Cunha foto da Ponte de Rande, a actual voceira socialista no Senado Carmela Silva, acaba de estrear o seu blogue na Rede. A verdade que iso está moi ben xa que permite achegar, cando menos a unha parte da cidadanía, o traballo social que está a desenvolver, e unha vía de comunicación de dobre dirección. Agora ela súmase a ese sesenta por cento de senadores socialistas con páxina na Rede.
Quizais empeza un pouco forte. O seu primeiro comentario vai sobre o peche patronal no transporte e na pesca. Pero, iso en ela só é unha mostra do seu carácter. Vai de fronte cos problemas, sen concesións. Se por algo se caracteriza Carmela é porque ten as ideas moi claras, e está resolta a solucionar os problemas e os atrancos.
Iremos vendo unha persoa que ten capacidade de comunicación, de aportar ideas, de debater cos outros. Ter un blog non é fácil, xa que pouco a pouco vas soltando toda a túa roupa, todo o teu armazón. O blog senón recolle o alma e os sentimentos máis fundos, do seu autor ou autora, carece de interese.
E Carmela, non o dubidedes, ten unha enorme capacidade de nos sorprender. Ou alguén esperaba o seu nomeamento como voceira socialista? Ten capacidade para isto, e moito máis. Sempre que nas discusións políticas saía o nome de Carmela nos seus críticos aparecía en primeiro plano o seu desconcerto, amoláballes. Non sabían que facer con ela. Non tiña prexuízos, nin tabús e iso permitíalle gañalo debate subindo de nivel. Sobrevive ás contrariedades, e senón hai un camiño, o crea.
A verdade,que non imaxino a Carmela seguindo os partidos do Barça, equipo onde xoga o seu fillo Iago, máis iso tamén amosa a súa adaptabilidade as circunstancias.
A súa paixón polos temas sociais, o seu compromiso por cambiar as cousas, levárona polos vieiros, moitas veces tortuosos, da política oficial. E se hai unha cidade difícil nese eido esa é Vigo. Máis, a pesar de todo o que se poida dicir da cidade, o certo é que é unha cidade aberta, sen prexuízos e verdadeiramente cosmopolita. A xente non está pendente do que fas, máis ao mesmo tempo é solidaria e participativa. Anárquica quizais, sempre entrañable.
Carmela benvida á Rede!