O conto da serea

Se pousamos a mirada nos autores clásicos da nosa cultura, aí temos – por comezar outra vez por el – a Castelao, que como non lle gustaba a bandeira oficial galega con motivos relixiosos, foi quen de idear outro cunha serea, a fouce e a estrela, baixo o coñecido lema: “denantes mortos que escravos”, representando a liberdade.

Posiblemente, a inspiración sexa a mesma que na heráldica galega, ou que no caso do ferrolán Gonzalo Torrente Ballester e o seu relato: “El cuento de la sirena”. Esta novela curta narra a historia da familia dos Mariños (unha lenda que entronca co nobiliario do conde de Barcelos, fillo do rei portugués Don Dinis), cuxos descendentes – se tiñan os ollos azuis e escamas – eran arrebatados para vivir coa serea. Así de xeito natural, únense dúas historias: a de Galicia con Portugal e dáse continuidade á lenda da Odisea. Seguindo este último fío Alvaro Cunqueiro publicará antes, en 1960, “Las mocedades de Ulises”.

Á marxe do idioma usado por cada quen, é evidente que beben nunha fonte cultural común. Iso non desmerece, por exemplo, as influencias cervantinas de Torrente. Simplemente, porque unhas non substitúen ás outras, senón que vanse fusionando para ser reinterpretadas.

https://diariodeferrol.elidealgallego.com/articulo/opinion/conto-da-serea-5421743

Borges, Torrente e máis

Primeiro teño que agradecer que me lean, dicirlles que cando falei de Borges non pretendía facer ningunha traza ideolóxica do autor do Aleph. Limitábame a contar o que me atrae del desde o punto de vista literario e a raíz de varias conversas, que se suscitaron de aquela, dicir que son dos que pensa que as obras – en calquera faceta humana – quedan disociadas da propia personalidade de cada autor. Falar dun creador ou creadora tampouco implica simpatizar coa esta ou aquela ideoloxía, nin xustificar nada.

Debemos queimar a “Divina Comedia” porque Dante era un integrista relixioso? “A democracia en América” pola posición de Tocqueville sobre a escravitude ou polo seu desprezo coa clase traballadora? Debemos culpar a Torrente Ballester por buscar protección ante a represión fascista, ou é moito máis importante a súa obra e a defensa que del fixeron persoas como Carvalho Calero, Álvaro Cunqueiro e Carlos Casares?

Permítanme contarlles que hai pouco puiden recuperar a miña colección das catorce obras de Torrente Ballester. Agora están a carón da súa “Antología de José Antonio” (FE 1940) e de “Gonzalo Torrente Ballester: biografía de un ferrolano” de quen foi profesor meu, José Antonio Ponte Far.

https://www.diariodeferrol.com/articulo/opinion/borges-torrente-e-mais-5050927

Ulises e Cunqueiro

Son dos que gusta visitar librarías e teño unha predilección polas de vello. Son feliz perdido entre libros e merco – como é previsible – máis do que son capaz de ler. Pero, tamén é un xeito de vivir, de entender a vida.

A semana pasada estiven na Libraría Pessoa, preto de Amboaxe. Cando saía, a vista fóiseme a un exemplar de Cunqueiro. Unha primeira edición das Mocedades de Ulises (Argos, 1960), que xa forma parte da miña biblioteca persoal. Non puiden evitalo.


O propio Cunqueiro di que este libro non é unha novela, senón máis ben parte de ensoños e asombros dunha longa aprendizaxe, o oficio dun mesmo. Recuperar Ítaca e a eterna nostalxia, así como a outra creación do mundo.


Nisto foi sempre coherente Cunqueiro. Máis, para quen tivo que sobrevivir nos tempos convulsos da Guerra Civil e na longa noite da ditadura, como os seus amigos ferroláns Torrente Ballester e Ricardo Carvalho Calero, que compartiron militancia con el no Partido Galeguista.


Cunqueiro foi membro da Real Academia Galega en 1961 a proposta de Otero Pedrayo, García Sabell e de Carvalho Calero. Premio Nadal en 1968. E foi Gabriel García Márquez quen pedía para o primeiro o Premio Nobel de Literatura. Xuntos estiveron en Barcelona, onde o nobel colombiano reivindicaba a súa ascendencia galega. Dicía o Gabo que o realismo máxico da súa obra bebía das fontes de Álvaro Cunqueiro e doutros grandes da literatura feita en Galicia.

https://www.diariodeferrol.com/articulo/opinion/ulises-e-cunqueiro-4703602

O Ferrol máxico

As cidades teñen múltiples facianas, é Ferrol non ía ser menos. Por iso a enorme importancia da profesión periodística que, de algún xeito, ofrece unha síntese que nos permite achegarnos á realidade local. Aínda que só sexa para que a cidadanía poidamos ter unha visión unitaria da cidade.

Pero, a pregunta e se esas realidades múltiples que conforman Ferrol, anúlanse ou van superpostas? Ás veces parecen tramas dunha novela fantástica de Álvaro Cunqueiro ou do realismo máxico de García Márquez. Así á aparente tranquilidade da cidade da Ilustración da Magdalena, o aparcar imposible de Ultramar, a rehabilitación do Recimil con okupas e a multiculturalidade dos Ensanches, acaban anegadas por políticos locais.

Entón, como son posibles estas rupturas no relato municipal a pesar da maioría absoluta? Precisamente por iso. Porque se está nunha narrativa (ou mellor na propaganda) e non na xestión das cousas. A prioridade é vender que, fronte á lentitude da administración local, a noria xira aínda que vaia a ningures, de aí os erros populistas da dereita co salario do alcalde-senador ou a confusión, asalto e caos na mobilidade arredor da praza de Armas. E iso que a oposición política está na espera cortés dos cen días.

https://www.diariodeferrol.com/articulo/opinion/ferrol-maxico-4390276

Cunqueiro

Recoñezo que fun enganado. Que creín que era certo aquel bulo, que percorría as redes sociais e que achacaba á nova corporación madrileña, da señora Carmena, a intención de sacar o nome de Álvaro Cunqueiro á rúa que leva alí o seu nome. E foi grazas a un artigo de Méndez Ferrín e que, tamén, novamente chegounos vía Twitter, neste caso de Uxío Novoneyra Rei, onde puidemos ver que se trataba dunha simple manipulación.

Vivimos tempos que resulta difícil saber o que é de verdade información veraz ou simple invención partidaria. Xogan con que as persoas afectadas, nos casos de manipulación, non poden estar sempre desmentindo as falsidades. Máxime cando todo se inventa, porque hai xente que non acepta a decisión democrática da cidadanía. As miñas desculpas á alcaldesa de Madrid por non ter posto en corentena a información sobre o autor do “Merlín e familia”.

http://www.diariodeferrol.com/opinion/manuel-cendan/cunqueiro/20150806005012131025.html