García Novás expón en Valdoviño

V�ctor Gª NovásO amigo e artista Víctor García Novás expón estes días na Casa da Cultura de Valdoviño.

Desde o 16 ao 31 de xullo. O horario é de Luns a Venres: de 12 a 14h e de 20 a 21,30h. Sábados: de 12 a 14h.

Acompañan os seus óleos, tintas e acrílicos, os textos e os poemas de Rosa Méndez, Guillermo Ferrández, José Torregrosa e Juan C. Valle.

Víctor é xa un artista ferrolterrán consolidado que ademais reflicte na súa pintura o seu compromiso social. A súa aposta pola transformación da sociedade en clave de progreso. Esta é unha exposición que non debérades perdervos. Vale a pena asistir.

Parabens a Valdoviño e á concellaría de cultura por esta decidida aposta, que xa é un clásico neste concello nos veráns.

Noticiario Intercultural de ACSUR e Eblogtv: dúas experiencias comunicativas

Vídeo + Participación = ACSUR Las Segovias

Esta fin de semana empeza un obradoiro de vídeo dixital co-organizado pola miña asociación e que contaremos coa presenza de dous monitores da ONG ACSUR – Las Segovias. Este é un proxecto para a elaboración de documentais sociais e que, agora aquí estamos a desenvolver conxuntamente desde Ferrol, a Asociación Fuco Buxán con outras dúas asociacións de Bolivia (Casa Wayna Tambo e o Centro de Documentación e Información Boliviana). Os obxectivos destes obradoiros son formar ás asociacións cidadás en ferramentas de comunicación audiovisual, que nos permita participar nun diálogo intercultural explicando as nosas propias realidades, as nosas propias propostas para outro mundo que é posible. Formarán parte do Noticiario Intercultural (aquí podedes ver máis documentais), de ACSUR e a súa rede de difusión.

O curso durará sete días, e co material recollido farase unha curtametraxe que durará un máximo de dez minutos. A temática escollida por nós e os compañeiros bolivianos é a sostenibilidade medio ambiental, evidentemente, en Ferrol, Reganosa está no corazón da cuestión.

A parte da cuestión de que nos vai servir para traballar no campo audiovisual, o interesante, tamén está en que estas curtas, e outras con temáticas diversas, serán difundidas por toda Europa Occidental e América Latina. Incluso algúns como “Asturias, tierra de Leyendas” o podedes ver no Youtube, ou en Google Vídeo. Eu déixovos, arriba, co documental sobre a inmigración marroquí en Cataluña.

TV + Participación = Eblogtv.es

Logo Eblogtv.esOs que me coñecedes sabedes que xa teño falado algunha vez neste blog dunha iniciativa no eido da comunicación emprendida hai un tempo polo amigo Enrique Castro.

Eblogtv.es, é unha televisión en internet que ten as súas raíces na interacción dos blogs, na súa filosofía. Emite dende Santiago de Compostela, é, sen dúbida, unha aposta arriscada, onde ademais, Enrique vai por diante da propia blogosfera. Agora, volve a emitir en aberto tras un período de readaptación a este mundo da Rede, que devora rapidamente todo o que de novidoso aparece.

A vantaxe, desta nova forma de televisión na rede, está precisamente na posibilidade de en tempo real participar no desenvolvemento dos programas que se están a emitir, de entablar un diálogo co entrevistado ou de participar nun evento situado en Madrid, Barcelona, Coruña ou Bruxelas. É o verdadeiro concepto de televisión interactiva feita posible desde calquera recuncho usando só un teclado e unha conexión a internet.

Persoalmente, estou a espera de que o quince de setembro emita o seu documental “Galicia”. Hai un tempo xa vos comentei que son unha serie de entrevistas a persoas de todos os ámbitos sociais do noso país. Quizais, a nota discordante, é que eu son un dos entrevistados – aínda que meu ego esteña enchido – non creo que un sexa quen de aparecer en semellante documental sobre a Galicia actual. Recoñezo, tamén que como me colleu de súpeto (a entrevista foi media hora antes dun acto de Fuco Buxán que tiña que presentar na Galería Sargadelos), non sei realmente como resultará, tendo en conta por outra banda que lle temo á cámara.

Estes son uns proxectos que amosan que é posible romper co monopolio dos grandes grupos mediáticos, facer información, cultura e entretenimento desde a propia xente e desde a súa propia liberdade de pensamento e de creatividade, sen pasar, polo tanto, polo filtro dos grandes grupos mediáticos financeiros.

Os que aínda somos neófitos nesto da globalización mediática, que seguimos sen crernos que este invento dos blogs sexa real e nos estea a pasar, este tipo de iniciativas de vídeo social e televisión interactiva na Rede causa sobre nós unha verdadeira atracción. Recoméndovos que sigades estas iniciativas que son de verdade moi interesantes.

Breve carta para Julieta

A primeira vez que escoite a Julieta Venegas foi nun disco de voces de mulleres con cancións de Joaquín Sabina: “…Entre todas las mujeres”. Desde aquela recoñezo que estou namorado da súa voz. Iso levoume a mercar o seu disco “Sí”, onde aparece na portada vestida de noiva.

Nesta “Morena mía” con Miguel Bosé, a súa voz segue igual de suxerinte, igual de sensual. A letra desta canción, cantada por ela, é unha auténtica provocación…

 

Marea humana contra Reganosa

Unha marea humana contra Reganosa, solidaria con Bastida e que aféctalle a Carlos Aymerich.

Marea humana 3 xuño 2007Levo varios días sen escribir. Este pretende ser un blog xeneralista, pero os acontecementos obrigan case a ser monográfico. Tamén ando ocupado coa nova edición da revista de Fuco Buxán; mais, estes días puidemos dixerir o enorme éxito da manifestación do domingo 3 de xuño aquí en Ferrol. ¿Cantos éramos? ¿Doce,quince mil? Non sei, é difícil sabelo. Os diversos vídeos e todo o material gráfico que está colgado na rede dános unha idea aproximada.

Esta foi unha das grandes manifestacións na cidade, porque todos os sectores da sociedade civil ferrolá séntense implicados. Agora xa traspasou o ámbito da propia pluralidade do Comité Cidadán e do medio centenar de asociacións integrantes. Estaban presentes xentes de todo tipo, de todas as cores e sensibilidades políticas. Este é un éxito do conxunto da poboación ferrolá, do conxunto das asociacións e movementos da cidade. Todos/as traballaron para iso. Unha marea humana contra Reganosa e solidaria cos represaliados.

A presenza das asociacións ecoloxistas galegas, que desconvocaron a súa manifestación – do día do medio ambiente – en Santiago para vir aquí, así como as adhesións de Manuel Rivas, Méndez Ferrín, Santiago Carrillo, a presenza de Camilo Nogueira, Xosé Manuel Beiras, Mabel Rivera, Gustavo Pernas, de moitos Patróns de Confrarías galegas… doulle a este evento a categoría de primeira gran Manifestación Nacional contra Reganosa e pola liberdade do patrón maior da confraría ferrolá.

Seguir lendo →