Descoñecido's avatar

Acerca de Manuel Cendán

"Un murmurio de palabras". https://manuelcendan.com

As Pontes de Carmela

Cunha foto da Ponte de Rande, a actual voceira socialista no Senado Carmela Silva, acaba de estrear o seu blogue na Rede. A verdade que iso está moi ben xa que permite achegar, cando menos a unha parte da cidadanía, o traballo social que está a desenvolver, e unha vía de comunicación de dobre dirección. Agora ela súmase a ese sesenta por cento de senadores socialistas con páxina na Rede.

Quizais empeza un pouco forte. O seu primeiro comentario vai sobre o peche patronal no transporte e na pesca. Pero, iso en ela só é unha mostra do seu carácter. Vai de fronte cos problemas, sen concesións. Se por algo se caracteriza Carmela é porque ten as ideas moi claras, e está resolta a solucionar os problemas e os atrancos.

Iremos vendo unha persoa que ten capacidade de comunicación, de aportar ideas, de debater cos outros. Ter un blog non é fácil, xa que pouco a pouco vas soltando toda a túa roupa, todo o teu armazón. O blog senón recolle o alma e os sentimentos máis fundos, do seu autor ou autora, carece de interese.

E Carmela, non o dubidedes, ten unha enorme capacidade de nos sorprender. Ou alguén esperaba o seu nomeamento como voceira socialista? Ten capacidade para isto, e moito máis. Sempre que nas discusións políticas saía o nome de Carmela nos seus críticos aparecía en primeiro plano o seu desconcerto, amoláballes. Non sabían que facer con ela. Non tiña prexuízos, nin tabús e iso permitíalle gañalo debate subindo de nivel. Sobrevive ás contrariedades, e senón hai un camiño, o crea.

A verdade,que non imaxino a Carmela seguindo os partidos do Barça, equipo onde xoga o seu fillo Iago, máis iso tamén amosa a súa adaptabilidade as circunstancias.

A súa paixón polos temas sociais, o seu compromiso por cambiar as cousas, levárona polos vieiros, moitas veces tortuosos, da política oficial. E se hai unha cidade difícil nese eido esa é Vigo. Máis, a pesar de todo o que se poida dicir da cidade, o certo é que é unha cidade aberta, sen prexuízos e verdadeiramente cosmopolita. A xente non está pendente do que fas, máis ao mesmo tempo é solidaria e participativa. Anárquica quizais, sempre entrañable.

Carmela benvida á Rede!

Mulleres na Alianza de Civilizacións

Cartel Mulleres Alianza CivilizaciónsA Alianza foi unha iniciativa de José Luis Zapatero que acabou sendo asumida polas Nacións Unidas. A idea orixinal asentábase na igualdade entre todas as culturas e civilizacións do noso planeta. O respecto á legalidade internacional, a libre decisión dos pobos e unha visión anti colonialista.

Agora o Grupo Parlamentario Socialista e a Organización Sectorial de Participación Cidadá do PSOE organizan para este mércores 25 de xuño, unha xornadas na Sala Clara Campoamor do Congreso dos Deputados, tendo como eixe central o papel das mulleres na Alianza das Civilizacións.

Será moi interesante a análise que deste foro se faga sobre a nova situación que se abre tras a aprobación por parte do Parlamento Europeo da Directiva anti inmigración, que converte en delincuentes a xente que teñen dereito a unha vida mellor. De entrada o voto positivo por parte dos eurodeputados socialistas españois, agás Josep Borrell e Raimon Obiols, supón un torpedo a esta necesaria proposta de comunicación e colaboración entre as diversas formas de entender a realidade humana. Tamén, supón un torpedo á política exterior española, que evidentemente ten o rechazo do conxunto dos países ibero americanos. Non podía ser doutro xeito.

 En fin. Europa derrúbase e á esquerda perde os seus papeis. Así que bo traballo e ánimo ás persoas que vaian participar nestas xornadas sobre o papel das mulleres na Alianza das Civilizacións.

 Programa Xornadas.

Thanks, Ireland!

Irlanda dixo non ao Tratado de Lisboa, sucesora da maltreita “Constitución Europea” (antes foron Francia e Holanda). O asunto non é que os irlandeses sexan anti europeos. Nin que sexan euroescépticos. Nin bichos raros.

Cervexa irlandesaA cousa é ben sinxela. Están fartos de que lles tomen o pelo. Non queren que Europa sexa un burdel onde os capitais fagan o que lles pete. Nin sesenta horas, nin Giscard d´Estaing, Blair, Merkel, Barroso, Berlusconi, Brown, Sarkozy… O capitalismo non é a fin da historia, senón un freo para o desenvolvemento da humanidade.

Os irlandeses queren unha Europa dos pobos e dos cidadáns. Unha Europa democrática, do Estado de Benestar. Igualdade, solidariedade e liberdade. Europa para as persoas, para os traballadores.

Fronte a quen pretende converter a Europa nunha mercadoría, hai xentes que falan de outra Europa que é posible. O liberalismo é a negación da igualdade e da democracia.

Para Aristóteles hai democracia cando os libres e os pobres, sendo maioría exercen a soberanía do poder. Na antiga Grecia a democracia foi a resposta dos pobres, ante a acumulación da riqueza e do poder nas poucas mans dos nobres e dos ricos. A solución á crise na construción europea é sinxela: Democracia.

Nota posterior:

Seguir lendo

…E van 24 números de “Razón Socialista”

Onte presentamos o número 24 da revista semestral “Razón Socialista”, editada desde o ano 1999 pola Asociación Cultural Fuco Buxán. O primeiro número chegou ás rúas o Primeiro de Maio de 1995.

Portada Razón Socialista 24Razón Socialista naceu inicialmente da man de militantes socialistas descontentos co acontecer interno do PSdeG – PSOE, para máis tarde ampliar ese grupo inicial a outras xentes do conxunto da esquerda ferrolá e que deu lugar a unha atípica agrupación socio – cultural como Fuco Buxán, hoxe cunha gran pluralidade interna, tanto política, como sindical, e que ten como obxectivo común a rexeneración da esquerda e a transformación da sociedade desde postulados progresistas e galeguistas.

E iso, tamén vese nas páxinas da revista. Agora, xa a podedes baixar en formato pdf, ou ben pedila en formato papel á propia asociación cultural.

Quizais, a portada deste número 24 sexan unha das máis impactantes. Tras o edificio derrubado da rúa Madalena, vese ao fondo a Casa do Concello de Ferrol. Na portada, tamén se destacan, entre outras, as firmas de Santiago Carrillo, do Presidente asturiano Álvarez Areces, do sempre amigo Jordi Pedret, e do tamén amigo, Xosé Manuel Sarille, fundador da Mesa pola Normalización Lingüística.

Na presentación de hoxe, a intervención destacada foi a de Aitor Bouza Manso,da Asociación Xuvenil “Aprende a escoitar”, o seu artigo “Os mozos e as mozas tamén sabemos escoitar” o atoparedes na páxina 28. É este un colectivo do IES Carvalho Calero do barrio de Caranza, que están a traballar con xente maior, buscando nexos para que estes últimos sintan que aínda son importantes, e útiles de seu e para o conxunto da sociedade. Recoméndovos que visitedes a súa páxina, para coñecelos mellor; así mesmo déixovos cun vídeo do traballo social que están a desenvolver.

É difícil non recomendar todos os artigos deste número. Desde a entrevista ao alcalde de Ferrol, Vicente Irisarri, á que se lle fai a Victoria Fernández; desde a cuestión chilena á palestina; da situación da nosa lingua á situación da policía local ferrolá… Quizais – mira que é difícil optar – me paro nos artigos de Pedret, sobre a desaparición da esquerda italiana; ou no artigo de Lucía Albor, que propón o superporto Ártabros como solución ao conflito de Reganosa. Quizais, sexan máis novedosos polo xeito de enfocar estes asuntos.

En fin, pinchade aquí, e baixar e difundide este novo número 24 de Razón Socialista.