Ferrol non ten tren

No seu día foi unha noticia que pasou desapercibida. O Concello de Ferrol, instigado pola Xunta de Galicia, deixou de pertencer ao Eixo Atlántico como “castigo” ás declaracións do seu secretario xeral, Xoán Vázquez Mao, contrario á implantación de Altri na nosa Comunidade. Non deixa de ser un símbolo de como faise política no noso país.

O certo é que estamos fóra do corredor ferroviario do Atlántico Norte, que o famoso “bypass” de Betanzos coas outras “melloras” previstas, para a conexión coa Coruña, só gañará dez minutos. Todo para que o porto exterior de Ferrol perda tempo en optimizar a súa potencionalidade. Hai quen non entende que sería moito máis rendible sumar todas as sinerxías.

Quizais, alguén debera – agora que tanto fálase da seguridade global – explicar por que Ferrol, coa principal base naval española, e da OTAN no sur de Europa, non ten as infraestruturas ferroviarias adecuadas e así, tamén, a principal empresa militar como é Navantia. Seguramente, no informe “Armada 2050” deberan dedicarlle un capítulo a isto. O illamento ferroviario de Ferrol non é un problema local, senón de país. Centrado este debate si poderemos facer o deseño do que queremos aportar á construción europea.

https://www.diariodeferrol.com/articulo/opinion/ferrol-non-ten-tren-5248710

Ver o mar

Frío. Estes días fai moito frío. Pero, permítanme lembrarlles, á marxe do pesado que pode resultar a propaganda de nadal das grandes empresas na televisión, que obríganos – de algún xeito – a xogar a ser perfectos, que precisamente coas nosas imperfeccións, sexan felices.

Non se deixen levar pola mala educación e a crispación que pretenden “okupar” todos os estamentos da vida. Esas que ameazan con trasladarse tamén ao eido local. Sabemos que a ministra de Defensa estivo recentemente en Ferrol e foi obxecto de descortesía ou que hai malestar na Armada por pretender a súa instrumentalización, no acoso que sufre o goberno de España. Cuestións inéditas até hai pouco.

Temos cousas máis importantes que deixarnos embarcar polos voceiros do tremendo, da fin do mundo mundial e da chegada do fogo dos infernos. Os mortais, que estamos máis cos pés na terra, temos mellores cousas que prestarlles os nosos oídos a esas persoas.

E a primeira, repítolles, é ser felices ou cando menos intentalo. Son as pequenas cousas da vida. Eses faladoiros cos amigos nos cafés, dicirlle aos nosos fillos que os queremos, por poñer dous exemplos. Xa saben o que di ese vídeo promocional do comercio de proximidade: desde aquí podemos ver o mar.

https://www.diariodeferrol.com/articulo/opinion/ver-mar-4655777

Astano

A dixitalización dos vinte e cinco mil planos de buques do Astano que vai de 1942 ata as portas da reconversión dos oitenta, así como arquivar sesenta e sete mil fotografías do estaleiro fenés, indubidablemente, é un traballo a agradecer a Exponav e ó seu persoal. É un xeito que documentar unha actividade industrial e dun xeito de entender a vida.

Pero, tamén, faltan estudios sobre as relacións da Armada con Ferrolterra ou co movemento obreiro nacido ó calor do naval. Boto en falta estudios desde o punto de vista histórico, antropolóxico, incluso psicolóxico, do proceso de reconversión de Astano.

Fun testemuña dunha parte da loita contra a reconversión dos traballadores deste estaleiro. Certo, hai responsables máximos – algúns deles hoxe estorbándolle no PSOE a Pedro Sánchez – máis, este foi un proceso que provocou rupturas internas en todos os partidos da esquerda e nos sindicatos de clase da época.

https://www.diariodeferrol.com/opinion/manuel-cendan/astano/20201117231748291714.html