Veredicto

O noso entorno inmediato terá alcaldes socialistas en Neda, Pontedeume, Cerdido, Cariño, Ortigueira, Capela, As Pontes, Monfero, Ares, Valdoviño e Miño. Así o apunta a lóxica política e matemática. Este resultado, nas comarcas do nordés da provincia da Coruña, pon na man do PSdeG a Deputación, que debe ser sumada ás de Pontevedra e Lugo.

Pero, o Partido Socialista recibe unha dura derrota en Ferrol. Non hai escusas. Non hai alcaldesa, nin lista maioritaria. Toca autocrítica, responsabilidades e cumprir cos compromisos adquiridos coa cidadanía. O primeiro que a candidata asuma o seu propio resultado, abandonando o Parlamento para encabezar o novo grupo socialista no Concello. Así, tamén, a fragmentada esquerda ferrolá debe resolver a prol da cidade, reflexionar sobre a súa fraxilidade e sacar conclusións adecuadas do ruxe-ruxe da xunta electoral de onte.

Enlace web a Diario de Ferrol.

Lista Sestayo

É evidente que mañá a asemblea dos socialistas ferroláns referendará a proposta de Beatriz Sestayo. Pasou antes pola executiva, onde practicamente ninguén falou. Ela é a candidata e, polo tanto, ten o seu dereito a dicir por quén quere ser acompañada.

Hai que recoñecerlle valentía. É unha lista sen concesións, agás algún premio de consolación. Fai unha proposta que é fiel reflexo da súa visión de sociedade, cidade e de partido. Valentía por presentar unha lista que pivota sobre profesionais independentes de clase media, nun Ferrol debullado con orgullo pola súa clase traballadora.

É irrelevante que outros puideramos facer outro tipo de candidatura para as municipais de maio. Indubidablemente, é a súa lista e seu será o seu triunfo. Publicamente, ela ten recoñecido ter unha enquisa propia que a postula como a próxima e primeira alcaldesa de Ferrol.

Enlace web a Diario de Ferrol.

Tres aseos

Antonte un amigo facía un chascarrillo nas redes. Dicía que vira na rúa, como o noso alcalde acababa de “inaugurar” as etiquetas dun contenedor. Evidentemente, facíao a conta da “inauguración oficial” de tres aseos públicos do cemiterio municipal, hai trinta días.

A obsesión polas cuestións mediáticas, só explican chegar ao extremo de converter en feito político o papel hixiénico. Pero, tamén, algúns corren o risco de darlle á oposición unha imaxe como esta, para toda unha campaña electoral.

Falta xestión, evidentemente. Imaxinación e ao mesmo tempo, é unha parábola da crise actual. Reflicte, tamén, que na nosa democracia os partidos políticos, xa non son a conexión coa sociedade; os medios de comunicación ocupan esta faceta. Pero, a voracidade política, failles caer nestas auto-trampas.

Enlace a @DiarioFerrol

2015

O problema da crise reside nas incapacidades das esquerdas, que non son quen de buscar unha saída a esta abafante situación. Todas están presas dun institucionalismo estéril, que pasa por riba dos problemas da xente.

Iso dase porque, sobre todo, hoxe son marcas electorais e os seus militantes máis coñecidos aspiran máis a ser cargos públicos que a transformar, e moito menos a enfrontarse á dereita tecendo unha resposta dende a propia sociedade. Vémolo en Ferrol. A cidadanía está na rúa, pero falta de dirección.

Haberá novo goberno tras as municipais do 2015. Saben as esquerdas que xa non é posible seguir co mesmo modelo de xestión dos últimos trinta anos? A dereita desmantela os servizos municipais, pretende acabar coa autonomía dos Concellos, deixa en mans das entidades da Igrexa a solidariedade (rebaixada a caridade). Como vanlle devolver o poder aos cidadáns?

Enlace web a Diario de Ferrol.