Marea humana contra Reganosa

Unha marea humana contra Reganosa, solidaria con Bastida e que aféctalle a Carlos Aymerich.

Marea humana 3 xuño 2007Levo varios días sen escribir. Este pretende ser un blog xeneralista, pero os acontecementos obrigan case a ser monográfico. Tamén ando ocupado coa nova edición da revista de Fuco Buxán; mais, estes días puidemos dixerir o enorme éxito da manifestación do domingo 3 de xuño aquí en Ferrol. ¿Cantos éramos? ¿Doce,quince mil? Non sei, é difícil sabelo. Os diversos vídeos e todo o material gráfico que está colgado na rede dános unha idea aproximada.

Esta foi unha das grandes manifestacións na cidade, porque todos os sectores da sociedade civil ferrolá séntense implicados. Agora xa traspasou o ámbito da propia pluralidade do Comité Cidadán e do medio centenar de asociacións integrantes. Estaban presentes xentes de todo tipo, de todas as cores e sensibilidades políticas. Este é un éxito do conxunto da poboación ferrolá, do conxunto das asociacións e movementos da cidade. Todos/as traballaron para iso. Unha marea humana contra Reganosa e solidaria cos represaliados.

A presenza das asociacións ecoloxistas galegas, que desconvocaron a súa manifestación – do día do medio ambiente – en Santiago para vir aquí, así como as adhesións de Manuel Rivas, Méndez Ferrín, Santiago Carrillo, a presenza de Camilo Nogueira, Xosé Manuel Beiras, Mabel Rivera, Gustavo Pernas, de moitos Patróns de Confrarías galegas… doulle a este evento a categoría de primeira gran Manifestación Nacional contra Reganosa e pola liberdade do patrón maior da confraría ferrolá.

A entrada dos gaseiros, a intervención policial e a prisión incondicional do patrón maior, segue a causar unha gran alarma e malestar social, onde asistimos asombrados da conivencia dos poderes públicos co Grupo Tojeiro. Se estamos onde estamos é por mor dunha clase política e dunhas Institucións que estiveron mirando para outro lado, ocultando os riscos e a información, desobedecendo as sentenzas do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, as Leis medio ambientais e de seguridade, así como as esixencias da Unión Europea.

Reganosa é moi perigosa, é ilegal e non é legalizable. Ou a trasladan ao Porto Exterior de Ferrol ou non poderá iniciar a súa actividade, de facelo sería prevaricación por parte dos poderes públicos e conivencia por quen ten que garantir o estado de dereito.

O malestar social segue a plasmarse na marcha que estes días houbo sobre a Prisión de Teixeiro, ou nos centos de autoinculpacións ante os xulgados ferroláns, os mesmos que vulneran dereitos fundamentais do patrón maior. Obviaron ademais a sentenza do Tribunal Supremo do 19 de xaneiro de 1994. Grave erro cometeron aqueles que detiveron a Bernardo Bastida; o converteron nun símbolo da loita democrática dun pobo que loita contra o pacto siciliano. E, ademais agora, Vicente Irisarri e o PSOE ferrolán están emprazados a defender aos cidadáns fronte as agresións de Reganosa.

Pero, a marea humana tamén chega á capital de Galicia. O Presidente Touriño xa recoñece que “non é o sitio idóneo para unha planta de gas” e os pésimos resultados do BNG na cidade de Ferrol, causa unha profunda crise no seno da súa dirección nacional. Ambos teñen que facer fronte ao desafío que supón esta herdanza do fraguismo. Non vale dicir que xa está feito, de ser así só amosarían a súa supeditación a intereses alleos ao ben común dos cidadáns e de Galicia. Non poden deixar desasistidos aos cidadáns, violentar o estado de dereito e poñerse á marxe da legalidade vixente.

Carlos Aymerich afectado pola marea

Dentro da pluralidade social e política, tamén a parte máis dinámica do nacionalismo participou en Ferrol contra Reganosa. Ese é a orixe do malestar de Carlos Aymerich, voceiro do BNG no Parlamento de Galicia. Choca coa crónica de Perfecto Conde, tamén publicado no semanario A Nosa Terra, ou con aquel de Carlos Neira Suárez publicado en Vieiros.

O artigo de Aymerich no fondo é unha acusación aos sectores nacionalistas que están en contra de Reganosa e que participaron na manifestación do 3 de xuño, unha acusación de “colaboracionismo español”, de “antigalegos”, por non se pór de xeonllos ante o Grupo Tojeiro. Así como o ataque a Fuco Buxán, unha asociación cultural plural de esquerdas, por canalizar e impulsar aos movementos sociais da ría de Ferrol.

O evidente é que desde a Consellería de Industria non hai unha política industrial que mereza tal nome, estamos ante unha visión “desarrollista” e de depredación dos nosos recursos. Nunha visión neoliberal que supedita o interese xeral e nacional aos intereses dos grandes grupos financeiros. Aymerich debera saber que Reganosa como empresa non é estratéxica para Galicia; aínda está sen finalizar e poden poñela onde corresponde no Porto Exterior. En todo caso, non podemos seguir sendo dependentes dun modelo de desenvolvemento subsidiario consistente en exportar enerxía a cambio de hipotecar as nosas vidas (e dentro da ría é literal).

O voceiro parlamentario do BNG debera ter un pouco de máis respecto por xentes como Lastra, Luísa Sabio, Miguel López, Montse Garel. Xentes que desde o principio mantiveron a súa oposición a Reganosa e pagaron un alto custe persoal dentro e fóra do BNG. A gran forza do Comité Cidadán foi saber que esta é unha loita de todos os sectores sociais, por iso sempre participaron e buscouse a colaboración de todas as persoas á marxe da súa militancia ou ideoloxía. Por iso o Xeneral Gabeiras presidiu esta plataforma desde o principio.

Ademais, os electores ferroláns merecen máis respecto co manifestado por Aymerich. Os resultados electorais en Ferrol son claros e botarlle a culpa a outros é non querer recoñecer os erros propios (perdón, pola autocita).

A torpeza de Aymerich é tan grande que non se decata de que a suposta incoherencia de Esquerda Unida co proxecto dunha planta de gas en Xixón – e que en todo caso tamén deberá cumprir coa legalidade: Declaración de Impacto Ambiental favorable, distancias á poboación, Directiva Seveso II; e que Reganosa nin cumpre nin pode cumprir dentro da ría – non vai en detrimento de Yolanda Díaz en Ferrol, senón que reforza a súa credibilidade pola súa coherencia. A torpeza de Aymerich é tal, que reforza o castigo ao BNG ferrolán.

Ah, unha mensaxe final, en forma de vídeo, para este voceiro parlamentario. Como dicía a Presidenta nacional de Adega na súa intervención na manifestación do 3 de xuño: ¡Aquí hai pobo!

Engado aquí, o enlace ás fotos do Comité Cidadán na marcha ao cárcere de Teixeiro.
(Déixovos máis fotos do día 3, algunha xa ma reclamaron por email):

Candidato local BNG con camiseta Bastida

2 thoughts on “Marea humana contra Reganosa

  1. Una diva ELLA!!! En Chile gusta mucho sobretodo a los màs pequeños. Ella tiene un bello hijo chileno fue mujer de Alvaro vocalista del mìtico grupo de Los Tres . Cariñosd.

  2. Hola Carol: la verdad que llevo mucho tiempo sin visitarte en tu blog. Aquí los acontecimientos se precipitan y nos devoran.
    Obviamente, tu comentario se refiere a Julieta Venegas.
    Me alegra mucho saber de ti!
    Cariños para ti.

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s