría Dolores Vázquez sen o seu carácter forte e sen unha certa capadidade de resposta? ¿Onde estaría se en España houbera pena de morte?
De aquela o que fallou non foi o xurado popular, senón os investigadores policiais, un xuíz instructor que só con indicios duvidosos presentou o caso para xuízo oral, o fiscal e un maxistrado – presidente que tras un veredicto sen motivar dicta sentencia. Máis dun funcionario e dun estamento da Administración teñen moito que explicar e os Poderes Públicos teñen que tomar medidas con determinadas formas, actitudes e persoas. Non é de recibo dicir agora desde o Consello do Poder Xudicial que o sistema é válido, porque funcionou o sistema de reclamación!
Tamén o calvario de Dolores Vázquez ten que servir para poñer en cuarentena o periodismo cutre, sensacionalista e fascistoide que día a día entra nas casas a través da televisión. Fronte a esta basura “rosa”, que embrutece á xente o periodismo serio ten que recuperar o terreo perdido. Está en xogo os dereitos á liberdade de información, de expresión e incluso de prensa, que nunca poden ser confundidos con estes libelos de papel cuché.
En 1999 este xornal publicoume un artigo acerca da necesidade do xurado popular. De aquela a carón dun asasinato acontecido na nosa cidade houbo quen desde a fiscalía atacabao, pero a nosa participación na xustiza forma parte da esencia da Democracia. Pero, hai sectores corporativos que fuxen do xurado. Non só porque vai en contra dunha concepción elitista da sociedade, senón que tratan que ninguén teña ningún tipo de control democrático sobre as súas accións.
Non debemos deixar que aqueles que permitiron este desaguisado aproveiten a ocasión para lastrar unha das pezas fundamentais das nosas liberdades, nin tampouco debemos aceptar que non entendemos de leis, quedar ao marxe por comodidade ou que non estamos preparados. Facilitar as cuestións técnicas, xurídicas e as probas concluíntes son obrigas dos diversos estamentos policiais e xudiciais, pero discernir sobre se unha persoa é inocente ou culpable basta co sentido común dos mortais.
As pretensións da dereita xudicial e política van encamiñadas a considerar aos cidadáns menores de idade. Non cren na igualdade entre todos e pretenden que nos conformemos cunha democracia de baixa intesidade, que lles garanta o seu estatus.
A condición de cidadán obriga a asumir a nosa maioría de idade, coas vantaxas e cos inconvintes. E impartir Xustiza e cousa de todos nós. Que así sexa.

OBSERVATORIO CONTRA A PRECARIEDADE (9-9-2003)

A contratación eventual de España é superior ao trinta por cento. Utilízase o contrato por obra, servizo, por circunstancias da producción e por interinidade de xeito abusivo, co obxectivo de rebaixar custes empresariais e obrigar a aceptar condicións de traballo que non son tolerables nunha sociedade democrática. Muitas veces supoñen un grave risco físico ou psicolóxico para as persoas. Puerto Llano é unha das súas consecuencias.
Estes días, en relación co aumento das urxencias hospitalarias no Arquitecto Marcide, os seus responsábeis falaban de que unha parte do seu aumento viña dado por traballadores con contrato laboral en precario, que ante a imposibilidade de obter días das súas empresas para realizar uns análises médicos, utilizan o servizo de urxencias para facelos.
É evidente que o abuso da precariedade supón un cancro para o desenrolo da nosa sociedade, e cando menos débese poñer ao descuberto prácticas aparentemente legais, transformando na maioría dos casos postos de traballo permanentes en eventuais, pero que socialmente son impresentables. Abusos que hipotecan o dereito da persoa ao desenrolo pleno da súa vida. E o traballo estable e de calidade é unha parte esencial para este desenrolo.
Quizais, vai sendo necesario que as organizacións sindicais, nos seus ámbitos de actuación, promovan observatorios cuxos datos sexan de acceso público – na maioría dos casos están nos diversos organismos oficiais-, e que analicen a situación laboral de aquelas empresas que utilizan a precariedade laboral ou a subcontratación de forma abusiva, máis alá do estrictamente necesario para os verdadeiros traballos eventuais ou de aumento circunstancial na productividade.
Non se trata de facer ningunha campaña contra esta ou aquela empresa. Pero, si de que a realidade oficial dea paso á verdadeira. De que saibamos que tal empresa utiliza a persoal subcontratado para cubrir as vacacións dos seus empregados ou cando entramos nun coñecido establecemento saibamos que ten traballadores desde hai máis dunha ducia de anos que van pasando desde a empresa matriz a outra instrumental, para que estas persoas non teñan ningún tipo de dereito. Así mesmo, facilitaría a visualización de empresas que “comparten” domicilio social e traballadores, así como dos moitos aqueles “sen papeis” que non aparecen por ningures, pero que todos vemos nas rúas.
Este observatorio serviría, ademais, para que os sindicatos puideran axustar o seu traballo cara a defensa dos traballadores, especialmente, os eventuais e dos “sen papeis”. Xa que, evidentemente, poderíamos clasificar ás empresas non só polo nivel de beneficios económicos, senón pola súa utilidade social. A capacidade dun especulador para se enriquecer non interesa á sociedade. Unha persoa terá o recoñecemento social como empresario en función da riqueza que xere en investimentos non especulativos e nun ben social como é o emprego estable e de calidade.
Os sindicatos e a súa unidade de acción, con todas as dificultades obvias, teñen moito que dicir. Pero, a realidade obriga a buscar respostas e emprazados quedamos todos.

CHAPAPOTE NAS PRAIAS (3-7-2003)

Hai uns días tivemos a visita dos Reis para coñecer in situ como vai a recuperación das nosas costas tras a rotura do “Prestige”. Ao carón D. Manuel, Rajoy e representantes do Goberno Aznar. Unha forma de ter un baño de multitudes escudados nos monarcas.
Por moito que diga Fraga que todo vai ben na recuperación das costas galegas e na tempada turística, a convivencia nas praias de bañistas coas cuadrillas de limpeza do chapapote non é precisamente algo que poida tranquilizar.
A verdade é que hai moitas dúbidas sobre as informacións que saen tanto da Xunta como do Goberno central. Ademais, que o Comisionado para o “Prestige” forme parte do núcleo duro do PP tampouco serve para garanti-la credibilidade das Institucións.
Para máis inri, agora aparecen informes agachados no Ministerio de Fomento que falan de fuel enterrado a sesenta centímetros nas praias, desde Barrañán a Arousa, formando unha masa compacta coa area, que nos vindeiros meses acabaría por aflorar e que sería moito máis difícil de limpar. Falta avaliar os custes para a saúde das persoas e para a nosa economía a medio e longo prazo. Non hai que esquecer que uns cento vinte mil empregos están directamente relacionados co mar en Galicia.
Resulta curioso que a estas alturas non se teñan asumido as responsabilidades políticas pola xestión do accidente. Das responsabilidades penais xa o tempo e a Xustiza dirán o que a cada quen lle corresponda.
Non é tolerable que o Goberno, ante a posible responsabilidade subsidiaria do Estado, oferte o adianto das indemnizacións aos afectados, condicionado a que renuncien ás futuras se estas son maiores e, por suposto, a que desistan das correspondentes denuncias xudiciais contra os tres altos cargos da Administración, ante unha eventual condena por ter transformado o accidente do petroleiro no maior desastre da Historia de Galicia.
Hai outros dous asuntos aínda non pechados. O petroleiro non pode ficar sen solución por máis tempo, esperando a ver se é certo que non sae máis combustible. A Administración está na obriga de apurar unha solución definitiva e viable coa colaboración dos especialistas e das asociacións ecoloxistas. Hai que lembrar que desde o Campus ferrolá recoñecidos profesores universitarios como Primitivo González facían unha proposta para encofra-lo buque, até ter a tecnoloxía necesaria para extrae-lo fuel.
O segundo asunto radica sobre a propia xestión do Goberno Aznar. Unha das causas fundamentais da magnitude que alcanzou o accidente está no adelgazamento que fixeron do Estado. Neste país necesitamos un forte investimento en seguridade marítima (máis remolcadores e máis potentes, buques anticontaminación, barreiras, etc.), lonxe do fundamentalismo ideolóxico de reducir e privatiza-los servicios públicos, que só beneficia a uns poucos, prexudicando á inmensa maioría.
E como diría unha de esas pancartas que nada lle gustan a D. Manuel: Nunca Xamais.

Un Goberno para Ferrol (8-6-2003)

Unha vez que xa sabemos o resultado electoral e tras a resaca do día 25M podemos facer algunhas reflexións dun xeito máis tranquilo. Ademais, agora vese a capacidade de cada grupo político para rendabiliza-lo resultado e incluso aparentar ter máis do que en realidade decidiron os cidadáns.
En termos globais, tras constatar unha baixada de catro mil electores no censo, si sumamos o voto progresista -incluíndo aquí a Borreiros- observamos que acadan mil votos máis ca dereita, aínda que por segunda vez gracias á Lei D’Hont, permítelle á dereita obter maioría absoluta.
Dentro do campo da dereita é necesario analizar a súa evolución desde a aparición de IF no ano 1.995, onde en conxunto sumaron entón algo máis de vinte e dous mil cincocentos votos, sendo alcalde da coalición Juan Blanco.
No ano 1.999 as dúas dereitas baixaron case seis mil votos, aínda que foi a perda por Juan Fernández, da metade do seu electorado, o permitiu que Xaime Bello fora alcalde.
Si vemos os resultados deste 25 de maio constatamos que con respecto a 1995 IF aumenta algo máis de seiscentos cincuenta votos, pero coa baixada do PP, a diferencia conxunta da dereita con respecto a 1.995 é de dous mil seiscentos cincuenta votos menos.
A verdade que se IF tivo votos procedentes da esquerda, estes non parecen significativos. Outra cousa é que lle veña ben para presionar aos que parecen os seus futuros socios de goberno. En calquera caso, o que determina un partido é o seu programa e os seus candidatos. Estes din que son do “PP até a medula”
IF como proxecto político autónomo necesita diferenciarse do PP, e por terceira vez Juan Fernández no consigue se-la lista máis votada da dereita. Veremos en que queda o seu ferrolanismo. ¿Seguirá defendendo o interese da cidade de poñer a planta de gas en Caneliñas? ¿Asinará un pacto con inversións reais ou reeditará aquel famoso “Plan Especial para Ferrol” tan cativo?
No campo progresista só Iolanda Díaz pode alegrarse. Basicamente, os votos que nun principio recibía o PSOE, despois o BNG, están agora apoiando a EU. Ademais, a integración de Miramontes deulle consistencia á súa candidatura.
Na situación das demais forzas progresistas algo terá que ver a propia xestión, a situación de cada partido, as súas formas de facer política e de relacionarse cos cidadáns nos resultados.
Tras 25 anos de Democracia, en Ferrol os mellores resultados da esquerda foron os de Xaime Quintanilla que tivo once concelleiros, incorporando electores procedentes do PCG e do nacionalismo.
É certo que a dereita o ten máis fácil para consolidar unha maioría na cidade. Pero, da capacidade da esquerda por renovar as súas equipas dirixentes, estilo de traballo e propostas para Ferrol dependerá o seu futuro, xa que este sempre está aberto.