Primeiro teño que agradecer que me lean, dicirlles que cando falei de Borges non pretendía facer ningunha traza ideolóxica do autor do Aleph. Limitábame a contar o que me atrae del desde o punto de vista literario e a raíz de varias conversas, que se suscitaron de aquela, dicir que son dos que pensa que as obras – en calquera faceta humana – quedan disociadas da propia personalidade de cada autor. Falar dun creador ou creadora tampouco implica simpatizar coa esta ou aquela ideoloxía, nin xustificar nada.
Debemos queimar a “Divina Comedia” porque Dante era un integrista relixioso? “A democracia en América” pola posición de Tocqueville sobre a escravitude ou polo seu desprezo coa clase traballadora? Debemos culpar a Torrente Ballester por buscar protección ante a represión fascista, ou é moito máis importante a súa obra e a defensa que del fixeron persoas como Carvalho Calero, Álvaro Cunqueiro e Carlos Casares?
Permítanme contarlles que hai pouco puiden recuperar a miña colección das catorce obras de Torrente Ballester. Agora están a carón da súa “Antología de José Antonio” (FE 1940) e de “Gonzalo Torrente Ballester: biografía de un ferrolano” de quen foi profesor meu, José Antonio Ponte Far.
https://www.diariodeferrol.com/articulo/opinion/borges-torrente-e-mais-5050927

