Vídeo + Participación = ACSUR Las Segovias
Esta fin de semana empeza un obradoiro de vídeo dixital co-organizado pola miña asociación e que contaremos coa presenza de dous monitores da ONG ACSUR – Las Segovias. Este é un proxecto para a elaboración de documentais sociais e que, agora aquí estamos a desenvolver conxuntamente desde Ferrol, a Asociación Fuco Buxán con outras dúas asociacións de Bolivia (Casa Wayna Tambo e o Centro de Documentación e Información Boliviana). Os obxectivos destes obradoiros son formar ás asociacións cidadás en ferramentas de comunicación audiovisual, que nos permita participar nun diálogo intercultural explicando as nosas propias realidades, as nosas propias propostas para outro mundo que é posible. Formarán parte do Noticiario Intercultural (aquí podedes ver máis documentais), de ACSUR e a súa rede de difusión.
O curso durará sete días, e co material recollido farase unha curtametraxe que durará un máximo de dez minutos. A temática escollida por nós e os compañeiros bolivianos é a sostenibilidade medio ambiental, evidentemente, en Ferrol, Reganosa está no corazón da cuestión.
A parte da cuestión de que nos vai servir para traballar no campo audiovisual, o interesante, tamén está en que estas curtas, e outras con temáticas diversas, serán difundidas por toda Europa Occidental e América Latina. Incluso algúns como “Asturias, tierra de Leyendas” o podedes ver no Youtube, ou en Google Vídeo. Eu déixovos, arriba, co documental sobre a inmigración marroquí en Cataluña.
TV + Participación = Eblogtv.es
Os que me coñecedes sabedes que xa teño falado algunha vez neste blog dunha iniciativa no eido da comunicación emprendida hai un tempo polo amigo Enrique Castro.
Eblogtv.es, é unha televisión en internet que ten as súas raíces na interacción dos blogs, na súa filosofía. Emite dende Santiago de Compostela, é, sen dúbida, unha aposta arriscada, onde ademais, Enrique vai por diante da propia blogosfera. Agora, volve a emitir en aberto tras un período de readaptación a este mundo da Rede, que devora rapidamente todo o que de novidoso aparece.
A vantaxe, desta nova forma de televisión na rede, está precisamente na posibilidade de en tempo real participar no desenvolvemento dos programas que se están a emitir, de entablar un diálogo co entrevistado ou de participar nun evento situado en Madrid, Barcelona, Coruña ou Bruxelas. É o verdadeiro concepto de televisión interactiva feita posible desde calquera recuncho usando só un teclado e unha conexión a internet.
Persoalmente, estou a espera de que o quince de setembro emita o seu documental “Galicia”. Hai un tempo xa vos comentei que son unha serie de entrevistas a persoas de todos os ámbitos sociais do noso país. Quizais, a nota discordante, é que eu son un dos entrevistados – aínda que meu ego esteña enchido – non creo que un sexa quen de aparecer en semellante documental sobre a Galicia actual. Recoñezo, tamén que como me colleu de súpeto (a entrevista foi media hora antes dun acto de Fuco Buxán que tiña que presentar na Galería Sargadelos), non sei realmente como resultará, tendo en conta por outra banda que lle temo á cámara.
Estes son uns proxectos que amosan que é posible romper co monopolio dos grandes grupos mediáticos, facer información, cultura e entretenimento desde a propia xente e desde a súa propia liberdade de pensamento e de creatividade, sen pasar, polo tanto, polo filtro dos grandes grupos mediáticos financeiros.
Os que aínda somos neófitos nesto da globalización mediática, que seguimos sen crernos que este invento dos blogs sexa real e nos estea a pasar, este tipo de iniciativas de vídeo social e televisión interactiva na Rede causa sobre nós unha verdadeira atracción. Recoméndovos que sigades estas iniciativas que son de verdade moi interesantes.