Estiven fóra de xogo… por uns días

Iván Puentes e Manuel CendánA verdade que levo dúas semanas fóra de xogo. Primeiro foi un proceso vírico que case impídenos a viaxe a Madrid, e a iso sumouse que quedei sen ordenador ata onte. Moitos son, polo tanto, os temas que puiden ter comentado estes días, pero non o foron. Mais vaiamos por partes:

Hai dezasete anos que non pisaba a capital de España, agás a visita que en xuño fixemos co Comité Cidadán ao Ministerio de Industria e ao Congreso dos Deputados, pola denuncia das ilegalidades de Reganosa na ría de Ferrol. Hoxe sabemos que hai un acordo segredo con esta empresa gasística, asinado en tempos de Fraga, que supón outro cúmulo maior de irregularidades e un lastre oneroso para a Xunta de Galicia, se non obtén os resultados económicos que a especulación empresarial quere. O bipartito galego non debera aceptar como bo as herencias envenenadas, e que poden afectar gravemente á seguridade das persoas e financeiras de Galicia.

Sorprendeume que agora sexa máis barato – 145€ tres billetes ida e volta – ir en avión, nunha compañía de baixo custe desde Coruña, que cando eu ía nos anos noventa no tren. Iso, ademais, sen contar co aforro de tempo, a pesares dos controis de seguridade que hai nos aeroportos, especialmente en Barajas.

Seguindo con esto dos medios de transporte, debo engadir que o AVE Madrid Toledo, que fai o recorrido en vintecinco minutos, sae o billete de ida e volta en 13€. ¿Alguén sabe o prezo do billete de autobús Ferrol – Compostela? Ou o que tarda o tren Ferrol Coruña? Pois comparade. En fin, por unha vez dareille a razón aos independentistas: isto non é España.

Estivemos desde o xoves 19 ata o luns 23 en Moratalaz. Barrio que non coñecía, cheo de bloques de vivendas de catro alturas, con moita zona arborada e parques infantís. Con varias bocas do metro e co autobús que che deixa na Porta do Sol. Un barrio con varios miles de traballadores. Mestizo (moitas nacionalidades, idiomas, culturas…). Quizais, o maior contraste que vin en Madrid, foi comprobar que o inglés é o segundo idioma da cidade.

Hai xa tempo que vos conto que existe un proxecto de televisión na Rede vinculado aos blogs, do amigo Enrique Castro, chamado Eblogtv. Anda a buscar un socio capitalista que ademais sexa economista. Sinto non cumprir os requisitos. Sigo a crer que este é unha proposta novedosa, que necesita un tempo para asentarse. Se logra mantela empresa un par de anos estou seguro que lle pode pasar dúas cousas, que se poña en cabeza das iniciativas vinculadas á nova economía, ou que algunha grande multinacional acabe mercándolle a idea, sacándolle un rendemento económico importante. Sigo a pensar, que este tipo de iniciativas son un novo medio de comunicación que ten un fácil acceso directo para os cidadáns e as asociacións e que sobrepasan o control mediático das grandes empresas da comunicación. Así que, amigo Enrique, espero que a túa capacidade innovadora che permita consolidar esta boa iniciativa.

E seguindo en Compostela non quero deixar de salientar o ciclo de conferencias que o Club Internacional de Prensa está a desenvolver. Esta semana foi Bernard Cassen, fundador de ATTAC e director xeral de Le Monde Diplomatique, e o 2 e 3 de maio o cura Enrique de Castro, enfrontado como sabedes ao vilalbés e Bispo Rouco Varela.

En Ferrol, os dous Juanes seguen a profundizala insubmisión contra as autoridades autonómicas. Néganse a paralizalo edificio ilegal que están a construír na Praza de España. Cada vez queda máis claro que a xestión da dereita ferrolá está vinculada á especulación, en detrimento dos dereitos dos cidadáns: Menáncaro, Recimil… son uns poucos exemplos do que estou a comentar.

As eleccións locais debera permitir a súa substitución por un goberno de progreso. Que se aínda non está claro a correlación de forzas dentro da esquerda, todo parece indicar que o socialista Vicente Irisarri será alcalde con Esquerda Unida de segunda forza e un BNG terceira, que está a pagar moi duro a obediencia de Paco Rodríguez – secretario xeral da UPG – a Reganosa.

Estes días Víctor García Novás, co patrocinio da Asociación Fuco Buxán está a ter un exposición de pintura vinculada co mundo do traballo no Instituto Politécnico -ata o 8 de maio – situado preto do monumento ao Dez de Marzo, en Ferrol. Tamén o venres 27 comezou a ciclo de conferencias desta entidade, titulado: Democracia e compromiso. O primeiro conferenciante foi Carrillo, que falou na Aula Magna da Facultade de Humanidades. As conferencias seguiran en vindeiras datas con outras persoas relevantes tanto a nivel estatal coma galego.

Santiago Carrillo, socio de honra de Fuco Buxán – xunto con Xaime Quintanilla, Julio Aneiros, Antonio Ares e Isaac Díaz Pardo – con os seus noventa e dous anos segue a sorprender pola súa capacidade intelectual, a súa capacidade de expoñer de xeito moi claro as súas ideas, segue sen usar papeis para falar, e segue na súa defensa radical da democracia e dos dereitos dos cidadáns e do mundo do traballo.

Non quero deixar de salientar que tamén o mesmo venres o amigo Iván Puentes (a foto deste post está sacada na Homenaxe a Díaz Pardo) tivo a súa presentación oficial ante os veciños de Fene como candidato socialista, contando ademais coa presenza do Conselleiro de Traballo Ricardo Varela. En Fene os tempos de cambio tamén son chegados.

En fin, moitas cousas. Pero, xa estamos en liña.

2 opinións sobre “Estiven fóra de xogo… por uns días

  1. A nosa foto é moi mellorable, ja, ja, ja…! Gracias polo apoio; tamén a ti Enrique. A verdade é que o acto do venres foi impresionante, nunca respirara tan claros os aires de cambio que sopran en Fene.

    Saúdos 😉

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s

This site uses Akismet to reduce spam. Learn how your comment data is processed.