Hai moitas quinielas estes días. As enquisas dos medios de comunicación reflicten que cando menos na cidade de Ferrol os resultados están moi abertos. Con Reganosa no centro do debate electoral, as súas ameazas á poboación e as súas ilegalidades; un vinte cinco por cento de indecisos e moitos que están a mudar de voto.
Segundo esas enquisas, Vicente Irisarri vai ser alcalde polo PSOE, cunha Esquerda Unida da amiga Yolanda Díaz que aínda non tocou teito (xa lle dan que duplica os concelleiros), e que estes días asinaba a súa autoinculpación contra Reganosa.
O que si sabemos é que no BNG teñen asumido a perda da metade dos seus actuais concelleiros. Paco Rodríguez, secretario xeral da UPG e principal valedor no BNG de Reganosa anda histérico. Parece que non lle gusta o retrato que teñen del na sociedade ferrolá e que se reflicte no libro publicado por Fuco Buxán. Paco: Cada un recolle o que sementa.
Dentro do campo da dereita creo que as cousas van estar tamén máis equilibradas, xuntos terán un máximo de doce concelleiros. Juan Fernández e os seus independentes poden acabar capitalizando unha parte do rechazo dos votantes do PP a Reganosa.
En resumo: en Ferrol a dereita pasará a oposición. A esquerda creo que ten asegurada os trece concelleiros necesarios para gobernar.
Con respecto ao resto da comarca creo que Iván Puentes vai ser alcalde de Fene, sendo a lista electoral máis votada. O amigo Iván é todo un descubrimento para o PSOE cos seus vinte e oito anos. Sen dúbida é xa unha figura emerxente no campo socialista, xunto coa candidata do PSOE naronés, Catalina García.
En Narón fronte a un Xoán Gato esgotado e cunha deriva dereitista chamada Terra Galega, xunto cunha suba importante para o PSOE (pasará a 3 ou 4 concelleiros), e creo que as demais forzas naronesas tamén mellorarán algo os seus resultados electorais, probablemente asistamos á perda da súa maioría absoluta. Neste Concello vaise abrir unha etapa moi interesante xa que na campaña electoral todas a forzas políticas que compiten co alcalde saínte dixeron que non van pactar con el.
Gato deberá, sendo así, gobernar en minoría e abriríase unha nova cultura política en Narón baseado no diálogo e os acordos múltiples. No resto da comarca, agás Cabanas cunha situación especial, creo que a tónica xeral será para o PSOE repetir resultados ou subas.
En fin, son quinielas e os cidadáns teñen a palabra. Eles deciden.
Palestina desángrase. Antonte oía as declaracións de Mr. Pesc, o compañeiro Javier Solana, que pedía aos palestinos a “renuncia á violencia” e a Israel “unha resposta axeitada”.
Así este sábado 12 xa houbo outra manifestación, que probablemente sería moito maior de ser na mañá do domingo (na Radio Galega falaban de mil cincocentas persoas, as cifras do Comité as elevan a dúas mil). É dicir, Reganosa e os seus cómplices o teñen igual de difícil, cando menos. Con dous graves problemas: hai un amplo consenso cidadán en contra de Reganosa (e agora máis, xogan coa nosa vida) e os dirixentes cidadáns amosaron as súas calidades como líderes sociais (de feito, unha parte fundamental proceden da loita contra a Dictadura). Esta non deixa de ser a loita democrática dun pobo contra os depredadores.