Escribo este artigo cando hai unhas horas a Coalición Anglo-Norteamericana acaba de atacar a cidade de Bagdad, nun presunto ataque “selectivo”. Á coalición da guerra sumarase 900 militares españois por orde do Presidente Aznar, en misión “humanitaria” de apoio sanitario ás tropas agresoras. Perdón pobo árabe.
Aznar cunha grande irresponsabilidade métenos nunha guerra onde coa extrema dereita americana e o tránsfuga Blair decidiron enfrontarse ás Nacións Unidas, ao Dereito Internacional, e a Europa. Alumean unha nova orde internacional onde quen ten a forza pode facer o que considere oportuno. Un mundo que sen dúbida será moito máis perigoso, onde a radicalización da violencia convertese no eixo da política.
O pobo iraquí non merece ser masacrado, nin por Sadam Husein nin polas segundas reservas do petróleo do mundo. Ademais, coa política do ataque “preventivo” calquera pode ser considerado parte do “eixo do mal”. Mañá pode ser Irán, Arabia Saudita… Venezuela, Cuba, ou nós mesmos.
Aznar nunha declaración de fe pro USA, rompe España. A partir de agora producirase unha profunda disociación entre a política oficial e os cidadáns. Ten razón o actor galego Luis Tosar cando di que o 25 de maio hai un casting e que nós debemos elixir aos mellores. E resulta rechamante que salvo o catedrático Herrero de Miñón e o ex ministro Pimentel, as voces contra a guerra sexan moi poucas no PP. O apoio da maioría dos dirixentes populares a Aznar poden acabar por converter a este partido nunha Herri Batasuna Española que apoia unha guerra ilexítima -contra a Constitución Española e o Dereito Internacional- que necesita dun refrendo expreso do Consello de Seguridade da ONU que non lograron.
Os cidadáns temos dereito a saber si os candidatos de todas as formacións políticas que se presentan ás eleccións do 25 de maio están con Aznar ou coa paz e os dereitos humanos.
Aznar rompe tamén a política tradicional española en América Latina aparecendo como subalterno dos EE.UU. Causa profundas feridas nas nosas relacións con México, Venezuela, Chile, Cuba… e para remate enfróntase á idea dunha Europa unida propoñendo sen reparo abraza-lo modelo social americano renunciando ao Estado de Benestar e á paz como opción estratéxica. Non quere unha Unión Europea autónoma, senón supeditada aos EE.UU.
A extrema dereita quere deseñar un novo mundo onde o Dereito e a Democracia sexan unha entelequia. Teñen un tremendo medo aos cidadáns, a que creamos que esto da democracia vai en serio. Estamos ante unha grave crise do capitalismo global e as multinacionais necesitan utiliza-la guerra para sofocar as súas contradiccións. Cada vez queda máis en evidencia que capitalismo e democracia son termos contrarios. Este mundo global necesita un cambio de civilización na profundación da democracia participativa, do reparto da riqueza e da cultura da paz.
E nós, os cidadáns de España temos que resolver pronto un problema grave, chámase Aznar.