
O Metanero Akwa Ibom bloqueado na ría de Ferrol
Máis info en web Comité Cidadán e da Asociación Fuco Buxán.
Hoxe ás 20 horas cacerolada contra Reganosa, no Peirao de Curuxeiras. ¡Participa e acude!
En defensa da vida, da ría de Ferrol e da reposición da legalidade.
Loito en Megasa
Este domingo pasado sobre a dez da mañá o compañeiro Iván Arnoso morría atropelado por unha pala mecánica. Tiña pouco máis de vinte e tres anos e levaba un par de meses na empresa.
Os traballadores de Megasa, en Narón, seguimos conmocionados, de loito. Sentímonos moi pretos da familia. O sentimos de verdade. Sabemos que non hai xeito de paliar a perda dun fillo, dun ser querido, sobre todo cando prodúcese por mor dun accidente laboral.
Dende un primeiro momento chamouse á familia, e a Empresa aceptou a solicitude do Comité e permitiu a súa entrada na fábrica, vivindo momentos moi tráxicos, sumados á espera polo xuíz para levantalo cadáver.
É obvio que as medidas de seguridade fallaron. Os tres informes (da policía científica, da local e da inspección de traballo) servirán para que queden claro os fallos, así como as responsabilidades de onde se poidan, incluso, derivar actuacións penais polo propio xuíz. Non se pode producir por ningunha circunstancia a morte de ningún traballador.
Pero, ademais de conmocionados pola morte de Iván, estamos a asistir a un debate sobre as declaracións feitas polo secretario comarcal da CIG en Ferrolterra, Anxo Pintos. A familia puido comprobar de primeira man as circunstancias da morte deste compañeiro e, polo tanto, enfrontalas ás descritas por Pintos nos medios de comunicación. Quizais isto non o sabían desde a central nacionalista.
Cremos na fábrica que as declaracións incendiarias de Anxo Pintos, que eu escoitei as dez da mañá do luns 13 na Radio Galega, onde se mesturaban temas, moitos falsos (p.e. non se pode falar de precariedade en Megasa cando os indefinidos están sobre o 95% dos empregados, asistindo ademais a un proceso de xubilacións importante; en Megasa hai comedores e a xente os utiliza, a pala mecánica ten cinco anos…), e outras medias verdades; tiñan como obxectivo instrumentalizalo accidente mortal para crear unha gran alarma social cos propósitos de dar a imaxe dunha empresa terceiromundista, un comité colaboracionista e uns traballadores, “pobriños nós”, necesitados dun “salvador”.
Estas declaracións non foron para solidarizarse co falecido, nin coa familia, nin cos traballadores. Nin foron unha axuda para ninguén. ¿Entón, cal é o obxectivo real?
Con (e contra) Reganosa (non) vale todo
Os cidadáns estamos a nos acostumar a que os poderes públicos violentan o Estado de Dereito con tal de que as empresas – que moitas delas foron no pasado galegas, e hoxe xa non – poidan levar adiante os seus negocios. Tales feitos levan a situacións como as vividas estes días con Unión Fenosa, que coa presenza do Presidente da Xunta e do Conselleiro de Industria, pretendía dar por inaugurada este luns os seus ciclos combinados sen ter a pertinente licenza municipal. As denuncias dos veciños organizados na “Plataforma pola Eliminación das Liñas de Alta Tensión de Oseiro” ante a Fiscalía do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia obrigou á empresa eléctrica a aprazar sine die tal inauguración por “razón técnicas”. E todo isto por darlle publicidade de balde a Reganosa na liña de presionar en favor da súa autorización definitiva, que hoxe non ten.
Os veciños de Mugardos están a ocupar o seu Concello por mor do falso Plan de Emerxencia Exterior de Reganosa, recentemente aprobado pola Xunta de Galicia. O pretendido plan “só afecta” aos catrocentos metros inmediatos á planta de gas, obviando a seguridade dos cidadáns situados aos dous quilómetros mínimos a que lle obriga as leis medioambientais, cunha lexislación cada día máis restritiva; e que xunto cos impedimentos que teñen os buques metaneiros en caso emerxencia na estreita ría de Ferrol, deixa fóra da legalidade á Planta de Gas e sen argumentos técnicos. Non valoro aquí a agresión medioambiental para as augas e a ría de Ferrol co circuíto aberto de Reganosa, nin o freo para a Candidatura “Patrimonio da Humanidade” dos Castelos do século XVIII.
Unha cousa é que a UPG e Paco Rodríguez renuncien en beneficio de que as empresas “galegas” radicadas en Madrid desfagan Galicia segundo lles conveña, máis o Presidente da Xunta debera facer país fronte a unha herdanza velenosa e inviable como Reganosa. Sobre todo porque o apoio político da administración galega impide que outros operadores europeos poidan facer no litoral exterior unha planta de gas catro veces superior ao proxecto perigoso, ilegal e non legalizable do Grupo Tojeiro. Algo que xa hai tempo coñecen por estar rexistrada a petición no Ministerio de Industria.
Tamén sería recomendable a elaboración dunha política industrial galega que mereza tal nome. Cando somos exportadores netos de enerxía o futuro industrial galego non pode seguir nas mesmas pautas fraguistas continuadoras do franquismo.
Quero salientar que o bo facer do Comité Cidadán de Emerxencia permitiu incorporar ao conxunto da poboación e dos movementos asociativos, especialmente na cidade de Ferrol. Mais, tamén nos últimos tempos, elementos oportunistas pretenden aproveitarse do traballo realizado desde o ano 2001.
Estes días atrás desde a Consellería de Sanidade desmentían a existencia de “Comisionados para a Catástrofes”, a conta de que un enfermeiro presentábase a si mesmo como voceiro ferrolán emitido informes contrarios a Reganosa. Probablemente, a pretensión de Sanidade era debilitar a loita contra a Planta de Gas, pero, resulta curioso que os feitos reforzan a posición do Comité Cidadán e de aqueles, que desde dentro din que, con e contra Reganosa non vale todo.
En resume: a Planta de Gas ao Porto Exterior de Ferrol. ¡En defensa da vida, da ría e da legalidade!
¿”El Jueves” símbolo da liberdade de expresión?
Hai unhas horas escoitaba na Radio Galega as declaracións do Fiscal Xeral do Estado, que anda hoxe por aquí. Defendía a actuación do Xuíz Del Olmo e a Fiscalía no secuestro da edición desta semana do satírico “El Jueves”.
¿Mobilizaríranse os poderes do Estado se foran xente normal as satirizadas? ¿Ou se fosen José Luis e Sonsoles? Probablemente non. Ademais, desde o PP estarían acusando ao Goberno de ataque á liberdade de expresión.
A verdade que hai tempo que xa non merco esta revista. Pero, lembro que “cousas peores” teñen publicado. Tamén, é certo que non había necesidade de poñerlle caras coñecidas a esta portada, mais creo que aquí hai quen lle está facendo un fraco favor á Casa Real. (Cando menos un fiscal torpe – se foi por propia iniciativa, algo que dubido – e un “xuíz estrela” pendente dos medios de comunicación).
O asunto é que levamos xa unha temporada na que algúns pretenden usar o Código Penal para converter en delito actitudes ou declaracións non afectos cunha forma conservadora de entendela vida e a “sagrada unidade de España”. O auto do xuíz Del Olmo, secuestrando a revista, parécese moito á aquelas pretensións da extrema dereita que hoxe controla a AVT, en contra de grupos musicais vascos, ou a Ángel Acebes empeñado en dar carnés de patriotismo barato.
Ademais, considerar unha determinada pose como “denigrante e obxectivamente infamante”, non é máis que unha consideración persoal. ¿Desde a Audiencia Nacional preguntáronlle aos aludidos sobre as súas prácticas íntimas? Non creo. E de aí dicir que é un ataque ao “prestixio da Coroa” é pasarse catro pobos.
A portada é necia, si. Pero, o xuíz Del Olmo causoulle máis dano á Coroa que unha revista que distribúe 70.000 exemplares, e que probablemente grazas a el, no seguinte número serán 700.000. Ademais, porqué “El Jueves” e non todos estes programas “rosas” que enchen a televisión con verdadeiros ataques infamantes contra as persoas. ¿Lembrades cando foi aquilo da noiva nórdica de Felipe? Os ataques que a Casa Real e os seus membros recibiron por parte da dereita rosamediática eran verdadeiro golpismo periodístico. ¿Entón, por que si “El Jueves”?
Se non fose que a Fiscalía anda por medio pensaría que alguén lle quere facer un favor ao PP desviando a atención da “Crise Josep Piqué”.
Unha recomendación: que desde a xudicatura deixen pasar as augas que non han beber. Non vaia ser que acaben convertendo a esta revista nun símbolo da liberdade de expresión. Ademais, cando menos temos dereito a nos rir da Monarquía xa que non a podemos votar / botar.