Os concellos sempre foron a vangarda dos dereitos cidadáns e da democracia. Foron unhas eleccións municipais as que deron paso á proclamación da Segunda República e foron os que na Transición asentaron a base das grandes transformacións sociais habidas, nos últimos trinta anos, no noso país.
Con todas as eivas e desacertos que poidan ter, son os concellos verdadeiramente as Administracións que máis preto están dos cidadáns. As primeiras ás que recúrrense en búsqueda de solucións, especialmente en risco de exclusión social. Por iso, son as Administracións do Estado máis receptivas aos cambios e esixencias que demandan os novos tempos.
Fronte a isto, hai quen usa a crise (que provocaron os banqueiros, precisamente pola xestión privada da economía) como instrumento político. A dereita sabía que as súas medidas ían provocar esta recesión; á marxe da mellor ou peor xestión dos distintos concellos, deron a consigna aos seus alcaldes de provocar recortes, co obxectivo de lastrar aos concellos e os seus servizos.
Unha vez esgotado o pelotazo urbanístico provocada pola Lei do Chan 6/1998, promulgada pola mesma persoa que acabaría afundindo Bankia e con el o sistema bancario español, o ex ministro Rodrigo Rato, están os especuladores buscando novos “nichos de negocio”. O resultado pretendido son empresas privadas xestionando dende a asistencia aos cidadáns ata o servizos de dependencia social dos concellos. Polo que, de non lograr unha restitución do Público, imos ter unha atención cidadá peor, máis cara e con maior precariedade laboral; e cunha cesión por varias décadas para dificultar a súa remunicipalización.
A reforma das Administracións Locais que pretende a dereita quere asegurar o control político e a intervención dos concellos, sumándose á tutela actual do Ministerio de Facenda. Esta última en base á reforma que converteu o “teito de gasto” en doutrina constitucional; trampa co obxectivo de impedir políticas expansivas de esquerda, nun país onde as grandes fortunas e empresas son insolidarias tributariamente.
Só desde o pleno exercicio da cidadanía, da participación e mobilización, do reforzamento do movemento asociativo e da alianza dos socialistas co conxunto da esquerda, lograremos crear os contrapesos necesarios fronte a esta dereita que rexeita o pacto social en favor do negocio dunha ínfima minoría.
Enlace ao boletín da Agrupación Socialista de Ferrol (nº 1, xaneiro 2013).