Descoñecido's avatar

Acerca de Manuel Cendán

"Un murmurio de palabras". https://manuelcendan.com

28 de novembro: Proxección de 10 curtametraxes feitas por mulleres en Sargadelos Ferrol

Esta semana pasada foi moi complicada para Fuco Buxán. O mércores 22 presentamos o número 21 da revista “Razón Socialista”; o xoves 23 tivemos un concerto da Coral Polifónica Eumesa no C.C. Carballo Calero; e finalmente, o venres 24, presentamos as memorias do Xeneral Vicente Rojo, feitas polo seu neto e periodista de “El País”, José Andrés. Debido ás inundacións na sala que tíñamos previsto, esta presentación fíxose no Edificio de Usos Múltiples da Praza de España, en Ferrol.

Este martes 28, ás 20 horas, presentaremos, na Galería Sargadelos de Ferrol, 10 curtas feitas por movementos de mulleres, que tratan de diversas problemáticas sociais, desde a perspectiva desas propias mulleres.

10 curtas de Bélxica, Bolivia, Colombia, España, Francia, Malí e Venezuela. Esta é unha iniciativa que facemos conxuntamente coa ONG “ACSUR – Las Segovias”. Virá desde Madrid, Miguel Romero Baeza, Coordinador de Comunicación e Estudios desta ONG. Un especialista en medios de comunicación alternativos e tamén, un participante en diversas reunións do Foro Social Mundial (Porto Alegre, Florencia, París, Caracas). Así como articulista en revistas internacionais como “Sin Permiso” ou “Viento Sur”.

Esta iniciativa conxunta de ACSUR e Fuco Buxán, está englobada no Noticiario Internacional de Barrio. Un proxecto de comunicación local, asociativo e alternativo, basado na produción dun “noticiario” de televisión bimensual. Programas documentais elaborados polos propios protagonistas, co obxectivo de achegar as novas tecnoloxías á cidadanía e as organizacións sociais para afortalar o tecido social de base e o intercambio de experiencias.

Lembrade: este martes 28 de novembro, Proxección de 10 curtametraxes feitas por mulleres en Sargadelos Ferrol, ás 20 horas. Organizan: Fuco Buxán e ACSUR. Entrada Libre.

… (Por certo, presentarei eu o acto en nome de Fuco Buxán).

Acsur ou a auga de maio

Non son simplemente unha ONG, é un proxecto de transformación da realidade mundial desde unha perspectiva progresista do Sur, pero tamén dos países do Norte. Participa no debate por outro mundo que é posible, participa con pleno dereito na alterglobalización.

“Acción co Sur” é unha organización cidadá, pluralista e laica, comprometida cunha acción de transformación política e social para construír un modelo de desenvolvemento equitativo, sostible e democrático a escala mundial e global, para mulleres e homes. Como organización queren contribuír ao desenvolvemento da conciencia crítica da cidadanía, acompañando procesos de participación democrática e organización social, desde a solidariedade e a través da cooperación internacional.

Desde Fuco Buxán temos en marcha xa diversos proxectos conxuntos. En breve (28-11-2006), traeremos unha serie de curtametraxes feitas en diversos países por movementos populares de base, de Europa e Iberoamérica, e que forman parte do chamado “Noticieiro Internacional de Barrio”. Antes de acabalo ano, o 15 de decembro, presentaremos un libro sobre os efectos ca construción do Muro que Israel está a construír nos territorios ocupados de Palestina ten na poboación árabe.

Isto último seguirá sendo un tema que trataremos o vindeiro ano cunha ampla exposición fotográfica e mesas redondas que tendo Palestina no corazón, incidiremos nunha panorámica sobre o conxunto do mundo árabe. Tamén, permítome salientar un traballo sobre inmigración que ACSUR fixo con mulleres ecuatorianas e colombianas, que poderedes atopar na súa web e que unha parte desenvolveuse nesta comarca.

Os que seguides o traballo de Fuco Buxán, sabedes que levamos tempo falando de como asomarnos ao mundo exterior, en especial á alterglobalización e o conxunto de España. ACSUR pode ser un deses vínculos estratéxicos que nos conecte con ese aire anovado que necesitamos para sentir que os cambios poden perdurar no tempo.
Basicamente, coincidimos no perfil sociopolítico que desde a esquerda aposta pola transformación social, e nós coñecedores das limitacións que supón ser unha asociación galega radicada fundamentalmente en Ferrolterra creemos – e confiamos que os feitos o confirmen – ACSUR Las Segovias pode significar, para nós, ese auga de maio que piden as nosas actividades e nos permita participar no cambio de civilización que este mundo precisa.

Publicado en Razón Socialista, nº 21, ano XI, 2º semestre, 2006. (Presentada o 22 de Novembro).

O Comité Cidadán mantén vivos 7 contenciosos xudiciais contra Reganosa


Coñecíamos a posición do alcalde, pero a resposta dos socialistas, nacionalistas e un concelleiro de IF, agora próximo ao PP, eran incógnitas a resolver:

A primeira sorpresa foi a intervención de Xaime Bello, ex alcalde e voceiro do BNG ferrolán. A súa disertación daba, por momentos, a impresión de que os nacionalistas volvían ao punto de partida. Pero, non. Nun triplo salto mortal e tras conseguir do actual alcalde do PP, o desglose da votación en dúas – recurso 1242, e retirada de todos os contenciosos por parte do concello – o BNG votaba co PP, gañando Reganosa. Na votación abstivéronse 3 concelleiros socialistas –faltaban Carbajales e un de IF – e votaron coherentemente a Esquerda Unida de Yolanda Díaz e Miramontes e os outros cinco concelleiros de IF.

Na segunda votación, coa abstención de BNG e PSOE, e tras o empate, o voto de calidade do Alcalde conseguía a retirada dos restantes contenciosos xudiciais abertos polo Concello. Teño as miñas dúbidas de se é legal aprobar unha resolución con tan só sete votos de vintetrés. Aínda que unha parte deles foron á abstención, non hai maioría de votos favorables. En calquera caso, o alcalde debera deixar o asunto sobre a mesa e tratar de buscar un acordo de consenso en temas tan transcendentais. ¿Pode ser legal esta resolución do Pleno? Non sei, pero é ilexítima.

Obviamente, deixan sós aos veciños ferroláns e as súas asociacións ante o perigo… A pesar de todo, seguen vivos os 7 contenciosos contra Reganosa do Comité Cidadán, ademais tendo en conta que unha sentenza favorable ao concello ferrolán, foi refrendada por outra favorable ao propio Comité de Emerxencia. Hoxe, Reganosa aínda non ten permiso de funcionamento, nin D.I.A., nin Protocolo de Seguridade avaliado pola lexislación vixente. E sigue aberto o expediente na Comisión Europea. É dicir, aínda queda un longo camiño e moi difícil de sortear para os intereses desta empresa.

Evidentemente, vai traer repercusións políticas. O feito de ter obtido un apoio explícito do BNG e pasivo de tres concelleiros socialistas, para Juan Juncal é darlle a razón e facilitarlle o camiño de cara as eleccións de maio de 2007.

No BNG, esta pirueta pode acabar de afondarlle o chan electoral; ademais o acontecido acaba co seu discurso herdado da reconversión naval, porque se ben é certo, que os socialistas fixeron mal coa reconversión –aínda non houbo reindustralización – eles, os nacionalistas abríronlle a porta a unha ameaza directa á vida das persoas. Queda ver como vai afectar á seguridade da base naval ou á actividade do asteleiro militar de Navantia, evidentemente, poden deslocalizarse, pero, ¿Que facer coas persoas? De funcionar Reganosa, só poderíase… evacuala cidade de cada vez que entrara un metanero. Imposible.

Aquí é necesario facer un apunte sobre Xaime Bello. ¿Por que se presta a esta operación cando esta a retirarse da política activa? Así, o BNG non pode reivindicalo seu mandato, nin a súa figura política.

Como militante socialista non acabo de entender que tres compañeiros concelleiros poñan paus nas rodas da candidatura á alcaldía de Vicente Irisarri. Deixar todo en mans do paso do tempo –quedan seis meses para as eleccións locais – ou a que nada vai pasar por, aínda que sexa de forma pasiva, apostar por unha forma de capitalismo do século XVIII, é arriscarse a moito. En calquera caso, os tres quedaran para sempre vinculados a estes feitos. É dunha enorme gravidade a responsabilidade que asumen.

Juan Fernández, coa súa coherencia neste tema amosa que aínda ten recorrido e pode dar moita guerra dentro do campo da dereita. Queda Yolanda Díaz convertida na única voz da esquerda que merece o respecto cidadán, non é estraño que nas enquisas sexa a concelleira mellor valorada polos ferroláns.

Estes días polemizaba cunha amiga, a través do correo electrónico, pola súa integración en Terra Galega. Evidentemente, a miña argumentación de que a presentación de pequenas candidaturas, que dificilmente ían ter representatividade municipal, prexudicaba á esquerda e facilitaba a reelección de Juncal, e por extensión, favorecía a continuación de Reganosa. Hoxe esta opinión non se sostén. Para isto abonda coa auto inmolación dos concelleiros socialistas e nacionalistas.

Máis, sigo a considerar que a candidatura duns supostos “Verdes” é oportunista. Que pode distraer a votantes de Yolanda Díaz; de Terra Galega, que é un invento de Xoán Gato para botarlle un pulso ao PSOE na deputación coruñesa e evitar así os cambios que Narón necesita.

Remato agradecéndolle ao amigo Lage a súa información do encontro da Conselleira de Pesca cos mariscadores da ría ferrolá. O asunto é que aínda cun acordo no que conten con eles e participen na rexeneración da ría, a principal ameaza, que é a utilización da auga por parte de Reganosa, que vai devolver cunha diferenza de cinco grados, acabará danando irremediablemente o marisqueo e fará imposible a recuperación medioambiental desta ría. Sigue adiante aquel plan da Xunta de Fraga, cando era Conselleiro Amancio Landín, de sacrificala ría ferrolá para usos industriais.

En calquera caso, recomendo seguir estes días a bitácora do Comité Cidadán, se queredes afondar na información sobre esta problemática. Tamén vos deixo unha selección de 10 fotos que saquei no Pleno do 17 de novembro.

En español

Entesa i Progrés

Cataluña, a pesar de diversos grupos de presión política, económica e mediática, terá un Goberno progresista de esquerdas. Queda fóra a posibilidade dun xiro á dereita na política catalana, pero a crispación que esta decisión, plenamente democrática e lícita, ca maioría numérica dos deputados electos do Parlament van tomar, debera facernos unha reflexión sobre a saúde do noso sistema parlamentario. ¿É lícito, e democraticamente sostible que CiU con tan só o 31,52% dos votos, pretenda dicir que lle roubaron o goberno, cando para que iso fora así necesitaría a metade máis un dos votos?

Quizais, algúns, non queiran saber que nun sistema democrático e parlamentario como o noso, non só hai que ser a lista máis votada, senón que ten que ter capacidade de sumar ao acordo a unha maioría parlamentaria que reflicta unha maioría social.

Isto non acontece porque somos vicarios dun sistema bipartidista imperfecto que se impuxo tras a vitoria de Felipe González en 1982. Hoxe, tamén, vemos outra das súas eivas; ese bipartidismo imperfecto trouxo en España o aglutinar arredor do PP á maioría do voto de centrodereita, moi radicalizado tras o paso de Aznar. Para os intereses españois, incluídos os do PSOE, houbera sido moito mellor a permanencia do CDS de Suárez e do PCE eurocomunista de Santiago Carrillo. Non teríamos a crispación incitada pola dereita radical e o diálogo e os acordos formarían parte da nosa cultura política.

Volvendo a Cataluña, entendo perfectamente ao PSC. A pesar dos erros do pasado, a pesar do bloqueo e o barullo de algúns que lle piden que renuncie a facer política a prol de CiU, ¿é que tiñan outra opción? ¿Hai alguén no PSOE que diga que un goberno de esquerdas encabezado por un socialista, ademais “inmigrante”, non é bo para Cataluña? ¿Hai alguén, no campo progresista, que diga que un goberno catalán de esquerdas non é bo para España?

Pero, o máis salientable das autonómicas catalanas, é a marxinación e inutilidade do PP como opción política e que lle saíu un duro competidor pola dereita: “Ciutadans de Catalunya”, unha formación populista – liberal, cuxo maior éxito foi reelaboralo nacionalismo español dun xeito “postmoderno”, sen reivindicalo franquismo, e que lle permite recoller votos de incautos da esquerda. Este fenómeno, apoiado polos “radiopredicadores”, tamén debera facer reflexionar a aqueles “baróns socialistas” que alegremente se sumaron como coristas da dereita, facendo aparecer ao PSC máis como un grupo nacionalista, que como un partido da esquerda socialista e catalanista.

Algúns, aínda lembramos que cando se tiña que ter apostado polo tripartito galego do socialista González Laxe, este non tivo os apoios necesarios porque viña ben para o bipartidismo imperfecto que Fraga fora Presidente da Xunta de Galicia. E abofé ca esquerda e o conxunto dos cidadáns, en Galicia pagamos unha onerosa factura.

Non quero deixar de mencionar ao verdadeiro triunfador das eleccións catalanas. Porque, se por algo se caracteriza Cataluña desde o inicio do camiño do novo Estatut hasta estas eleccións autonómicas, é que foi unha viaxe de Pascual a Maragall. Sendo o artífice do primeiro goberno de esquerdas catalán, é o President do novo Estatut que alumbra ao novo goberno catalán.

As eleccións catalás tamén teñen lectura en Galicia: A autonomía do PSC reforza a autonomía do propio PSOE galego, así como que nas dúas comunidades históricas haxa gobernos progresistas de coalición; mais, no BNG teñen difícil manter o seu apoio a CiU, sumado a que cando menos é esta unha “curiosa” forma de ser de esquerdas. E Feijoó sabe que ten que desmarcarse das directrices da dirección nacional do PP, senón quere acabar sendo un líder de curto prazo.

Son optimista, e confío nunha influencia positiva na política española, que é certo que non necesita mirar á súa dereita. Fronte a erros como o finanzamento da Igrexa católica, a asignatura de relixión ou a descafeinada Lei da Memoria Histórica democrática, Zapatero e os españois, necesitamos profundar nas políticas reformistas e de esquerdas.

En español

Galegos de Catalunya: votade PSC, votade Montilla Presidente.

Galegos de Catalunya eu non vos vou escribir nin falar en castelán, non só porque non son Quintana que vos foi a pedir o voto para CiU, senón porque pretendo que entendades ben o que vos quero transmitir. Porque é ben certo que o idioma é moito máis que unha ferramenta, é por rida de todo un xeito de estar e ver o mundo. É a nosa sinal básica que dános a referencia do que somos e do que nos diferenza dos demais. O cal non é contraditorio con isto que engado. Somos diferentes, mais somos iguais.

Historicamente foi a esquerda quen desde unha posición catalanista e integradora sempre apostou pola integración das persoas, pola igualdade de oportunidades sen pedirlle a ninguén un certificado de orixe. Foi a esquerda catalá que demandou iguais servizos e acceso á vivenda, a educación, ao traballo sen importar de onde viñas. O realmente importante é que sumabas a túa vontade de levar adiante un proxecto común, que aí chámase Catalunya. A Catalunya social.

Máis de cen mil galegos viven na cidade de Barcelona. Non vou abondar o que hai de común entre este fillo de andaluces, hoxe candidato do PSC e nós os galegos. Aínda que quizais si algo: a todos nos botou a dereita da nosa terra materna.

Galegos de Catalunya, en galego e entre galegos: votade PSC, votade Montilla presidente. Sinxelamente, porque é un dos nosos… e vai sendo hora de que cheguemos ao Palau da Generalitat.

Na Rede de Blogs Socialistas