Benquerido Carmelo, hai uns días que cústame sentarme a escribirche esta carta que che debo, aínda que creo que ben sabes que non é necesaria. Pero, máis que por ti, e que me perdoen tanto miña prezada Victoria coma os teus fillos; sabes que é por min, unha especie de catarses, de enfrontarme a esta segunda orfandade. Sentimento que seguro que comparto con moita xente e moitas entidades, especialmente Fuco Buxán e o Comité Cidadán de Emerxencia.
Estes derradeiros dezasete anos estivemos xuntos día a día, traballando en diferentes proxectos, tanto a nivel político como socio cultural. Xuntos fixemos a campaña municipal de 1991, e até 1993 compartimos as tarefas de organización na Agrupación Comarcal Socialista. Unha vez fóra dos cargos orgánicos do partido, participamos na fundación da revista “Razón Socialista” en 1995. Esta quedábase pequena ás nosas ansias de traballar pola transformación social e pola unidade e a rexeneración das esquerdas, e no 1999 compartimos a creación da Asociación Fuco Buxán. Máis tarde, xa no ano 2001, fronte á ameaza de Reganosa xurdiu o Comité Cidadán de Emerxencia para a Ría de Ferrol. Máis, esta é só unha parte do teu compromiso; debemos cando menos engadilo teu papel no antifranquismo, e nas responsabilidades galegas na UGT e no PSdeG – PSOE. E, tamén, deixas dous magníficos documentos; o libro do que es coautor “Muros de Silencio” e a curtametraxe “Ferrol, pola vida e o mar”.
Demasiadas cousas xuntos e por iso esta carta écheme moi difícil. A túa será unha perda que non poderemos reemplazar – que non poderei reemplazar – e, por iso, non me queda dúbida que seguiremos a reivindicar o teu nome e o teu compromiso coa cidade de Ferrol, a súa ría e a comarca. Fronte aos que sempre corren para saír na foto, ti eras o traballo calado e continuo. Tiñas claros os obxectivos e a túa teima na procura dos mesmos: non parabas até conseguilos. Nunca tiveches unha mala palabra, nunca un rancor polos que nos ferían, polos que renunciaban. Sempre axudando e apostando porque cada un de nós, e dos que nalgún momento quixeron compartir algunha parte do camiño, sacáramos o mellor que podíamos dar. Contigo outro mundo era posible e sempre sementabas, porque eras consciente de que hai que continuar na tarefa de cambialo.
Sabes o meu medo, de non saber estar á altura do teu traballo. Teño dito que ti es produto da cidade de Ferrol, formas parte do mellor de nós, do noso compromiso cos valores humanos, democráticos e sociais. Tamén teño dito que segues os vieiros dos Xaime Quintanilla, de Julio Aneiros, dos Pillado… Espero, e ti ben sabes que unha das poucas cousas que lle pido a vida e non fraquear, que non me falten folgos para non defraudarme. Moito é o que fixéchedes, moito o que ti fixeches.
Dixen que a miña vida non sería igual se non nos houberamos encontrado, e é certo. Ademais, son moi consciente de que é verdade aquilo de “dime con quen andas…”. Grazas Carmelo por ter existido, por compartir con nós, e en especial comigo, todos estes anos. Un derradeiro abrazo.
Venres 15 Homenaxe a Carmelo Teixeiro (Enlace a convocatoria)
Domingo 17 Manifestación en Compostela: Galiza non se vende.