A fráxil memoria

A primeira consecuencia, de que nacionalistas e comunes deixaran en minoría ao grupo socialista, foi a prórroga do derradeiro orzamento de Jorge Suárez. Iso non significa que haxa actualmente “desidia e parálise no Concello”, e máis cando hai unha activa presenza da actual equipa nos medios de prensa, produto do traballo dun goberno que non ten horarios, algo tradicional en todas as alcaldías socialistas en Ferrol.

É certo que hai atrancos na maquinaria municipal. Falta persoal que poida atender adecuadamente determinados servizos e trámites, necesarios para sacar adiante a actividade de goberno. Consecuencia dunha decisión do mandato de José Manuel Rey Varela e dos recortes orzamentarios e ataques á autonomía municipal, á orde do ex ministro Montoro que, co paso do tempo, supuxo case un centenar de vacantes sen cubrir no Concello e que Suárez non foi capaz de reverter, por causas tamén coñecidas.

https://www.diariodeferrol.com/opinion/manuel-cendan/a-fraxil-memoria/20191106222102267832.html

Sobre orzamentos

Estes días tan revoltos por Cataluña, en Ferrol andamos enredados nos orzamentos por partida dobre. Tanto cos da Xunta de Galicia, como cos que está a preparar a actual corporación da man de Mayte Deus, concelleira de Facenda. Pero, tamén súmase, xa non só a proximidade das eleccións xerais, senón que José Manuel Rey – supoño que co pesar de Iván Rivas – está a exercer o seu papel de principal líder da oposición.

Aínda non coñecemos o avance do borrador dos vindeiros orzamentos municipais, que prometido está que presentarán en breve, unha vez que non caeron na trampa de presentar un para acabar este semestre, como reclamaba toda a oposición. De verdade que estaban dispostos a aprobalo cando, en breve, entraría o correspondente ao 2020? O que si sabemos é que, basicamente os da Xunta, para Ferrol descansan na doazón do señor Amancio Ortega. A dereita saberá se esas son formas de tratar á cidade.

https://www.diariodeferrol.com/opinion/manuel-cendan/sobre-orzamentos/20191024001929267134.html

Ferrol – La Rochelle

Vemos como a recente visita das concelleiras de Turismo e Patrimonio Histórico, Mayte Deus e Eva Martínez, á localidade francesa da Rochelle, para participar no proxecto europeo MMIAH, trae novas moi interesantes para traballar a prol do desenvolvemento de Ferrol no eido da promoción e da recuperación do patrimonio marítimo, militar e industrial e cunha serie de medidas que van a axudar a promover o Camiño Inglés e á recuperación do valor urbanístico da Magdalena, A Graña e Ferrol Vello.

Liderar e darlle un impulso a este programa, potenciar o Castelo de San Felipe, ou traballar por recuperar a nosa historia militar e das baterías – que datan do século XVIII en adiante – son cousas que van na recuperación da nosa paisaxe costeira e iniciativas que dan unha visión da potencialidade de Ferrol. Así, non menos importante resulta a reformulación, tan demandada, da Empresa Municipal de Turismo.

https://www.diariodeferrol.com/opinion/manuel-cendan/ferrol-la-rochelle/20191016230436266729.html

Sobreactuación

Nótase que están moi cerca as novas eleccións xerais do dez de novembro. Feito que comeza a contaminar a política municipal, só así enténdese a sobreactuación de algúns no último pleno de fin de mes. Se non que expliquen porque despois de tanta quenda de palabra – na maioría dos casos innecesarias – despois de tanto enfrontamento, acaben votando case todo xuntos.

Antonte o presidente da Deputación acertaba cunha frase na reunións de alcaldes pola problemática de Endesa: “todos somos culpables”. Esa é a impresión que ten unha boa parte da cidadanía e máis cando as cartas están marcadas.

Cando menos no eido local débese resolver os problemas máis inmediatos da cidadanía, e a xente merece que deixen de xogar con eles ao escondite. Prevese uns tempos políticos movidiños. Recoméndolles un pouco de tranquilidade e que cada quen poña o mellor da súa parte. Ferrol necesita acordos e non pode seguir á espera.

https://www.diariodeferrol.com/opinion/manuel-cendan/sobreactuacion/20191002204139265896.html

Van máis de cen días

Estaría ben que todos os grupos políticos do Concello de Ferrol chegaran a acordos de cidade, renunciando así a reiterar a situación dos últimos oito anos. Esta proposta foi un dos eixos da candidatura, e do discurso do actual alcalde Ángel Mato, durante a súa campaña electoral.

Hai moitas cuestións que resolver, así que cada quen pode facer a lista que máis lle apeteza e, seguramente, a poderíamos ampliar de xeito case exponencial. Esperemos que, das palabras e dos eternos lamentos, pasemos aos feitos.

Por poñer uns exemplos aí está a sentenza 62/2018 sobre o saneamento que, sen entrar na cuestión de fondo, si deixa claro o erro de recibir unhas instalacións cun funcionamento inadecuado e que dan orixe ao actual problema da taxa. A necesidade de pechar xa, tras trinta anos, o convenio urbanístico con Defensa ou como superar a falta de apoio da Xunta de Galicia á candidatura de Ferrol a Patrimonio Mundial.

https://www.diariodeferrol.com/opinion/manuel-cendan/van-mais-de-cen-dias/20190925233057265483.html