Señora Rosa

 

Cada vez é moito máis evidente que o actual equipo do alcalde de Ferrol, José Manuel Rey, non prevía gobernar. Porque, só así pódese entender a desidia con que están a tratar todo o que afecta á xestión municipal.

O autismo da actual concelleira de benestar social, Rosa Martínez. As súas desafortunadas declaracións, sobre se ela “pensaba” que non había nenos que pasan fame na nosa cidade, volven a amosar esta falta de perfil. Máis, non é novidade. Estamos acostumados a respostas que buscan entreter ao persoal e non asumir responsabilidades, pola falta evidente de traballo e preocupación polo que se ten entre as mans.

Este desprezo para a xestión propia, levan a considerarse de seu máis como uns intermediarios ante un feixe de asociacións confesionais e empresas, en vez de responsables públicos do que é patrimonio común dos ferroláns, o noso Concello.

Enlace a @DiarioFerrol

 

Ferrol Cre

 

ferrol cre

Hai cousas xa imparables. As crebas producidas o 25 de maio obriga aos partidos a abrir as súas ventás, para que entre o aire fresco. E no Partido Socialista non podía ser menos.

A elección do novo secretario xeral do PSOE “á galega” é unha consecuencia desa crise de lexitimidade que sae das recentes eleccións europeas. Veremos se finalmente sae Sánchez co que Tapias reste a Madina, ou se pola contra aqueles que avalaron ao segundo, van agora votar por este último, para asegurarse que a vella garda marche.

Pero, iso non abonda. Hai que recuperar a credibilidade e a militancia perdidas. Novos mensaxes e novas voces, para un tempo novo. De aí as recentes xornadas “Ferrol Cre” das súas secretarías de política municipal e de comunicación. Unha aposta por unha nova cultura política, que debe ubicar aos socialistas no corazón dunha cidade que cre na súa xente.

Enlace a @DiarioFerrol.

 

Os Maios

 

OsMaios_Canido2014

Unha vez máis, chegan os maios e así os podemos vivir grazas ás xentes do barrio de Canido. Unha vez máis, as súas rúas énchense de cores, vida e unha aposta colectiva por se diferenciar e marcar a súa propia identidade. Isto converte a Canido nun referente necesario, dunha cidade que como Ferrol necesita verse en positivo.

É este un barrio para ocupar as súas rúas e terrazas. Os seus recunchos, e máis en festas e nesta ocasión a combinación dos maios co apalpador de por medio, da música e da feira da artesanía, foron unha invitación feita pola veciñanza ao conxunto da cidadanía ferrolá.

En Canido están a crear calidade de vida, á que se suma a (incompleta) recuperación grazas ao Urban iniciado en tempos do alcalde Irisarri. Denota o barrio saber vivir e participar dun proxecto colectivo, saber sumar as súas individualidades e singularidades. Parabéns.

Enlace ao @DiarioFerrol

 

Devoción

 

DSC_0666-1

JM Rey en “procesión”…

Non hai devoción. Esa foi a conclusión dunha conversa, entre dúas veciñas, este xoves santo. Resúltame difícil calibrar iso, o que si era evidente, é que unha boa parte dos que “okupamos” Ferrol éramos laicos. É o que teñen os feitos privados, como a fe, cando fanse públicos. Porque, a rúa é de todos.

Quizais son os políticos os que máis participan da confusión. Deben recibir oficialmente ás comunidades presentes na súa sociedade, pero nunca participar como tales nos eventos relixiosos. Así, é de supoñer que o noso alcalde en breve recibirá ás comunidades evanxelistas e musulmáns; levan décadas formando parte da nosa cidade.

O comunitario é que Ferrol estivo estes días con gañas de saír polas rúas, aproveitar o sol e as terrazas. A iso tamén axudou, evidentemente, a nova edición de Equiocio, onde saben moi ben combinar o deportivo co lúdico-infantil.

Enlace a @DiarioFerrol