Carta póstuma para Carmelo Teixeiro

Carmelo TeixeiroBenquerido Carmelo, hai uns días que cústame sentarme a escribirche esta carta que che debo, aínda que creo que ben sabes que non é necesaria. Pero, máis que por ti, e que me perdoen tanto miña prezada Victoria coma os teus fillos; sabes que é por min, unha especie de catarses, de enfrontarme a esta segunda orfandade. Sentimento que seguro que comparto con moita xente e moitas entidades, especialmente Fuco Buxán e o Comité Cidadán de Emerxencia.

Estes derradeiros dezasete anos estivemos xuntos día a día, traballando en diferentes proxectos, tanto a nivel político como socio cultural. Xuntos fixemos a campaña municipal de 1991, e até 1993 compartimos as tarefas de organización na Agrupación Comarcal Socialista. Unha vez fóra dos cargos orgánicos do partido, participamos na fundación da revista “Razón Socialista” en 1995. Esta quedábase pequena ás nosas ansias de traballar pola transformación social e pola unidade e a rexeneración das esquerdas, e no 1999 compartimos a creación da Asociación Fuco Buxán. Máis tarde, xa no ano 2001, fronte á ameaza de Reganosa xurdiu o Comité Cidadán de Emerxencia para a Ría de Ferrol. Máis, esta é só unha parte do teu compromiso; debemos cando menos engadilo teu papel no antifranquismo, e nas responsabilidades galegas na UGT e no PSdeG – PSOE. E, tamén, deixas dous magníficos documentos; o libro do que es coautor “Muros de Silencio” e a curtametraxe “Ferrol, pola vida e o mar”.

Demasiadas cousas xuntos e por iso esta carta écheme moi difícil. A túa será unha perda que non poderemos reemplazar – que non poderei reemplazar – e, por iso, non me queda dúbida que seguiremos a reivindicar o teu nome e o teu compromiso coa cidade de Ferrol, a súa ría e a comarca. Fronte aos que sempre corren para saír na foto, ti eras o traballo calado e continuo. Tiñas claros os obxectivos e a túa teima na procura dos mesmos: non parabas até conseguilos. Nunca tiveches unha mala palabra, nunca un rancor polos que nos ferían, polos que renunciaban. Sempre axudando e apostando porque cada un de nós, e dos que nalgún momento quixeron compartir algunha parte do camiño, sacáramos o mellor que podíamos dar. Contigo outro mundo era posible e sempre sementabas, porque eras consciente de que hai que continuar na tarefa de cambialo.

Sabes o meu medo, de non saber estar á altura do teu traballo. Teño dito que ti es produto da cidade de Ferrol, formas parte do mellor de nós, do noso compromiso cos valores humanos, democráticos e sociais. Tamén teño dito que segues os vieiros dos Xaime Quintanilla, de Julio Aneiros, dos Pillado… Espero, e ti ben sabes que unha das poucas cousas que lle pido a vida e non fraquear, que non me falten folgos para non defraudarme. Moito é o que fixéchedes, moito o que ti fixeches.

Dixen que a miña vida non sería igual se non nos houberamos encontrado, e é certo. Ademais, son moi consciente de que é verdade aquilo de “dime con quen andas…”. Grazas Carmelo por ter existido, por compartir con nós, e en especial comigo, todos estes anos. Un derradeiro abrazo.

Venres 15 Homenaxe a Carmelo Teixeiro (Enlace a convocatoria)

Domingo 17 Manifestación en Compostela: Galiza non se vende.

En Memoria de Carmelo Teixeiro Menéndez

Carmelo TeixeiroCon profundo sentimento comunicamos o falecemento do noso querido amigo e compañeiro Carmelo Teixeiro Menéndez, ocorrido hoxe día 5 de Febreiro, consecuencia da súa irreversible enfermidade.

Á súa esposa Victoria Fernández Paredes, a nosa compañeira, aos seus fillos Carmelo, José Ramón e Noé, familia e amigos,expresamos o noso fraternal e solidario abrazo.

Carmelo Teixeiro, Directivo desta Asociación e Coordinador do Comité Cidadán de Emerxencia para a Ría de Ferrol dedicou os dez últimos anos da súa vida a dirixir con eficacia, enerxía e constancia todas as actividades desenvolvidas en contra da ubicación da Planta de Gas, da defensa medioambiental de Ría e da vida dos seus habitantes.

Ademais, Carmelo Teixeiro desempeñou un importante papel na Transición política do noso país. Procedente das JOC, participou activamente no movemento sindical de Bazán dos anos sesenta (foi xurado nas eleccións de 1963) e na reconstrución do movemento socialista na comarca, pois foi fundador da USO, posteriormente dirixente da UXT e formou parte da dirección do PS de G-PSOE, desde 1978, tamén a nivel de Galicia.

O seu traballo sempre intenso, desinteresado e discreto, ao longo de toda a súa vida, polas causas sindicais, políticas e sociais, fai que nós – os seus compañeiros de tantos anos – sintámonos enormemente orgullosos e agradecidos de compartir con el amizade, inquedanzas e tarefas.

O seu exemplo e a súa memoria compartida alentaranos sempre e estimularanos a seguir desenvolvendo cantas actividades contribúan a facer realidade o proxecto social que esta Asociación Cultural persegue.

Invitamos a toda a sociedade, cidadás e cidadáns, asociacións, entidades e institucións, a mostrar a solidariedade coa súa persoa, a súa acción e o seu pensamento, participando nas súas honras fúnebres que terán lugar:

Mércores 6 de Febreiro ás 18 h. no Cemiterio de Catabois (Ferrol)

Velatorio: Tanatorio Artabria – nº 5 – (A Gándara – Ferrol)

En Ferrol, a 5 de febreiro de 2008

A. C. Fuco Buxán

In Memoriam

16.jpg27.jpgiaacdiazpardo_fucobuxan.jpgCarmeloTeixeiro_VictoriaFdezantecarcereteixeiro4.jpgcociudem_llamazares270606.jpgentregafirmas070907.jpgvisitabiologos.jpgxeral_mesa_1.jpgportadalibroria.jpg

Vídeo “Ferrol, polo mar e a vida”

CarmeloTeixeiro_VictoriaFdezEsta é un semana intensa para Fuco Buxán en Ferrol, o luns presentouse o número 23 de Razón Socialista, que contou coa presenza da tenente alcalde de Ferrol, Iolanda Díaz. O martes presentamos o vídeo “Ferrol, polo mar e a vida”, dentro do recoñecemento a Carmelo Teixeiro, Coordinador do Comité de Emerxencia e un dos fundadores da nosa asociación; e este venres en Sargadelos o libro “Votos de Riqueza” de Ignacio Castro.

Abaixo podedes enlazar ao vídeo que conxuntamente fixemos desde Fuco Buxán coa ONGD “Acsur – Las Segovias”. A presentación do acto foi da man do noso presidente Lalán, e a parte do vídeo tocounos a Silvia Chocarro e a min. Temos que agradecer, ademais, a presenza de Camilo Nogueira, e unha intervención non prevista do propio Carmelo Teixeiro, o cal estaba acompañado pola súa compañeira Victoria Fernández, e dous dos seus fillos: Carmelo e Noé, así como da súa familia, e moitas persoas vinculadas aos movementos sociais da ría de Ferrol. O acto foi pechado polos amigos d’A Revolta de Trasancos.

Coñezo a Carmelo desde marzo do ano 1991, e desde aquela teño colaborado día a día con el. Dicía na miña intervención algo que é ben certo: a miña vida non sería igual se non nos houberamos cruzado. Carmelo é un bo exemplo do carácter desta cidade, o seu nome está na mellor tradición de loita polos dereitos sociais e democráticos. O seu nome está unido ao dos Xaime Quintanilla, Julio Aneiros, os Pillado… ao conxunto do movemento obreiro que trouxo a democracia, as liberdades e o estatuto. Nel fúndese a mellor tradición do socialismo democrático, tanto político como sindical; sendo tamén un dos principais promotores da conciencia ecolóxica e no campo do desenvolvemento sostible da ría de Ferrol.

E este é un punto seguido. Vaille tal mal ao Grupo Tojeiro que xa están vendendo gas ao por menor, a través de camións cisternas. Non tardaremos os galegos, en base a aquel pacto siciliano asinado na etapa Fraga que protexía os intereses económicos dos promotores, en pagar do noso peto este ruinoso negocio.

Recoméndovos o visionado do vídeo, e pregamos a súa difusión. Ademais, ten unha licenza Creative Commons.

Ver vídeo en formato Quicktime (75 mb. Aprox.)

Ver vídeo en formato flashvideo (35mb. Aprox.)

Presentación V�deo Ferrol polo mar e a vidaCamilo NogueiraSilvia Chocarro + 1A Revolta de Trasancos