Lúa Nova no Ateneo

Hai un tempo quixen asistir á presentación da obra de Irene Montero na Libraría Cantón máis non puido ser. Pero, o club de lectura do Ateneo Ferrolán – dirixido pola profesora Ánxeles Seoane – tivo a ben darnos outra oportunidade para escoitar a esta autora e periodista ferrolá afincada na Coruña.

Ten “Lúa Nova” (Xerais 2022) o oitavo premio de novela curta Cidade Centenaria de Ribeira. Sae da temática habitual do panorama literario galego ao abordar como eixo central as discapacidades e a súa aposta pola normalización na propia sociedade. A súa protagonista é unha persoa cega que vai desenvolvendo a súa vida, con todas as dificultades que se queira, pero paso a paso. É unha escrita limpa, que permite á lectora ou lector achegarse a unha historia que permite seguila sen artificios nin estraños vieiros.

Un relato que busca sacudir as nosas indiferenzas e apostar por unha percepción da realidade de xeito inclusivo e respectuosa con todas as persoas. Entender que a vida é mellor se todas as persoas teñen a posibilidade de desenvolver todas as súas capacidades a pesar do seu punto de partida, sexa este cal sexa. Dito doutro xeito: achéguense á súa libraría, será unha lectura agradecida.

https://www.diariodeferrol.com/articulo/opinion/lua-nova-no-ateneo-4746918

Coidar o Ateneo Ferrolán

Unha cidade e unha comarca tamén son as súas obras colectivas. Máis, aquelas que van de unhas xeracións a outras, e así son testemuñas das vivencias de cada unha delas. Hai entidades senlleiras como o Ateneo Ferrolán que son a casa común da súa cidadanía. Cento corenta e catro anos de historia ás costas sendo fiel a esa “illa de Faro”, que cita Homero na Odisea, e aquí baixo o coidado de Atenea, protectora da civilización, da cultura e da xustiza.

Estes días anda o Ateneo Ferrolán a presentar aos seus socios a súa xestión cultural e económica, como a renovar a súa xunta directiva. Todas e todos somos coñecedores dos seus éxitos e, obviamente, das dificultades que tivo que ir superando. Hai poucas entidades que coma esta poida dicir que está intimamente ligada á historia local e comarcal, que necesita e merece o coidado non só das diversas institucións como da súa cidadanía.

O Ateneo Ferrolán, son ese case século e medio de vida e as súas socias e socios. Pero, tamén, e sobre todo, as persoas que traballan por mantela en pé, día a día. Por iso, hai que recoñecer o traballo do seu persoal, hoxe na persoa de Cristina Meizoso, soporte e apoio fundamental durante tres décadas desta institución.

http://ateneoferrolan.org/

https://www.diariodeferrol.com/articulo/opinion/coidar-ateneo-ferrolan-4636637

Concepción Arenal no Ateneo

Estes días Ferrol, xunto con outras moitas cidades, tivo mobilizacións a prol da cultura, que está sendo unha das principais vítimas colaterais do Covid-19. De feito as festas deste verán ían nesa liña, a pesar de críticas feroces nas redes sociais por parte de quen avogaba por non facer nada, desde a comodidade da súa casa. Pero, a vida segue.

Quizais, por iso é importante a resposta da sociedade civil neste pulso por recuperar a “nova normalidade”. Aí está o papel que a primeira entidade cultural da cidade, o Ateneo Ferrolán, está a desenvolver neste “arranque de temporada” con múltiples e variados eventos.

Permítanme sinalar un deles, para este próximo venres, que fai nas súas instalacións o Consello da Cultura Galega e o seu Centro de Documentación en Igualdade, coordinado pola xornalista e escritora María Xosé Porteiro, sobre o bicentenario da ferrolá Concepción Arenal. Alí estaremos.

https://www.diariodeferrol.com/opinion/manuel-cendan/concepcion-arenal-ateneo/20201013232926289720.html