Outra Galicia é posible

Estamos a mediados de lexislatura, e o noso Goberno acaba de presentar unha proposta de orzamentos que semella que queren deixar atrás definitivamente a era Fraga, pretendendo amosar o perfil máis social desta coalición de socialistas e nacionalistas.

Pero, ¿estamos percibindo a xestión da Xunta dun xeito claro? ¿Defendendo outra Galicia lonxe desa outra desartellada, onde o intervencionista clientelar, a dependencia política -económica e a mediocridade eran sinais básicas de case dezasete anos de fraguismo?

Se ben é certo, que hai un intento de marcar as pautas do que quere se presentar como unha nova etapa socialdemócrata, a verdade que aínda hai por resolver eivas como as prácticas clientelares na Cidade da Cultura, que deberan obrigar ao PP a unha fonda refundación con líderes novos. Culpable este tamén da falta dun novo Estatuto galego con novas ferramentas con que afrontalo futuro.

Outro tanto pasa coa persistencia nunha política enerxética – especulativa ditada polas “nosas enxebres” corporacións como o Grupo Tojeiro, Unión Fenosa, Endesa… e que na nosa comarca ferrolá plasmase nese “pacto siciliano” chamado Reganosa; amosan que xunto ás políticas sociais impulsadas por Zapatero en España, e que se traspasan á nosa terra; as liñas macro económicas seguen a estar orientadas nun perfil básico neoliberal, onde os poderes públicos seguen as directrices dunha minoría, que ante a debilidade do noso tecido industrial, repártense entre eles os negocios de Galicia.

Así hai cuestións herdadas do fraguismo que parecen intocables. Pero, ¿é só unha cuestión de asumir acríticamente un submodelo neoliberal clientelar, ou tamén de que ambos partidos chegaran á Xunta de Galicia sen un programa alternativo real e en moitos casos sen equipos humanos cos que substituír ao anterior?

¿Onde está a defensa da primacía do público sobre o entramado privado – clientelar? Quizais crean que fóra dos sectores automobilista, lácteo e naval, pouco temos que dicir nesta nova división internacional do traballo configurada pola globalización das multinacionais.

Quizais nada teñan que dicir ante un modelo universitario europeo ideoloxizado que pretenden reducilo a unha minoría clasista. Quizais nada teñan que dicir ante unha Europa, e un Tratado de Lisboa, que persiste na sacralización da “liberdade de mercado” que converte aos cidadáns en súbditos.

O certo que á maioría da poboación chéganos un discurso político bastante plano. En boa parte a valoración positiva que temos do noso goberno autonómico é porque preferimos obviar os defectos, esperando que nun futuro non moi lonxano a nosa esperanza fágase realidade.

Neste panorama os movementos sociais, que provocaron con Nunca Máis o cambio galego, seguen a marcar o camiño. Desde a ría de Ferrol a Corrubedo, desde o Courel á ría de Pontevedra; os seus herdeiros reclaman outra Galicia que é posible. Non son “antisistema”. Só son a base social do PSOE galego e deste BNG post beirista; cuxos dirixentes son perfectamente intercambiables e descubriron, repentinamente, ou iso cren, que trátase soamente de “xestionar mellor ca dereita”.

Erran, e como mostra aí está o resultado municipal que lle impediu obter a Deputación de Pontevedra ao PSOE. Facer país é algo máis. Desde a esquerda galega é necesario a reformulación da acción política, a discusión dun programa federalista e nitidamente post: Post fraguista e post capitalista. A reformulación do funcionamento dos partidos, e a súa conexión cos cidadáns; a reformulación dunha política económica e fiscal que está supeditada aos intereses dun empresariado que considera que o seu “dereito de propiedade” sobre o medios de produción esixe perpetuar unha clase traballadora precaria, “mileurista” nos mellor dos casos, e que reclaman constantes e insolidarias baixadas de impostos.

É o momento de conquerir a incorporación dun amplo sector de traballadores/as, das novas clases urbanas e das novas xeracións, que entenden que a galeguidade non está supeditado a un territorio, que o avance da democracia postliberal resultará da confluencia entre a esquerda tradicional cos movementos altermundialistas, os pobres e os inmigrantes elevados á categoría de actores políticos fundamentais.

*(Este artigo forma parte do número 23 da revista “Razón Socialista”, 2º Semestre 2007, editada pola Asociación Cultural Fuco Buxán).

Acsur ou a auga de maio

Non son simplemente unha ONG, é un proxecto de transformación da realidade mundial desde unha perspectiva progresista do Sur, pero tamén dos países do Norte. Participa no debate por outro mundo que é posible, participa con pleno dereito na alterglobalización.

“Acción co Sur” é unha organización cidadá, pluralista e laica, comprometida cunha acción de transformación política e social para construír un modelo de desenvolvemento equitativo, sostible e democrático a escala mundial e global, para mulleres e homes. Como organización queren contribuír ao desenvolvemento da conciencia crítica da cidadanía, acompañando procesos de participación democrática e organización social, desde a solidariedade e a través da cooperación internacional.

Desde Fuco Buxán temos en marcha xa diversos proxectos conxuntos. En breve (28-11-2006), traeremos unha serie de curtametraxes feitas en diversos países por movementos populares de base, de Europa e Iberoamérica, e que forman parte do chamado “Noticieiro Internacional de Barrio”. Antes de acabalo ano, o 15 de decembro, presentaremos un libro sobre os efectos ca construción do Muro que Israel está a construír nos territorios ocupados de Palestina ten na poboación árabe.

Isto último seguirá sendo un tema que trataremos o vindeiro ano cunha ampla exposición fotográfica e mesas redondas que tendo Palestina no corazón, incidiremos nunha panorámica sobre o conxunto do mundo árabe. Tamén, permítome salientar un traballo sobre inmigración que ACSUR fixo con mulleres ecuatorianas e colombianas, que poderedes atopar na súa web e que unha parte desenvolveuse nesta comarca.

Os que seguides o traballo de Fuco Buxán, sabedes que levamos tempo falando de como asomarnos ao mundo exterior, en especial á alterglobalización e o conxunto de España. ACSUR pode ser un deses vínculos estratéxicos que nos conecte con ese aire anovado que necesitamos para sentir que os cambios poden perdurar no tempo.
Basicamente, coincidimos no perfil sociopolítico que desde a esquerda aposta pola transformación social, e nós coñecedores das limitacións que supón ser unha asociación galega radicada fundamentalmente en Ferrolterra creemos – e confiamos que os feitos o confirmen – ACSUR Las Segovias pode significar, para nós, ese auga de maio que piden as nosas actividades e nos permita participar no cambio de civilización que este mundo precisa.

Publicado en Razón Socialista, nº 21, ano XI, 2º semestre, 2006. (Presentada o 22 de Novembro).

GALICIA: TERRA DE ACOLLIDA

Nas vésperas do Día Internacional polos Dereitos dos Inmigrantes chegaron a Galicia o primeiro grupo de menores subsaharianos procedentes das Canarias, baixo a tutela da Xunta de Galicia. Fronte ao sensacionalismo, que fomenta o racismo e a xenofobia, debéramos deternos a pensar por qué uns menores deciden arriscala vida cruzando nun caiuco o Atlántico. Por qué, moitos deles, veñen despois dunha decisión colectiva tomada no seno das súas propias familias.

Aínda que sexa moi televisiva a entrada destes inmigrantes nas Canarias, hai que salientar co maior grupo de inmigración clandestina vén de Francia, ou vía aérea. En calquera caso, estamos a asistir a un desprazamento poboacional no mundo, que a diferenza das migracións anteriores, estes veñen si a traballar e, tamén a quedarse.

Pero, ¿por que é o “efecto chamada”? Deciden vir ante a caótica situación política e socio – económica dos seus países de orixe, producidas polas políticas exportadas por Europa e os EEUU, que baixo a doutrina do Banco Mundial, da OMC e o FMI expulsa ás xentes aos niveis de máxima pobreza. A globalización e os intereses das grandes empresas supón unha forma nova de neocolonialismo que destrúe as súas sociedades.

MigrantesAdemais, coñecen o noso nivel de vida, e os comparan. Saben do crecemento económico español das últimas décadas. Hai, tamén un 22% economía somerxida, que demanda traballadores clandestinos, sen dereitos e mal pagados. Por iso, resulta perversas as intencións dunha parte da dereita e os seus “intelectuais orgánicos”, de pretender enfrontar aos inmigrantes cos traballadores do país. A presenza dos primeiros nos empregos peores e mal remunerados non baixan os salarios, nin sequera compiten, agás cos sectores sen formación básica e cos salarios máis baixos. O certo é ca inmigración e o crecemento económico, en España evolucionan ao mesmo tempo. E nunha situación de desaceleración da economía son precisamente os inmigrantes os máis vulnerables á perda do emprego, sen prestacións sociais, sen redes de protección social ou familiares consolidadas.

Fronte a estes intentos, que fomentan o racismo e a xenofobia é necesario fortalecer o modelo social europeo e o estado de benestar. Facilitar ao conxunto da poboación o acceso á educación, a sanidade, o emprego estable, e a vivenda. Recoñecer a todas as persoas que vivan no mesmo territorio iguais dereitos e deberes, incluído o dereito ao voto.

Os inmigrantes son persoas que teñen e deben ter recoñecidos os seus dereitos. O problema non son as persoas indocumentadas, senón a súa situación de marxinación. É a desigualdade a que xenera o conflito social. A inmigración é unha oportunidade que mellora a nosa sociedade, a rexuvenece, fainos máis competitivos no mundo global e suma os seus valores culturais aos nosos. A sociedade mestiza é máis rica.

Pero, tamén é certo que hai necesidade de unificar as políticas migratorias na UE, pero esta debe respectalos dereitos das persoas á súa dignidade e a elixir o seu proxecto de vida.

Fronte aos intentos de menosprezar ás persoas, é necesario visualizala inmigración en positivo. Por iso é tan importante o papel que están a desenvolver as súas propias asociacións. As administracións, en primeiro lugar as máis próximas aos cidadáns, como son os concellos, deberan apostar claramente por desenvolver políticas que faciliten a integración e o coñecemento mutuo. Non podemos vivir en camiños que aínda que paralelos, non se mesturan.

Desde os propios concellos deberan fomentala implicación do conxunto do movemento veciñal, cultural, sindical e dos propios inmigrantes, que permitiran implementar políticas sociais que garanta a todos os seus veciños, sen ningún tipo de discriminación, uns mínimos de vida. Trátase en definitiva de implicar á xente na vida dos seus barrios, e no coñecemento e respecto polo outro/a.

En calquera caso, acabo co obxectivo inicial deste artigo. Darlle os parabéns á Xunta de Galicia por esta acollida, e a benvida a estes mozos que obviamente viven a que, sen dúbida, será a experiencia máis dura da súa vida.
(Publicado o 18 de outubro de 2006 no Diario de Ferrol)

(Publicado no nº 21 de Razón Socialista e presentado en decembro de 2006)

En español

Palestina: A terra prometida (Nº 18, 2004)

O pasado ano desde Fuco Buxán organizamos sendos actos onde Palestina era un dos eixes. O acto contra a guerra de Iraq e solidario cos pobos palestino e iraquí; ademais, de presenta-lo libro “Palestina, grito por la Libertad” (Edicións do Castro), do Delegado da OLP en Galicia Mohamed Safa.
Estamos asistindo ao final dun ciclo no Próximo Oriente. A victoria electoral de Bush pode supoñer unha profundización da guerra como instrumento de dominación, en contra das liberdades cidadás, e de botín sobre as fontes enerxéticas que necesitan as multinacionais americanas. Todo elo, envolto cun discurso integrista cristián.
A enfermidade de Yaser Arafat obriga a unha transición en Palestina de difícil camiño e incerto destino, sendo necesario, aínda que non suficiente, un amplo acordo nacional. Os palestinos son un pobo masacrado polo Estado de Israel. O chamado terrorismo palestino afunde as súas raíces no terrorismo israelí, e para que desapareza é imprescindible recoñecer ao pobo palestino os seus dereitos inalienables. Un Estado Palestino en Palestina.
A mediados de xaneiro do 2005, dende esta entidade socio cultural, conscientes da necesidade dunha aproximación ao mundo árabe, imos organizar unha semana solidaria co Palestina. Contaremos con presencias ao máis alto nivel da Delegación de Palestina en España (Embaixada).
Así como, con ONGS que desenvolven o seu traballo humanitario nesta terra; exposicións e cun ciclo de cine palestino.
Outro mundo é posible, e Palestina tamén é a Terra Prometida para a Paz e o entendemento entre as Culturas.

APUNTES SOBRE A NOSA IDENTIDADE (Nº 11, 2001)

A realidade de Galicia fai que hoxe gocemos de dous idiomas, que como tais compiten, eso si, con desigualdade de medios pola súa preponderancia. É de saudar o desenrolo que tiveron os medios de expresión, nos derradeiros vinte anos, en lingua galega.
Mais, a presión ambiental do castelán sobre o galego multiplicase por mil. Curiosamente, hai sectores da poboación, tamén na nosa comarca, que ao carón desta “Nueva España, Una y Grande” do “maduro” Aznar, están alporizados polo “uso desmedido” que nos derradeiros tempos acadou o galego. Sobre todo na publicación de libros e na escola.
Asemade, as agresións que algúns “radicais” están a facer a profesores universitarios polo uso do castelán nas súas clases, como é o caso do bo amigo desta revista, Blanco Valdés, só serven para alimentar aínda máis o nacionalismo español.
Que as editoras que se criaron nestas dúas décadas publiquen fundamentalmente en galego, amosa tamén a incapacidade que ten a cultura galega en castelán para xerar iniciativas propias que facilite o seu desenrolo. Asistindo na práctica a que esta última sexa un subproducto da cultura española oficial, o que non está ao nivel dos seus representantes máis senlleiros (Valle Inclán, Concepción Arenal, Torrente Ballester, Cela, etc). En Catalunya hai fortes empresas que editan en catalán e tamén en castelán.
Por outra banda, os informes oficiais din que hai un enorme retroceso de galegos falantes, e polo tanto, nin a escola, nin os medios públicos galegos, nin as subvencións, serven para normalizalo uso do idioma.
Mentres o castelán é o idioma oficial que todos os españois temos o dereito e deber de coñecer, os outros tres idiomas españois só teñen o dereito máis non a obrigación. Ante o cal, toda normativa en defensa das outras linguas nacionais é sempre unha decisión política, que está sometida ao vaivén político.
Lembro que de cativo, eu que vivía nas Ferrerías, sufría unha dobre presión ambiental. Por unha banda, vivía nunha parroquia rural de Xuvia, galego falante. Mais cando ía ao “pueblo”, Ferrol, parecía cambiar de país xa que nuns poucos quilómetros mudaba o idioma. A miña familia é galego falante, mais os nenos respondíamos en castelán. Tíñamos un sentir en idioma galego pero na escola memorizábamos os verbos casteláns. Concluíndo, co paso do tempo non falamos nin escribimos correctamente en ningún dos dous idiomas, e a duras penas usámo-lo galego.
Pasaron vinte anos de autonomía galega. Avanzou o galego? As televisións, os xornais, as radios, os organismos estatais, incluso autonómicos utilizan de forma esaxerada o idioma castelán.
O idioma é fundamental para as persoas. Cando un non sabe expresarse correctamente, tanto na fala como na escrita, fáltalle o altofalante do seu sentir. E mentres exista o idioma galego seremos galegos.
Neste senso é fundamental que a esquerda galega recupere a súa memoria histórica na defensa do galeguismo, é dicir, do federalismo, e dun dos seus eixes centrais: o idioma galego. Hai quen quere agachar que o avance de Galicia como país tamén vén da man de xentes como Quintanilla Martínez ou Ramón Piñeiro, por citar dous exemplos. A este último hai quen non lle perdoa ter sido deputado socialista autonómico no ano 1981, xunto con Carlos Casares. E o que son as cousas, a lista a encabezaba un tal Paco Vázquez, de aquela defensor do galego, cando menos nos mitins.
Asistimos a unha grande ofensiva da dereita que usa o españolismo para unha involución nas liberdades e tamén de aquelas sinais de identidade da España plural que desde sempre existiu. As Hespañas con H de Castelao. Ler aos clásicos non cura os nacionalismos, nin español nin galego.
O día en que nas escolas, en vez de pór nas súas paredes o mapa político de España coas súas divisións “provinciais” e autonómicas, poñan un mapa da España multicultural e plurilingüe teremos andado unha boa parte do camiño.