Residencias de maiores

O tempo pasa e a nosa sociedade ten moitas máis persoas maiores, e o xeito “tradicional” de enfocar os cuidados deste sector da poboación xa non é posible, porque as familias non teñen capacidade para cuidar, xa que deben facer fronte a cubrir as súas propias necesidades diarias. Vivir costa cada día máis.

Tamén constatamos – tras corenta anos de autonomía en mans da dereita – que non hai nin novas prazas, nin novas residencias públicas e as que existen teñen unha serie de deficiencias estruturais que levan décadas sen ser arranxadas, aí está como exemplo a de maiores situada no barrio de Caranza. As novas, ou que están en construción, son privadas con prezos privativos para persoas de clase traballadora e media.

No medio desta situación hai quen está reiventando o papel das deputacións, máis neste eido dos cuidados. Resulta moi interesante que a da Coruña, presidida polo socialista Valentín González Formoso, vén de presentarlle á Xunta un novo modelo de residencia de maiores, de carácter público provincial, que ademais pretende non só dar teito, senón manter ás persoas maiores cos seus lazos afectivos co seu entorno familiar e social vivos. Benvida sexa esta iniciativa da Deputación.

https://www.diariodeferrol.com/firmas/manuel-cendan

Auga no Camiño

Ás veces son as pequenas iniciativas as que logran un grande interese, como a construción de fontes de auga para que a xente, paisanos e peregrinos, poidan abastecerse de auga. Así hai que saudar a decisión da Deputación coruñesa que vai construír vinte e catro fontes, máis o menos cada seis quilómetros, para que cada quen poida ter a oportunidade de beber auga fresca, seguindo a traza do noso Camiño Inglés.

Esta iniciativa que vai a combater o uso indiscriminado dos plásticos, tamén vai darlle un pulo e revalorizar este itinerario cultural europeo que parte de Ferrol, e que ademais é o único camiño de Santiago que atinxe só á nosa provincia. Son a suma de pequenas iniciativas as que van configurando o éxito, sobre todo na promoción de aqueles proxectos compartidos, que para algúns será relixioso, para moitos cultural e para outros moitos un investimento económico e turístico que á cidade vaille ben.

https://www.diariodeferrol.com/opinion/manuel-cendan/auga-no-camino/20210105225256294427.html

Será verdade?

Anúncianse actuacións que, de concretarse, poderíamos estar a falar dun novo tempo que rompa coa parálise que afecta a Ferrol. Unha busca de acordos coa Deputación para un novo convenio que rache coa precariedade no servizo de bombeiros, ou o tan necesario albergue de peregrinos para o noso Camiño Inglés, a apertura dun convenio con Fomento para dunha vez remodelar a entrada das Pías, cun montante de máis de catro millóns de euros.

Xa no campo estritamente local, estaría a comunicación entre o Ensanche e Santa Mariña, un investimento importante para Recimil, así como case un millón de euros para a urxente reforma do mercado de Caranza. Máis, todo isto depende dun pacto para os novos orzamentos municipais. Fronte ás redes sociais que falan de plenos alleos, quero crer que o interese xeral vai quedar por riba do particular, permitindo dar respostas ás necesidades de Ferrol.

http://www.diariodeferrol.com/opinion/manuel-cedan/sera-verdade/20180207224814215830.html

PAI Ferrol

O que son as cousas, á Deputación sobráronlle 25 millóns de euros e vainos adicar a un mal chamado Plan de Aforro e Investimentos. Porque basicamente é un crédito para pagar débedas dos concellos -especialmente pequenos- onde, directamente, a Corporación provincial vai trasladar eses cartos aos bancos beneficiados. Éstes estarán contentos!

José Manuel Rey e Diego Calvo

E como saben, Ferrol vén de sumarse ao PAI, cun total de 677.000€. Dedicando, tamén, a terceira parte ao pavimentado de media ducia de rúas. Pero, que sentido ten que participemos deste plan, máis cando o noso alcalde presume de millóns de euros de remanentes? Non sería mellor usar os recursos propios?

En tempos de crise, fáltalle xestión a Diego Calvo na Deputación para unha actuación propia? O que si supoño é que o reparto, en base a súa poboación e esforzo fiscal, aos demais concellos da comarca, viralles ben.

Enlace web a Diario de Ferrol

Enlace a reparto PAI Ferrolterra

Enlace a Bases PAI Deputación coruñesa