Descoñecido's avatar

Acerca de Manuel Cendán

"Un murmurio de palabras". https://manuelcendan.com

Polémica na Rede sobre o Superporto Ártabros

A verdade que teño que ser agradecido, cando menos non pasan desapercibidas as miñas palabras. Teño unha amiga, que agora está a defender os intereses do País desde Bos Aires, periodista ela, que di que o asunto é que falen dun, aínda que sexa mal. Eu non comparto isto último, pero talvez sexa mellor así.

En todo caso, meu primeiro agradecemento a quen me publica. Son consciente de que teñen acceso a moita xente e, polo tanto, son vehículos axeitados para opinar e difundir ideas e reflexións. No meu caso, modestas. Hai quen me cualifica como destacado dirixente socialista, máis erra. Son un simple militante, que polo seu compromiso político chegou aos movementos sociais.

O que pasa é que aqueles que defendemos a saída de Reganosa da ría de Ferrol estamos sendo observados e combatidos en todas as frontes. O curioso é que algúns destes defensores de Reganosa, din que é estratéxica para a construción nacional de Galiza. O meu delito, ademais, foi mencionar no seu día a algún destacado dirixente que agora aspira a ser Conselleiro tras as vindeiras eleccións autonómicas de 2009.

Quizais, por iso non perdo tempo en descualificar persoalmente aos mandados do Coronel. O que pretenden é evitar o debate. Pero, son consciente de que a miña reflexión chegou a onde tiña que chegar. O debate sobre o traslado de Reganosa xa está na sociedade galega.

O problema, é que en medio hai xente que pode ser usada para o contrario do que eles queren. Sobre todo, senón entenden que a maior agresión medioambiental e á vida que sofren os galegos está en Mugardos, e que hai moitos intereses para defender a Reganosa e que usan todo para iso. Non me preocupan as críticas, se son sinceras. A polémica sobre o traslado de Reganosa tamén está no Colectivo Fusquenlla, en Galiza non se vende, ou en Chuza. Á marxe obviamente do orixinal en Vieiros.

Recoñezo que non sabía o do decreto da Xunta de Galicia (1 de xullo D 133/2008 de 12 de xuño), que derroga o Raminp. Mais, aportaban – obviamente non era esa a intención – unha proba de cargo contra o bipartito: unha lexislación á carta.

Para os cidadáns da ría de Ferrol, a verdade que válenos calquera das tres opcións do meu artigo “Hai alternativas a Reganosa” (mirade o post do día 24 de xullo): Porto Exterior de Ferrol, Plataforma Off Shore ou traslado a Ártabros. En todo caso, de persistir na tese de manter a actual localización en Mugardos, conduce a unha cuarta que alguén sintetizaba moi ben nos comentarios en Vieiros: demolición e peche de Reganosa. Eles verán.

Por certo, tamén escribo sobre Megasa. Que busquen ben no blog. Sobre o espigón do Porto Exterior de Ferrol coa terceira parte chegaba; entre as alegacións está a miña firma como secretario, entón, da Asociación Fuco Buxán.

Si, meu artigo “Hai alternativas a Reganosa” merece crítica. Sobre todo, porque uso a lóxica economicista dos nosos gobernantes, e dos partidos galegos implicados (PSdeG, PP e BNG). Si Ártabros está no debate é por unha dobre irracionalidade, que fai que teñan un dubidoso futuro: Reganosa e o Porto Exterior da Coruña. A primeira cunha forte resposta social e xudicial, a segunda polas enormes dificultades financeiras e técnicas. Aínda están a tempo de dar marcha atrás.

Galicia necesita, cando menos, dunha reordenación e racionalización gasística e portuaria; de cara a poder participar no enorme intercambio comercial marítimo entre América e Europa central, que pasa a poucas millas das nosas costas, e que podería entrar á Unión Europea por Galicia.

Por exemplo, o Porto Exterior de Ferrol estaba pensado para a planta de gas, sacar as industrias perigosas do interior da ría ferrolá e darlle servizo ás cidades de Ferrol e Coruña a curto prazo, cunha idea de complementariedade no contexto portuario galego e non dun liderazgo no noroeste dunha España virada cara a Madrid e ao Mediterráneo.

Volvendo á cuestión do traslado da planta de gas de Mugardos. Os tres partidos galegos saben que teñen que sacar a Reganosa da ría de Ferrol, senón serán as empresas madrileñas (si, madrileñas), quen o fagan. Están dispostas Fenosa, e en concreto Endesa a sufrir outro Brindisi? Como afectará a Reganosa, a compra por parte de Gas Natural das accións de Unión Fenosa?

Endesa e Fenosa van trasladar a Reganosa por unha esquecida orixe galega? Por patriotismo galego – madrileño? Non, vano facer por puro negocio.

Son consciente das marxes en que nos movemos. Pero, intento aportar na solución deste problema. Intento, ademais, un tripo e moi difícil equilibrio: defender os intereses da ría de Ferrol, facer país, e porque non dicilo, axudar a que o meu goberno na Xunta de Galicia teña unha saída viable, tanto técnica, económica como política.

Ante o 11 Congreso do PSdeG

O Congreso Nacional que celebra esta fin de semana o PSdeG – PSOE, é unha oportunidade histórica para o socialismo galego. De facelo ben, será o prólogo dunha longa etapa sendo a forza central e nuclear da política en Galicia.

Este reto obríganos a que non haxa sitio para a autocomplacencia polo poder obtido polos socialistas, tanto na nosa Terra, como incluso no PSOE. A que se faga unha crítica positiva e construtiva e unha posta a punto, tanto do programa, como da acción do Goberno compartido na Xunta de Galicia, e do propio funcionamento da organización dos socialistas galegos.

Os cidadáns teñen dereito a coñecer e a que lles demos solucións aos seus problemas e demandas, e tamén a coñecer o acento galego ás propostas e políticas do socialismo español.

A ampliación dos dereitos colectivos e individuais. O funcionamento e mellora dun retrasado Sistema Galego de Benestar, tanto respecto a España, cando máis á Unión Europea dos 15 (é dicir, sen contar á ampliación cara ao antigos países da órbita soviética). A ordenación e racionalización do País, da súa economía, o acceso á vivenda, á sanidade e educación pública. A convivencia lingüística e igualdade de dereitos para o galego… Así, como a busca de saídas viables a problemas herdados como Ence, o Porto Exterior da Coruña, o Monte Gaiás, ou o necesario traslado de Reganosa; seguro que estarán no debate congresual das delegadas e dos delegados do 11 Congreso.

Unha vez resolto o Congreso Federal, que volveulle a dar a iniciativa política ao PSOE e a J.L. Rodríguez Zapatero; o certo que o celebrado polo Partido dos Socialistas de Catalunya vén a reforzar (obviamente, non é esa a preocupación dos compañeiros cataláns) a autonomía política e orgánica do PSdeG. Ou iso debera ser.

Hai un lugar intermedio entre o centralismo organizativo do PSOE e a existencia do PSC, como un partido irmán, é dicir, autodeterminado? Son os tempos chegados para un PSdeG plenamente consciente como forza organizada, autónoma, de esquerdas e galega de seu? En política non hai espazos para o minifundio.

O certo é que o debate arredor da provincia desenfoca o discurso do galeguismo socialdemócrata. É ben certo que a estrutura provincial require a súa democratización, tamén que a comarcalización non pasa dunha mera coordinación, no mellor dos casos. Máis, historicamente, a idea provincial está enfrontada á idea de galeguismo. A asunción simple en base á circunscrición electoral provincial é unha cesión ideolóxica á dereita con prexuízos electorais para o conxunto da esquerda (recomendo ler a análise deste asunto por Vicenç Navarro).

Tamén, distorsiona o achegamento de aqueles sectores, que debido aos erros e aos anos escuros do propio PSdeG, acabaron votando ao BNG e que hoxe están desorientados ante o xiro ao centro do nacionalismo galego, que neste día van detrás dunha estrela azul. Hai sectores, incluso nacionalistas, que de ser isto Catalunya estarían no PSC. Que estamos a facer mal os socialistas galegos?

Xunto a isto, non hai que esquecer que a nosa base ideolóxica, a nosa forza determinante, son as ideas de defensa dos intereses dos traballadores. Nese senso somos o Partido da clase traballadora e dos sectores máis dinámicos das clases medias. Así o reflicten os nosos estatutos e ponencias políticas. Lembremos, en definitiva que o poder reside no pobo, fronte a idea burguesa de nación.

Teño unha teima principal na nosa relación coa sociedade, especialmente cos movementos sociais reivindicativos e alternativos. Estamos a facer o suficiente para asumir as demandas cidadás? Escoitamos aos movementos sociais? Entendemos, que entidades sociais como os diversos Comités e plataformas de defensas das nosas rías, ou contra a especulación urbanística, ou da memoria histórica, son aliados no necesario avance democrático? Entendemos que se considere que o cambio en Galicia vai lento? Seguro, que estaremos á altura das demandas cidadás.

Hai unha reflexión que levo facendo de hai pouco. É sobre o modelo de partido. A verdade que as actuais estruturas dos partidos políticos son pechadas e nada interesantes para unha boa parte da sociedade. De feito, os militantes somos moi críticos co seu funcionamento.

A estrutura de funcionamento orgánico básica do socialismo, practicamente, non mudou desde o seu nacemento. Parte dunha idea de Karl Kaustky, de organización disciplinada e de vangarda, dunha concepción militar para facer fronte ao poder despótico antidemocrático. Ese modelo foi asumido polo conxunto dos partidos obreiros, tanto socialdemócratas como bolcheviques. E o certo foi que deu un magnífico resultado fronte aos reximenes prusiano e zarista, por exemplo.

Non teño moi claro cal sería o término adecuado, para definilo, tanto desde unha perspectiva científica, como para que se entenda en términos políticos: leninismo, leninismo – socialdemócrata, centralismo democrático… centralismo socialdemócrata? En fin. O asunto, é que nunha sociedade democrática e globalizada, o partido que aspira á hexemonía, e polo tanto, á transformación social, necesita fórmulas máis flexibles e de participación democrática fortes, tanto para si, como para os seus aliados.

Quizais, o movemento alterglobalización dá algunhas claves organizativas a estudar. Estrutura en rede horizontal, codecisión, autonomía…

O problema radica en que cando xa o Estado non é tanto o enemigo a bater, senón crear as condicións democráticas para o cambio de civilización. É dicir, o post capitalismo. A estrutura militarizada sirve para o control interno da disidencia, e en todo caso a alternativa á dirección pasa por unha parte de aqueles que previamente foron cooptados pola propia dirección da organización. A cooptación é a única forma de ter maior responsabilidades por riba da simple militancia.

Incluso a realidade da Rede trae consigo un novo xeito de entender a militancia política moito máis flexible e libre: a cibermilitancia, que obviamente, para ser efectiva debe estar conectada cos movementos sociais; máis que ao propio Partido. Este 11 Congreso tamén consolidará este novo camiño da cibermilitancia socialista galega.

En fin. Mágoa por non poder asistir persoalmente. Teño unha invitación para o sábado 26 de xullo, pero outras obrigas mo impiden. A parte do debate congresual, hai a parte moi importante das relacións persoais. Ver a compañeiras e compañeiros, amigos, que dificilmente noutras veces estarán todos xuntos.

No Día Nacional de Galicia, para as compañeiras e compañeiros do 11 Congreso, bo traballo congresual e apertas ao lonxe.

Hai alternativas a Reganosa

Manuel Fraga e o PPdeG crearon o problema ubicando a planta de gas en Mugardos. Determinados grupos de presión internos do PSdeG e do BNG pretenderon consolidar unha situación ilegal e non legalizable. Así, polo tanto os tres partidos galegos teñen que dar unha solución política á veciñanza de Ferrolterra. Isto só pasa pola saída de Reganosa fóra da nosa ría.

 A inseguridade xurídica que pesa sobre Reganosa, reforzada ademais coa recente sentenza do TSXG que anula a modificación do PXOM de Mugardos, ao carecer a regasificadora da obrigada Declaración de Impacto Ambiental favorable, imposible dentro da ría ferrolá; o risco dun posible accidente que afecte á poboación (lembremos que o pasado 2 de xullo o LNG Rivers tivo que virar en redondo dada a súa proximidade á costa, e iniciar unha nova manobra de entrada á ría de Ferrol); xunto co rechazo social que xenera polos seus efectos sobre a seguridade e o medioambiente; supón unha instalación que sempre estará en precario.

 Mais, o apoio político á actual Reganosa atranca outros proxectos alternativos, viables e de interese para o país. Desde o Comité Cidadán seguen a plantexar que volva ao seu emprazamento orixinal, no Porto Exterior de Ferrol, que para iso foi construído, ou ben que se opte por unha plataforma OffShore. Recentemente, a Ministra de Fomento visitaba a construción dunha Terminal LNG, encargada en Cádiz para ser situada a nada menos ca dezasete quilómetros da costa adriática, ante a negativa da cidade italiana de Brindisi a tela a carón.

 Tamén teño coñecemento de que o proxecto do “Superporto e Refuxio Ártabros”, continúa a súa tramitación ante os correspondentes Ministerios, apoiado por diversos grupos empresariais, incluso internacionais (véxase páxina web www.artabros.es). Este proxecto, de concretarse, non so daría resposta aos problemas da seguridade marítima galega polo seu plantexamento de Porto Refuxio e Base de Salvamento e Loita Contra a Contaminación Marítima, senón que tamén ofrece alternativas e/ou solucións aos problemas medioambientais e de seguridade de Reganosa.

Continúa a ler artigo completo en Vieiros

Ler tradución ao español

– Tamén publicado no Diario de Ferrol, o 13 de agosto de 2008 –