A promesa

Ver como a cidade soñada vai esmorecendo non é a herdanza que deberamos deixar. E se seguimos así, é certo que non vamos ter herdeiros. Pero que non lle boten a culpa só aos castigos que veñen de fóra.

Hai tempo escribín unha columna que levaba como título “A Beleza”. A maioría entendeuna como un comentario xeral, cando en realidade tiña nomes concretos. De feito, facía un percorrido pola situación dos partidos ferroláns e unha crítica a como se exerce o liderado político.

Xogan coas nosas debilidades e son sempre desleais á súa propia xente, que incauta cre en promesas que non son máis que as cadeas que nos impiden alcanzar, “aínda que sexa por un instante, a beleza”.

A única promesa válida é aquela que acompaña aos feitos. A única opción, seguir na loita. Estes non son tempos de raíñas nin reis. Somos república. Todos traballadores, todos iguais.

Enlace web ao @DiarioFerrol

2015

O problema da crise reside nas incapacidades das esquerdas, que non son quen de buscar unha saída a esta abafante situación. Todas están presas dun institucionalismo estéril, que pasa por riba dos problemas da xente.

Iso dase porque, sobre todo, hoxe son marcas electorais e os seus militantes máis coñecidos aspiran máis a ser cargos públicos que a transformar, e moito menos a enfrontarse á dereita tecendo unha resposta dende a propia sociedade. Vémolo en Ferrol. A cidadanía está na rúa, pero falta de dirección.

Haberá novo goberno tras as municipais do 2015. Saben as esquerdas que xa non é posible seguir co mesmo modelo de xestión dos últimos trinta anos? A dereita desmantela os servizos municipais, pretende acabar coa autonomía dos Concellos, deixa en mans das entidades da Igrexa a solidariedade (rebaixada a caridade). Como vanlle devolver o poder aos cidadáns?

Enlace web a Diario de Ferrol.

A carta

Os “bolcheviques” do PP diante da SEPI

Dende logo o PP ten capacidade mediática. Douscentos cargos públicos en autobuses a Madrid. Mais, erraron no seu camiño; ían pedir contas polo naval, pero foron xustiño a xunto de aqueles que están postos a dedo. É de supoñer que estes últimos lles aclararían que só son uns mandadiños.

Se fosen a ver a ese ilustre galego que preside o Reino de España, ou cando menos ao ministro do ramo, sería máis creible. Pero, está ben saber que a dereita local, acompañados de Juan Fernández, son o sector bolchevique do PP. Iso si, faltaba o ilustre director xeral da Garda Civil. Aínda así, imaxino a cara de estupor dos policías que tiñan diante.

Pero, que quede tranquilo o alcalde de Ferrol. A súa carta chegoume. Mais, igual resulta que pensa que o Goberno non goberna e que os directivos do naval non foron postos aí pola dereita. Alcalde, vémonos no próximo piquete?

Enlace a @DiarioFerrol