Coñecíamos a posición do alcalde, pero a resposta dos socialistas, nacionalistas e un concelleiro de IF, agora próximo ao PP, eran incógnitas a resolver:
A primeira sorpresa foi a intervención de Xaime Bello, ex alcalde e voceiro do BNG ferrolán. A súa disertación daba, por momentos, a impresión de que os nacionalistas volvían ao punto de partida. Pero, non. Nun triplo salto mortal e tras conseguir do actual alcalde do PP, o desglose da votación en dúas – recurso 1242, e retirada de todos os contenciosos por parte do concello – o BNG votaba co PP, gañando Reganosa. Na votación abstivéronse 3 concelleiros socialistas faltaban Carbajales e un de IF e votaron coherentemente a Esquerda Unida de Yolanda Díaz e Miramontes e os outros cinco concelleiros de IF.
Na segunda votación, coa abstención de BNG e PSOE, e tras o empate, o voto de calidade do Alcalde conseguía a retirada dos restantes contenciosos xudiciais abertos polo Concello. Teño as miñas dúbidas de se é legal aprobar unha resolución con tan só sete votos de vintetrés. Aínda que unha parte deles foron á abstención, non hai maioría de votos favorables. En calquera caso, o alcalde debera deixar o asunto sobre a mesa e tratar de buscar un acordo de consenso en temas tan transcendentais. ¿Pode ser legal esta resolución do Pleno? Non sei, pero é ilexítima.
Obviamente, deixan sós aos veciños ferroláns e as súas asociacións ante o perigo… A pesar de todo, seguen vivos os 7 contenciosos contra Reganosa do Comité Cidadán, ademais tendo en conta que unha sentenza favorable ao concello ferrolán, foi refrendada por outra favorable ao propio Comité de Emerxencia. Hoxe, Reganosa aínda non ten permiso de funcionamento, nin D.I.A., nin Protocolo de Seguridade avaliado pola lexislación vixente. E sigue aberto o expediente na Comisión Europea. É dicir, aínda queda un longo camiño e moi difícil de sortear para os intereses desta empresa.
Evidentemente, vai traer repercusións políticas. O feito de ter obtido un apoio explícito do BNG e pasivo de tres concelleiros socialistas, para Juan Juncal é darlle a razón e facilitarlle o camiño de cara as eleccións de maio de 2007.
No BNG, esta pirueta pode acabar de afondarlle o chan electoral; ademais o acontecido acaba co seu discurso herdado da reconversión naval, porque se ben é certo, que os socialistas fixeron mal coa reconversión aínda non houbo reindustralización eles, os nacionalistas abríronlle a porta a unha ameaza directa á vida das persoas. Queda ver como vai afectar á seguridade da base naval ou á actividade do asteleiro militar de Navantia, evidentemente, poden deslocalizarse, pero, ¿Que facer coas persoas? De funcionar Reganosa, só poderíase… evacuala cidade de cada vez que entrara un metanero. Imposible.
Aquí é necesario facer un apunte sobre Xaime Bello. ¿Por que se presta a esta operación cando esta a retirarse da política activa? Así, o BNG non pode reivindicalo seu mandato, nin a súa figura política.
Como militante socialista non acabo de entender que tres compañeiros concelleiros poñan paus nas rodas da candidatura á alcaldía de Vicente Irisarri. Deixar todo en mans do paso do tempo quedan seis meses para as eleccións locais ou a que nada vai pasar por, aínda que sexa de forma pasiva, apostar por unha forma de capitalismo do século XVIII, é arriscarse a moito. En calquera caso, os tres quedaran para sempre vinculados a estes feitos. É dunha enorme gravidade a responsabilidade que asumen.
Juan Fernández, coa súa coherencia neste tema amosa que aínda ten recorrido e pode dar moita guerra dentro do campo da dereita. Queda Yolanda Díaz convertida na única voz da esquerda que merece o respecto cidadán, non é estraño que nas enquisas sexa a concelleira mellor valorada polos ferroláns.
Estes días polemizaba cunha amiga, a través do correo electrónico, pola súa integración en Terra Galega. Evidentemente, a miña argumentación de que a presentación de pequenas candidaturas, que dificilmente ían ter representatividade municipal, prexudicaba á esquerda e facilitaba a reelección de Juncal, e por extensión, favorecía a continuación de Reganosa. Hoxe esta opinión non se sostén. Para isto abonda coa auto inmolación dos concelleiros socialistas e nacionalistas.
Máis, sigo a considerar que a candidatura duns supostos Verdes é oportunista. Que pode distraer a votantes de Yolanda Díaz; de Terra Galega, que é un invento de Xoán Gato para botarlle un pulso ao PSOE na deputación coruñesa e evitar así os cambios que Narón necesita.
Remato agradecéndolle ao amigo Lage a súa información do encontro da Conselleira de Pesca cos mariscadores da ría ferrolá. O asunto é que aínda cun acordo no que conten con eles e participen na rexeneración da ría, a principal ameaza, que é a utilización da auga por parte de Reganosa, que vai devolver cunha diferenza de cinco grados, acabará danando irremediablemente o marisqueo e fará imposible a recuperación medioambiental desta ría. Sigue adiante aquel plan da Xunta de Fraga, cando era Conselleiro Amancio Landín, de sacrificala ría ferrolá para usos industriais.
En calquera caso, recomendo seguir estes días a bitácora do Comité Cidadán, se queredes afondar na información sobre esta problemática. Tamén vos deixo unha selección de 10 fotos que saquei no Pleno do 17 de novembro.