Auga

 

Si, a xestión do alcalde José Manuel Rey fai auga. O conflito do saneamento e as novas taxas da auga, que gravan as economías dos ferroláns, veñen dados pola incapacidade da dereita local para defender Ferrol, fronte á Xunta de Galicia.

Pretenden darse un titular nesta longa precampaña de cara ás eleccións municipais do 2015. Mentres, Augas de Galicia e a Xunta escabullen a súa obriga de poñer en marcha todo o proceso do novo saneamento. Non vaia ser que haxa problemas; e de paso fan negocio a costa dos cidadáns.

A falta de sangue da dereita ferrolá, vólvese contra deles. A rebelión entendible de Narón, só é o primeiro paso para a rebelión da propia veciñanza ferrolá, contra unha dereita incapaz de defender o ben común. Unha dereita que está de xeonllos ante os intereses crematísticos duns poucos. Acaba o alcalde ferrolán de pegarse un tiro no seu propio pé.

Enlace web á columna Letras de Cambio (@DiarioFerrol).

 

25 de maio

 

As eleccións europeas do vindeiro 25 de maio traen de cabeza aos dirixentes do PP. Os cidadáns teñen a oportunidade de poder convertelas nun plebiscito, sobre as políticas insolidarias e de recortes, aplicadas por Rajoy. Preocúpalles que a xente poida castigalos nas urnas, porque eles son a correa de transmisión dos mercados financeiros.

Fronte a todo o aparato de propaganda e ao dominio que a dereita ten dos medios de comunicación oficiais, a esquerda debe mobilizar a rúa; e que ninguén crea que se pode substituír a acción dos militantes por unhas redes sociais que usan, fundamentalmente, os xa convencidos.

O 25 de maio hai dúas posibilidades. Máis desigualdades e máis recortes cunha dereita á que lle sobran a xente e o estado de benestar; ou unha alternativa progresista, liderada polos socialistas, produto do encontro e unidade de todas as esquerdas.

Enlace web @DiarioFerrol

 

Os Maios

 

OsMaios_Canido2014

Unha vez máis, chegan os maios e así os podemos vivir grazas ás xentes do barrio de Canido. Unha vez máis, as súas rúas énchense de cores, vida e unha aposta colectiva por se diferenciar e marcar a súa propia identidade. Isto converte a Canido nun referente necesario, dunha cidade que como Ferrol necesita verse en positivo.

É este un barrio para ocupar as súas rúas e terrazas. Os seus recunchos, e máis en festas e nesta ocasión a combinación dos maios co apalpador de por medio, da música e da feira da artesanía, foron unha invitación feita pola veciñanza ao conxunto da cidadanía ferrolá.

En Canido están a crear calidade de vida, á que se suma a (incompleta) recuperación grazas ao Urban iniciado en tempos do alcalde Irisarri. Denota o barrio saber vivir e participar dun proxecto colectivo, saber sumar as súas individualidades e singularidades. Parabéns.

Enlace ao @DiarioFerrol

 

Devoción

 

DSC_0666-1

JM Rey en “procesión”…

Non hai devoción. Esa foi a conclusión dunha conversa, entre dúas veciñas, este xoves santo. Resúltame difícil calibrar iso, o que si era evidente, é que unha boa parte dos que “okupamos” Ferrol éramos laicos. É o que teñen os feitos privados, como a fe, cando fanse públicos. Porque, a rúa é de todos.

Quizais son os políticos os que máis participan da confusión. Deben recibir oficialmente ás comunidades presentes na súa sociedade, pero nunca participar como tales nos eventos relixiosos. Así, é de supoñer que o noso alcalde en breve recibirá ás comunidades evanxelistas e musulmáns; levan décadas formando parte da nosa cidade.

O comunitario é que Ferrol estivo estes días con gañas de saír polas rúas, aproveitar o sol e as terrazas. A iso tamén axudou, evidentemente, a nova edición de Equiocio, onde saben moi ben combinar o deportivo co lúdico-infantil.

Enlace a @DiarioFerrol