Piratas

A dereita sabía que as súas medidas económicas ían provocar esta recesión aguda. Buscaban só amolar á poboación e un instrumento para a dominación. Trasladaron ese esquema ao conxunto do país e das institucións.

Unha proba a temos en Ferrol. A herdanza recibida polo alcalde Rey Varela foi a dun concello solvente, pero seguiron directrices. Os cartos municipais paralizados e un plan oportunista de axuste que implica desmantelar servizos públicos, padroados municipais e o Imfacofe.

Os orzamentos do 2013 responden a ese criterio ideolóxico. Os socialistas debatendo dentro do seu grupo municipal e coa executiva local, responderon adecuadamente cun non rotundo. Quizais non esperabamos que dous días despois o PP se auto emendaría e piratearía as propostas dos socialistas. Ferrol ten unha alternativa de esquerdas e unha dereita que cada día está máis illada.

Enlace á columna “Letras de Cambio” no Diario de Ferrol.

A golpes

Ferrol tivo un mal comezo de campaña, por culpa da incapacidade da dereita en dar a cara e cambiar políticas. A carga policial – contra os traballadores de Navantia e Poligal – así como a detención de Pintos, supón abrir as portas a unha espiral claramente irresponsable.

O alcalde José Manuel Rey Varela e o presidente da Deputación, Diego Calvo – que coa súa saída pola porta traseira provocaron a situación – teñen que se desculpar ante os traballadores e o conxunto da cidade. Eles son os responsables políticos do acontecido, os traballadores as vítimas.

En democracia non é tolerable desenvolver unhas eleccións con publicidade enganosa, enquisas cociñadas por medios afíns e represión. Buscan crear medo e a desmobilización dos cidadáns. Fronte aos golpes con que algúns están empeñados en lembrarnos a longa noite de pedra… Agrupémonos todos!

Publicado no Diario de Ferrol o 9 de outubro de 2012.