Emerxencia na ría de Ferrol

Spirit do Prestige, outra vezHai catro horas desistía o Galicia Spirit, cheo de gas natural licuado, de entrar pola estreita boca da ría de Ferrol. Pretendía chegar ás instalacións ilegais que a Planta de Gas de Reganosa ten sen finalizar enmedio da nosa ría. Centos de mariscadores e cidadáns coas súas pequenas embarcacións impediron a entrada do metanero.

A defensa da vida, da seguridade das persoas, da riqueza marisqueira e do medio ambiente na ría de Ferrol ten que ser o primeiro que garantan todas as Administracións do Estado. É evidente cas advertencias do Comité Cidadán aos Capitán Marítimo e ao Delegado do Goberno, respectivamente, caeron es saco roto.

Pero, tamén que Reganosa intenta con esta perigosa acción presionar aos políticos que dubidan da viabilidade económica e xurídica desta empresa (o pacto secreto da Xunta de Fraga abonda nesto), cando ademais está no aire o que lle vai pasar tras a OPA sobre ENDESA. A verdade que hoxe aínda non ten permiso para iniciala actividade, e tamén que os apoios mediáticos e políticos impiden a outros operadores montar outra planta fóra da ría, como así saben no Ministerio de Industria desde hai tempo. É curioso, pero ata dende Reganosa recoñecen que sería mellor situar fóra da ría a planta de gas. Inicialmente, ía ser situada onde está xa construído o Porto Exterior de Ferrol, que por un pelotazo pasou a mans do Grupo Tojeiro.

Hoxe, xa martes 8 de maio, de novo o Spirit Galicia intentará asaltar a ría. Hai convocada unha concentración cidadá a partir das 8 horas no Porto de Curuxeiras en Ferrol Vello. Se podedes: ¡Participade!

Non esquezades a presentación o mércores 9 de maio, na Facultade de Humanidades – ás 20 horas – da Universidade de Ferrol do libro sobre o caso Reganosa, editado pola Asociación Fuco Buxán.

En calquera caso, o acontecido onte ao longo do día amosa claramente que incumpre claramente as medidas de seguridade para evacuar os gaseiros en caso de urxencia. Se en vez de ser cidadáns foran un comando de Al Qaeda, hoxe estaríamos falando dunha catástrofe humanitaria. E non fago alarmismo.

Este luns amosa claramente que un accidente ou atentado provocaría un problema de seguridade nacional por estar a menos de dous quilómetros da Base Naval da OTAN; un problema de seguridade enerxética, xa que habería que illar Reganosa do circuíto gasístico nacional; sería unha catástrofe humanitaria xa que arredor do círculo de incidencia de destrución de dous quilómetros afectaría á vida de máis de corenta mil persoas e miles de vivendas e outros edificios. É evidente que os grandes barcos de GNL non poden saír coa marea baixa, e polo tanto, de saír rapidamente como esixe a normativa de seguridade, nada.

A ver se se enteran: As vidas e a ría de Ferrol, son nosas e non de Reganosa!

Muros de silenzo: O caso Reganosa

Cando escribo estas liñas xa foi a manifestación que diversos colectivos convocaron este domingo, en Compostela contra a especulación e a degradación do noso litoral.

Muros de SilencioAquí na ría de Ferrol a principal agresión que estamos a sufrir é a pretensión de poñer en marcha a planta de gas de Reganosa. Unha instalación que inclumpe a normativa de seguridade e ameaza a vida das persoas dentro da ría (Seveso II). Tal son o cúmulo de ilegalidades, de corruptelas, de responsabilidades de personaxes políticos e administrativos, que en vez de defendelo interese público, miraron a outro lado, para desde un punto de vista depredador desfacer a nosa ría, co único fin dun lucro económico desorbitado. Motivos espúreos impediron que a planta de gas ficara situada fóra da ría, como así piden amplos colectivos cidadáns, informes da defensa naval, etc.

A Asociación Fuco Buxán vén de editar un libro, titulado: “Muros de silencio. Corrupción y amenaza en la ría de Ferrol. El caso Reganosa”. Estes días Ignacio Ramonet publicaba un artigo no diario “El País”, que viña a ser un pequeno avance do mesmo. Inicialmente estaba previsto que fose un dos dous prologuistas do libro, máis a falta de tempo do periodista impideu a súa aportación ao libro. Proximamente sairá a edición en galego.

Este libro pesentarase o mércores 9 de Maio ás 20 horas, na Aula Magna de Humanidades no Campus de Esteiro de Ferrol.

Interveñen:

• José Santamarta

Director de Worldwatch España


E os autores do libro e directivos de Fuco Buxán:

• Carmelo Teixeiro Menéndez
• Enrique Barrera Beitia
• Manuel A. Rodríguez Carballeira

FucoBuxán edita este libro, nun esforzo por contribuír á tarefa do Comité Cidadán de Emerxencia para a Ría de Ferrol.

¡Unha situación de emerxencia!. Facerlle fronte, esixe un esforzo de responsabilidade de toda a ciudadanía e dos cargos políticos e institucións, e debe ser motivo de debate nas vindeiras eleccións municipais. Fuco Buxán pretende que o libro contribúa ó mesmo e a clarexar o posicionamento dos futuros responsables municipais de Ferrolterra.

Son necesarias todas as accións que contribúan ao coñecemento do risco e ameaza (para a vida humana e riqueza da ría) que suporía poñer en funcionamento a planta de Reganosa.

¡Participade na presentación do libro! A ocasión a merece.

En español

Estiven fóra de xogo… por uns días

Iván Puentes e Manuel CendánA verdade que levo dúas semanas fóra de xogo. Primeiro foi un proceso vírico que case impídenos a viaxe a Madrid, e a iso sumouse que quedei sen ordenador ata onte. Moitos son, polo tanto, os temas que puiden ter comentado estes días, pero non o foron. Mais vaiamos por partes:

Hai dezasete anos que non pisaba a capital de España, agás a visita que en xuño fixemos co Comité Cidadán ao Ministerio de Industria e ao Congreso dos Deputados, pola denuncia das ilegalidades de Reganosa na ría de Ferrol. Hoxe sabemos que hai un acordo segredo con esta empresa gasística, asinado en tempos de Fraga, que supón outro cúmulo maior de irregularidades e un lastre oneroso para a Xunta de Galicia, se non obtén os resultados económicos que a especulación empresarial quere. O bipartito galego non debera aceptar como bo as herencias envenenadas, e que poden afectar gravemente á seguridade das persoas e financeiras de Galicia.

Sorprendeume que agora sexa máis barato – 145€ tres billetes ida e volta – ir en avión, nunha compañía de baixo custe desde Coruña, que cando eu ía nos anos noventa no tren. Iso, ademais, sen contar co aforro de tempo, a pesares dos controis de seguridade que hai nos aeroportos, especialmente en Barajas.

Seguindo con esto dos medios de transporte, debo engadir que o AVE Madrid Toledo, que fai o recorrido en vintecinco minutos, sae o billete de ida e volta en 13€. ¿Alguén sabe o prezo do billete de autobús Ferrol – Compostela? Ou o que tarda o tren Ferrol Coruña? Pois comparade. En fin, por unha vez dareille a razón aos independentistas: isto non é España.

Seguir lendo →

Atento: Deslocalización

Atento LogoAo principio foi a privatización de Telefónica que, co discurso dunha suposta mellor xestión empresarial, a libre competencia e o beneficio dun mellor servizo para os usuarios; quedou en mans duns empresarios amigos do poder político de entón.

Tras a externalización dos servizos da empresa e o peche das súas oficinas de atención aos usuarios – en Ferrol ubicada no seu día na Avenida de Esteiro – trouxo o nacemento de empresas subcontratadas. Mais os usuarios non percibiron beneficios e os novos traballadores precariedade laboral, redución de salarios e regresión nos seus dereitos.

Pero, nesta aldea global as ansias exponenciais de redución de custes e enriquecemento rápido traen para a filial de Telefónica, “Atento” na Coruña – na maioría dos casos teleoperadoras – o despedimento de dous centenares de traballadores, en liña cos despedimentos masivos desta empresa por toda España, pola deriva do seu traballo a países como Marrocos ou latinoamericanos como Perú e Colombia.

Esta noticia, é unha máis, que nos últimos tempos saltan xa con moita frecuencia aos medios de comunicación e vemos que noutros sectores (automóbil, por exemplo), no mellor dos casos a deslocalización retrásase cunha redución de salarios e dereitos sociais; que poden acabar provocando nas nosas sociedades a regresión económica, como así salientaban hai pouco dende a Comisión Europea, por mor dun retroceso no consumo cidadán.

Seguir lendo →