Convenio por Ferrol

O chamado “Convenio de Defensa”, que ten como peza estrela a enorme parcela do Sánchez Aguilera, parece que vai. O actual alcalde aproveitou a xestión do anterior goberno socialista e, definitivamente, pasa a facer o segundo pago. Si, oito anos despois do primeiro. En fin, as cousas da administración teñen un lento devagar.

Todos sabemos que a reurbanización da referida parcela vai cambiar a fisionomía do centro de Ferrol, de xeito semellante ao que vai a acontecer coa entrada das Pías a cargo dos orzamentos do goberno de España.

É evidente, que a actual maioría municipal de José Manuel Rey abonda para aprobar o que considere, pero con total seguridade vai afectar, tamén, a cambios nas estacións de bus e do tren. Vai durar máis dun mandato esa actuación integral.

Aquí non hai tallada electoral substancialmente. Os socialistas fixeron un papel fundamental neste eido e agora Rey Varela debe ser resolutivo. O “convenio de Defensa” reúne as condicións para un pacto por Ferrol, que debera incluír, en primeiro lugar, aos socialistas, pero tamén aos comúns, sen pecharlle portas ao nacionalismo local. Máis, sabendo da cualidade electoral ferrolá, da que espera outra cor de goberno nas municipais de 2027.

https://www.diariodeferrol.com/articulo/opinion/convenio-ferrol-4640494

Arrendar en Ferrol

O debate está nos faladoiros de toda a sociedade. É especialmente preocupante nas familias que ven como os seus fillos, chegados á idade de se emancipar, teñen na especulación inmobiliaria e na suba constante dos alugueiros un impedimento moi serio. Todo isto cunha rebelión das dereitas a todo tipo de regulamento. Bulo a bulo, cos grandes grupos bancarios e inmobiliarios. De aí a pretensión de deixar, ás familias con hipotecas e aos inquilinos, sen dereitos de ningún tipo.

En Ferrol vemos como o mercado dos pisos turísticos axuda á redución do mercado tradicional de alugamento e axuda aos especuladores á suba do que queda. Xa hai casos onde se están a alugar por habitacións. A isto, hai que engadir unha compra xeneralizada de inmobles que, tras un simple lavado de cara, entran ao mercado con prezos á alza. Lembran que no Inferniño alúgase algún piso a dous mil euros?

Alcaldes da comarca comezan a tomar medidas. En Ferrol, miran para outro lado. Xa sabemos que vivimos nun mundo feliz, onde a cidadanía subvenciona os investimentos tardíos da Xunta de Galicia, cunha baixada do imposto de bens inmobles que debera esta pagar polos seus na cidade. Que a propaganda non acabe afogando á cidade.

https://www.diariodeferrol.com/articulo/opinion/arrendar-ferrol-4507963

Autoestima ferrolá

Acaban de pasar os cen primeiros días do novo mandato municipal en Ferrol. É certo que a maioría absoluta de José Manuel Rey facilítalle algunhas cousas: fixeron a reorganización municipal que estimaron oportuna. Ela permitiulle que nin tiveran bloqueos da oposición, nin houbo voces discrepantes de dentro do Concello. Tamén, hai que recoñecer a virtude do alcalde, que se vende como unha persoa máis achegada á xente na rúa.

Tras isto, unha vez máis, a maioría absoluta non é sinónimo nin de boa xestión, nin de saber que facer para que Ferrol avance como cidade europea que é. A política estatal contamina a local na pretensión de impoñer o pensamento único. Tanto que, desde o actual grupo de goberno, tiveron que desdicirse de graves acusacións contra o anterior alcalde.

As análises encontradas, sobre estes tres meses, só alimentan ás diversas parroquias. A maioría absoluta vai ser un impedimento para que haxa acordos por Ferrol? Vese como un dos grandes éxitos do anterior mandato, como foi traballar a prol da autoestima da cidade, fai augas. A falta de diálogo coa oposición, a incapacidade para corrixir erros na xestión e a “machada” do soterramento de San Francisco, dan idea dun mandato estéril. Oxalá estea equivocado.

https://www.diariodeferrol.com/articulo/opinion/autoestima-ferrola-4452682

Tapado expeditivo

Recoñezo o meu estupor, ante a última actuación do actual equipo de goberno de Ferrol. O tapado expeditivo dos restos, do que parece ser parte da antiga muralla medieval, a carón da Praza Vella, amosa un xeito moi preocupante de xestionar a cidade ante o afán de priorizar o tráfico rodado. Pódense entender as molestias para a cidadanía directamente afectada, pero a obriga de todo gobernante solvente é non caer no populismo simplón e buscar solucións axeitadas e en tempo prudencial. Isto último é xestión.

Teño curiosidade por saber se este “incidente” conta cos parabéns tanto do concelleiro de cultura, o señor Ponte Far, como da concelleira de Patrimonio Histórico, a señora Carmen García. Imaxinan que ante as dificultades que ten a Biblioteca Municipal, alguén decide soterrar os seus libros? Son conscientes do dano que pode ter para a imaxe exterior da cidade, así como para a candidatura de Ferrol ante a Unesco, esta actuación contra da muralla medieval?

Que dicir do papel xogado pola Dirección Xeral de Patrimonio da Xunta de Galicia? Como mínimo, o seu papel debera ser moito máis “conservador”, en sentido estrito. Renunciar a un papel dinámico, en defensa do legado histórico, non é de recibo.

https://www.diariodeferrol.com/articulo/opinion/tapado-expeditivo-4423354

Spoiler

Hai un libro titulado: “Cómo se cuenta un cuento” de García Márquez. Unha das grandes figuras da Escola Internacional de Cine e Televisión e organizador de obradoiros de guións. A idea é que calquera suceso pode ter unha historia detrás, que o importante é a capacidade de inventarmos historias.

Atrévome a propoñerlles unha: a ficción arranca tras o triunfo electoral dun alcalde. Chegado ao cargo, vai facéndose fotos aproveitando os asuntos pechados polo anterior. Asegura que o Concello ten un furado de vinte millóns de euros, para de seguido facer as festas máis caras da cidade. Di que vai recuperar espazos para aparcar os coches e así hai quen decide deixar o seu ás portas do centro de saúde. A poucos, as árbores rebélanse por estrés e, a maiores, o alcalde desaparece. Cuestión esta última desmentida pola súa oficina de prensa. Pero, o certo é quen non está.

Para solucionar isto, a oficina pon un dobre. O problema xurde cando sae pola televisión na capital e, ao mesmo tempo, preside un evento local. Como é posible? A cidadanía divídese. Uns pensan que o verdadeiro é o de aquí, e outros o de alá. O asunto é resolver esta cuestión. Mais, a partir de aquí hai que esperar a ver o relato completo, para non facer “spoiler”.

https://www.diariodeferrol.com/articulo/opinion/spoiler-4415706