Marca Ferrol

Vén de acabar a Semana Santa ferrolá e cunha gran presenza de turistas foráneos. Algo có alcalde José Manuel Rey seguro que celebra. Quizais, non guste tanto da procesión laica, que tamén saía estes días, en defensa do naval.

Días atrás no Club de Campo, o alcalde facía un chamamento para cambiar a “politización e a conflitividade laboral mal canalizada”. Como fiel representante da dereita amosa os seus prexuízos, cando se trata da procura da plena cidadanía. Realmente, as súas teses evidencian a incapacidade histórica dunha dereita ferrolá que falta de proxecto de cidade e de dinamismo, bastáballe con ser liberal de cafetín, pero dependente de negocios fáciles baixo corda co sector público. Incapaz de defender unha verdadeira idea de libre empresa e incapaz de defender Ferrol, como proxecto colectivo.

José Manuel Rey, seguindo estes regos, so aspira a seguir sendo alcalde co único apoio da nomenclatura do seu partido e do tocado presidente Feijóo. Aínda que isto poida acabar por levar á cidade á barreira dos cincuenta mil habitantes. Esta batalla do naval é decisiva para asegurar a existencia de Ferrol, dentro desa cota que chamamos “grandes cidades galegas”.

Outra cousa é que agora tócalle ao PP; e a el sumar á cidadanía fronte as pretensións de desmantelar Navantia, agachado eufemisticamente no “plan de axuste”. É dicir, mobilizarse contra o seu propio partido.

Pero, é certo que historicamente en democracia, a cidade foi construída dende a esquerda. Que foi o movemento obreiro ferrolán quen máis aportou ao avance social. Que foron as forzas de esquerda, os sindicatos e os movementos sociais –sendo o socialismo o aglutinador– os que marcaron os grandes feitos. E estes seguen a ser os cimentos para a saída da crise existencial da cidade departamental. O pacto necesario da esquerda por Ferrol (fronte a unha dereita local que sempre vai a refugallo).

Enlace ao Boletín número 4 do PSdeG de Ferrol.

Pola plena cidadanía

Os concellos sempre foron a vangarda dos dereitos cidadáns e da democracia. Foron unhas eleccións municipais as que deron paso á proclamación da Segunda República e foron os que na Transición asentaron a base das grandes transformacións sociais habidas, nos últimos trinta anos, no noso país.

Con todas as eivas e desacertos que poidan ter, son os concellos verdadeiramente as Administracións que máis preto están dos cidadáns. As primeiras ás que recúrrense en búsqueda de solucións, especialmente en risco de exclusión social. Por iso, son as Administracións do Estado máis receptivas aos cambios e esixencias que demandan os novos tempos.

Fronte a isto, hai quen usa a crise (que provocaron os banqueiros, precisamente pola xestión privada da economía) como instrumento político. A dereita sabía que as súas medidas ían provocar esta recesión; á marxe da mellor ou peor xestión dos distintos concellos, deron a consigna aos seus alcaldes de provocar recortes, co obxectivo de lastrar aos concellos e os seus servizos.

Unha vez esgotado o pelotazo urbanístico provocada pola Lei do Chan 6/1998, promulgada pola mesma persoa que acabaría afundindo Bankia e con el o sistema bancario español, o ex ministro Rodrigo Rato, están os especuladores buscando novos “nichos de negocio”. O resultado pretendido son empresas privadas xestionando dende a asistencia aos cidadáns ata o servizos de dependencia social dos concellos. Polo que, de non lograr unha restitución do Público, imos ter unha atención cidadá peor, máis cara e con maior precariedade laboral; e cunha cesión por varias décadas para dificultar a súa remunicipalización.

A reforma das Administracións Locais que pretende a dereita quere asegurar o control político e a intervención dos concellos, sumándose á tutela actual do Ministerio de Facenda. Esta última en base á reforma que converteu o “teito de gasto” en doutrina constitucional; trampa co obxectivo de impedir políticas expansivas de esquerda, nun país onde as grandes fortunas e empresas son insolidarias tributariamente.

Só desde o pleno exercicio da cidadanía, da participación e mobilización, do reforzamento do movemento asociativo e da alianza dos socialistas co conxunto da esquerda, lograremos crear os contrapesos necesarios fronte a esta dereita que rexeita o pacto social en favor do negocio dunha ínfima minoría.

Enlace ao boletín da Agrupación Socialista de Ferrol (nº 1, xaneiro 2013).